Taboleiro

ACTO DE DESPEDIDA DA PROMOCIÓN DE 2º BACHARELATO 2024

O venres 7 de xuño tivo lugar o acto de despedida da promoción de 2º Bacharelato. Iniciouse ás 20 horas coa  intervención musical do músico estradense Manuel García Vicente, acompañado do tamén violinista IsmaelCabaleiro. O acto continuou cunha benvida da dirección do centro, seguida da proxección dun vídeo conmemorativo e resume destes seis anos no Losada, desta promoción que se despide. A profesora Sonia Iglesias en nome de todos os docentes, dirixiu un emotivo discurso ao alumnado e Xabier Ferro e Paula Puente falaron en nome dos homenaxeados, aos que se lles entregou un diploma e unha fotografía de recordo.

Para rematar, todos os asistentes compartiron un aperitivo na cafetería do centro.

Participaron 53 alumnos que cursaron o Bacharelato no centro así como as súas familias. Foi a promoción máis numerosa da historia do Losada. O evento estivo cheo de momentos de emoción, alegría e un chisco de nostalxia. Os nosos mellores desexos para o futuro.

Aí queda un resume coas mellores imaxes do evento (picando na imaxe podes ver as imaxes máis grandes, no flickr)

Acto despedida alumnado 2º Bachaelato 2024

 E tamén podes gozar co vídeo conmemorativo do paso polo Losada do alumnado que agora se despide.  

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DA ESO 2023-2024

Xa están convocados os Premios Extraordinarios da ESO ao rendemento académico. Curso 2023-2024


Dirixidos ao alumnado de 4º da ESO cunha nota media da etapa igual ou superior a 9 puntos. O alumnado que obteña o premio recibirá unha dotación económica de 1000 euros e un diploma acreditativo.
Realización da proba: 4 de setembro de 2024 
Presentación de solicitudes: debe presentarse o Anexo I na sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), ou, directamente, desde a propia aplicación «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/).
Prazo: 6 xuño – 6 xullo 2024
Acceso á convocatoria: https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/premios_esorend_2324_convocatoria_dog_g.pdf

AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR PARA O CURSO 2024-2025

O prazo para solicitar as axudas de material escolar e libros de texto remata o 21 de xuño (incluído).

Pode consultarse toda a información e documentación AQUÍ.

O alumnado matriculado na etapa da ESO no IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez está excluído da participación do fondo solidario de libros de texto ao estar implantado no centro o proxecto E-DIXGAL na ESO. Non obstante, poderá solicitar a axuda para adquirir material escolar.

ABERTO O PRAZO PARA A SOLICITUDE DE BOLSAS E AXUDAS NEAE

Está aberto o prazo para a solicitude de bolsas e axudas dirixidas ao alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) para o curso 2024/2025 ata o 13 de setembro.
Toda a información sobre a convocatoria pode consultarse AQUÍ
As familias que desexen realizar a solicitude deben poñerse en contacto co Departamento de Orientación do centro. 

CALENDARIO FIN DE CURSO 2024 2º BACHARELATO

Podes consultar e descargar o calendario fin de curso de 2º BACHARELATO AQUÍ

TODA A INFORMACIÓN SOBRE AS RECLAMACIÓNS, PRAZOS, E MODELOS DAS MESMAS AQUÍ

LETRAS GALEGAS 2024 NO LOSADA

O EDLG do Losada en colaboración con diversos Departamentos didácticos presenta a programación de actividades para a celebración das Letras Galegas 2024 dedicadas á escritora e música coruñesa Luísa Villalta:

1. Concurso de fotografía "Palabras de Luísa Villalta" e publicación da revista AS LETRAS DO LOSADA. Máis información AQUÍ.

2. Proxecto A CORUÑA DE LUÍSA VILLALTA, realizado polo Departamento de Artes Plásticas e alumnado da materia de Expresión Artística de 4º ESO, coa colaboración do EDLG. Máis información AQUÍ.

 

NOVA ACTIVIDADE DA ESCOLA DE FAMILIAS DO LOSADA

A ESCOLA DE FAMILIAS do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez presenta unha nova actividade desta iniciativa que naceu o curso pasado co obxectivo de crear un espazo  e un tempo de formación conxunta entre as familias e a escola, no que poidamos aprender xuntos, identificar os puntos fortes e débiles das nosas actuacións como educadoras e educadores, e acompañar o desenvolvemento o noso alumno (e dos nosos fillos e fillas) do xeito máis óptimo posible. 

