Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

CALENDARIO DE AULA 23-24

Máis imaxes no seguinte enlace

Acabados de saír do prelo, este xoves 19 de outubro foron entregados os calendarios de aula por un grupo de alumnas, pertencente ao EDLG. As rapazas foron explicando polas diferentes aulas os detalles que presenta o deseño gañador deste ano, obra da alumna de 2º ESO B, Nuria Alonso. Rodríguez. Cómpre dicir que o traballo gañador reflicte á perfección as bases requiridas. Así, aparece o debuxo da nosa heroína icónica, María Pita, co fondo da bandeira de Galicia. Elixir unha figura tan representativa da nosa cidade constitúe un óptimo enfoque, xa que o que se pedía era iso precisamente: renderlle unha homenaxe á escritora Luísa Villalta, para quen A Coruña constituíu unha das súas musas, a súa adorada Matria, a quen lle adicou boa parte da súa produción poética. Ademais, o lema que anima o uso do galego está moi acaído; “Defende o galego coma os nosos ancestros a nosa cidade”, un símil contundente e exhortativo, tendo en conta a afouteza coa cal a nosa María de Todas as Batallas defendeu a cidade herculina do ataque da Armada británica, no século XVI.

Por unha marabillosa casualidade, este calendario achega a comuñón de dúas mulleres exemplares no amor cara á súa terra: María Pita e mais Luísa Villalta. Encetando con isto, o dito calendario leva dous detalles significativos: por unha banda, e para nos adaptar aos novos tempos, o EDLG quixo inserir un código QR coa información de Galipedia sobre a nosa heroína; e, por outro lado, por ser o ano 2024 moi venturoso para a nosa cidade, e tamén para o noso instituto (foi antiga alumna, graduándose no curso 1973- 1974) ao dedicárselle o Día das Letras Galegas a Luísa Villalta, inclúense tamén uns versos da esgrevia autora, escollidos á mantenta, posto que van dirixidos á mocidade: “ O riso dos adolescentes perverte constantemente o ar/ e parece vir do lugar donde a culpa pretendeu sempre enganarnos/ o lugar que atafegadamente somos/ ao borde mesmo do futuro”. Na miña humilde interpretación, ao non contar ende mal co testemuño vivo de Luísa, a mocidade é ledicia, unha manifestación cinxida de culpas atávicas que lle veñen da infancia. Véñenme á cabeza as verbas sabias de Joan Manuel Serrat da súa canción/ himno Eses tolos baixiños: “Neno, deixa xa de foder coa pelota; iso non se di, iso non se fai, iso non se toca!”, sendo ás veces os adultos quen cortan con rexas tesoiras os seus soños.

Porén, como dicía o gran poeta alemán R. M. Rilke, “a verdadeira patria do home é a infancia”. Dela, do que vivimos, reflictirase o que imos ser de adultos, nun futuro que pide paso ás présas; da infancia, da adolescencia, é o que queda en nós, como esencia. Por iso, a mocidade é, xa que logo, o diamante en bruto da idade adulta, nun futuro que xa é presente.

Sen ningunha dúbida, estas fermosas verbas de Luísa Villalta, dirixidas aos mozos e ás mozas, amosan varios aspectos: o fondo coñecemento do sentir destes “tolos baixiños” (na súa faceta de docente), a actitude reflexiva do seu pensamento e o seu dominio lingüístico.

Oxalá que todas as probas, exames, traballos, saídas culturais, ... que iredes anotando neste calendario sexan de moito proveito e que gocedes un curso máis da fermosa viaxe do coñecemento, da sabedoría, que vos fará máis libres cada día. 

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

PUBLICACIÓN DE FRANCISCO DÍAZ-FIERRO VIQUEIRA

Publicación sobre o centenario do Seminario de Estudos Galegos. Pinchar no enlace de facebook 

MOITO QUE CELEBRAR !!!

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Nunha histórica xunta celebrada o 12 de outubro de 1923 en Ortoño (Ames), acordouse a creación do Seminario de Estudos Galegos, unha institución cultural creada por intelectuais galeguistas para estudar e espallar o patrimonio cultural galego, e tamén co obxectivo de formar investigadores. Na dita xuntanza participaron nove estudantes, recollendo a tradición da Junta de Ampliación de Estudos, promovida polo Instituto de Libre Enseñanza. Ao pouco tempo, intégrase nel boa parte da intelectualidade galeguista que se movía arredor da revista Nós.

Dado que aa utilización da lingua galega para realizar o traballo científico foi unha das súas maiores angueiras, O Departamento de Lingua Galega e Literatura e mais o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queren renderlle a súa particular homenaxe a esta efeméride, facendo un percorrido pola xénese desta institución e amosar como a lingua propia de Galicia serviu, está a a servir e, oxalá o faga por moitos anos, servirá de canle para transmitir todos os saberes científicos. 

O SEG estaba estruturado en doce seccións: Filoloxía, Arte e Letras, Etnografía, Historia, Prehistoria, Xeografía, Historia da Arte, Historia da Literatura, Pedagoxía, Ciencias Aplicadas e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.

Así, seguindo o ronsel desta prestixiosa institución, a presente exposición recolle material bibliográfico diverso, escrito en lingua galega, en diversas ciencias: Filoloxía, Literatura, Filosofía, Física e Química, Tecnoloxía, Historia da Arte, Relixión, Xeografía e Historia, Etnografía, Dereito, ….Malia que queda aínda moito camiño por andar, abofé as mulleres e homes que traballaron nesta inesquecible institución, dende o alén onde estean, poden descansar coa satisfacción do deber cumprido. 