Despois do encontro mantido coas familias no primeiro trimestre deste curso, e da interesantísima sesión sobre Redes sociais e saúde mental na adolescencia, compartida coa psiquiatra Iria Veiga Ramos, celebrada en xaneiro, presentamos unha nova actividade:


O acoso escolar. Que poden facer as familias?
Martina Martínez e Norma Pillado
Data: xoves 9 de maio de 2024
Hora: 19.30
Lugar: Biblioteca do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez

A actividade están convidadas as familias da comunidade educativa do Losada. O convite faise extensivo ao profesorado tamén.
Na iniciativa, contamos coa colaboración da ANPA do noso centro.

Martina Martínez. Mestra e psicóloga. Dende o ano 2006 orientadora de Educación Secundaria. Coordinadora de programas de convivencia e de igualdade e de Plans de Formación Permanente do Profesorado nas liñas de convivencia, igualdade e atención á diversidade. Ten formación especializada en convivencia, benestar emocional e prevención do acoso escolar. 

Norma Pillado. Docente de Educación Física en secundaria dende o ano 2000. Coordinadora de programas de convivencia como Equipo de Alumnado Axudante á Convivencia ou o Programa TEI de Titoría entre Iguais. Dirixe a súa formación e a súa práctica docente coa firme convicción de que a familia, o alumnado e o profesorado son eixes fundamentais na educación para a mellora da convivencia. Actualmente cursa o máster de acoso escolar e mediación.

AS IMAXES DA ACTIVIDADE AQUÍ

PRESÉNTASE NO FP INNOVA 2024 A MESA INTELIXENTE REALIZADA NO CB DE CARPINTARÍA



O alumnado do Ciclo Básico de Carpintaría e moble, dirixido polo profesorado do Departamento de Madeira do Losada foi o encargado de deseñar e realizar unha mesa para o proxecto de innovación de FP O Camiño de Santiago Sanabrés: unha viaxe gastronómica multisensorial  coordinado polo CIFP de Vilamarín (Ourense) e no que o IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez e o IES O Ribeiro foron centros colaboradores.
A mesa presentouse no FP INNOVA, no Gaiás, que se celebra estes días.
Os obxectivos deste proxecto son:
•    Desenvolver unha experiencia gastronómica innovadora.
•    Integrar tecnoloxía avanzada no ámbito da gastronomía.
•    Deseñar un percorrido gastronómico inspirado no Camiño de Santiago Sanabrés.
En resume trágtase de combinar tecnoloxía e a cociña de vangarda para a creación dunha experiencia gastronómica multisensorial en torno ao Camiño de Santiago Sanabrés, na que os usuarios poden interactuar con diversos elementos que enriquecen a súa vivencia.
O alumnado do centro participou no proxecto que consistía no deseño e realización dunha mesa “intelixente” na que se integran 4 pantallas táctiles para que os clientes poidan facer os pedidos á hora de xantar a través delas. 
A armazón da mesa e as súas patas son de madeira de iatandza, e a tapa é un taboleiro MDF. A estrutura esta fabricada para esconder os cables necesarios e leva un lacado branco para darlle unha apariencia máis limpa. O traballo desenvolveouse no transcurso de 3 semanas. A noticia foi recollida nas edicións locais de Voz de Galicia e Faro de Vigo

Pode verse neste pequeno vídeo un resume do seu proceso de fabricación:

PROCESO DE ADMISIÓN DAS PROBAS LIBRES DE TÍTULOS LOE/LOXSE DE FP

DESCARGAR CALENDARIO EN PDF

Xa está publicado o calendario do proceso de admisión das probas libres de títutlos de LOE/LOXE de Formación Profesional. Convocatoria 2023-2024. Pode consultarse toda a información AQUÍ.

 

 

CURSO DE CAPACITACIÓN DIXITAL NO LOSADA

 
O Instituto Antón Losada Diéguez da Estrada volve a ofrecer cursos de capacitación dixital básica para adultos. No último trimestre de 2023, un total de 47 persoas participaron nestes cursos no centro estradense. A nova edición dos cursos terá lugar das 16:30 ás 20:30, de luns a xoves, con dúas opcións de datas: a primeira quenda será do 8 ao 18 de abril e a segunda do 22 de abril ao 6 de maio.

Os temas que se tratarán inclúen o manexo básico do computador, a xestión do correo electrónico, o uso dos servizos coa chave 365 e medidas de seguridade e configuración en dispositivos móbiles. As inscricións poden facerse no rexistro do Concello da Estrada.