Para rematar, o noso agradecemento para todo o profesorado que se implicou nesta exposición, ao achegar material propio e mais dos distintos departamentos.

No IESP Eusebio da Guarda da Coruña, no día 12 do mes de outono do ano 2023.

 

Beni Vidal Tomé (Xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura) e Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG) 

CALENDARIO DE AULA

IIº CONCURSO DE CALENDARIO DE AULA 2023-2024:

AMOR Á LINGUA E AMOR Á NOSA CIDADE. 2024, ANO VILLALTINO

O EDLG convocou o IIº Concurso de Calendario de Aula 2023-2024. A utilidade do dito calendario é para que o alumnado apunte cada mes todas as actividades académicas que teña: exames, saídas culturais, visitas de persoeiros, traballos …. Nesta ocasión, dado que o noso instituto ten moitas homenaxes por diante cara á nosa antiga alumna emérita, a escritora Luísa Villalta, o lema e mais a fotografía ou debuxo terían que ser alusivos á cidade da Coruña, xa que a esgrevia autora coruñesa amosou un enorme amor á súa Matria- A Coruña. É, pois, un elo máis na cadea de recoñecementos para esta autora polifacética, de quen tiven o pracer de organizarlle unha premonitoria homenaxe o pasado 8 de maio no Salón de Actos do noso instituto. Ende ben. días máis tarde a RAG anunciou a nova arelada: Luísa Villalta, autora a quen se lle adicará o Día das Letras Galegas 2024. Por achegar un fermoso e acaído lema de amor á nosa lingua e debuxar a nosa senlleira María Pita, o EDLG resolveu concederlle o premio á alumna de 2º ESO B Nuria Alonso Rodríguez, quen recibiu unha tarxeta agasallo de 25 euros, para gastar na FNAC. O acto da entrega, o pasado 10 de outubro, foi realizado pola directora Mª Isabel Ruso de Lago, e mais pola coordinadora do EDLG Teresa Pastor Novo.

Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)

UN PASEO POLA CORUÑA MODERNISTA

Para acceder a todas as imaxes pinchar na imaxe

Un ano máis, o luns 9 de outubro o Departamento de Xeografía e Historia, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, organizou unha visita pola Coruña Modernista. O catedrático de Xeografía e Historia Abel Fernández Maroño foi o encargado de explicar a historia dos edificios máis emblemáticos deseñados nese estilo artístico, construídos na cidade herculina nos primeiros anos do século pasado. Á parte da información histórica achegada, serviu tamén para recrear curiosas anécdotas relativas á flora dos Xardíns de Méndez Núñez; costumes cotiás das mulleres doutrora, algunhas levadas ao extremo da integridade física, como o consumo do láudano; modas provenientes de ultramar; algún episodio escuro acontecido seica nalgún dos edificios, mesmo levado á ficción literaria; …. constituíron un interesante percorrido, nunha calorosa tarde do mes de outono. Ás persoas participantes foilles entregado cadanseu folleto explicativo, cuxa tradución e confección correu a cargo da profesora de Lingua Galega e Literatura e mais coordinadora do EDLG Teresa Pastor Novo. Esta actividade estivo dirixida a todo o profesorado do centro, especialmente para o que acaba de chegar este ano, como un acto de confraternidade e achegamento á marabillosa arquitectura traída por este movemento á nosa cidade.

Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)

Día das Letras Galegas 2024 para Luísa Villalta, emérita antiga alumna deste instituto

 Para acceder a máis imaxes pinchar no enlace

Para acceder ao artigo publicado en prensa pinchar no enlace

O 29 de xuño do 2023 ficará para sempre nas miñas lembranzas máis felices. Nin en soños imaxinei que aquela fermosa homenaxe que tiven o pracer de organizarlle a esta excelsa escritora o pasado 8 de maio tivese como broche de ouro tan magnífica e merecida noticia: a escritora coruñesa Luísa Villalta, emérita antiga alumna do Instituto Eusebio da Guarda, ten un oco de seu entre os grandes persoeiros das nosas letras. En efecto, tras rematar os estudos primarios no desaparecido Colexio das Xosefinas, entrou no curso 1967-1968 no noso centro, para proseguir a súa vida académica no ensino medio, obtendo o título de Bacharel no ano 1973.

Este vello instituto foi o espazo que habitou unha adolescente con múltiples aptitudes. Un vello edificio, testemuña quizais das súas primeiras creacións literarias e inquedanzas artísticas e sociais. Uns mudos corredores de rexa madeira que se aledan por ter sido pisados por mozos e mozas que, coma Luísa, despregaron as súas ás para voar moi alto. Vénme á memoria a canción do tamén tristemente desaparecido a unha idade temperá, Antonio Vega: “El sitio de mi recreo”. Nela fala deses lugares que imos coñecendo ao longo da vida, desas “paisaxes” cargadas de nostalxia. Abofé Luísa Villalta ten aquí para sempre “o sitio do seu recreo”, ese lugar “onde nos levou a imaxinación/ onde cos ollos pechados/ se albiscan infinitos campos”. Día grande hoxe para a voz dunha muller comprometida coa PALABRA con maiúsculas, para unha coruñesa de pro, para a Gran Dama da Cidade Alta. En toda Galicia o 17 de maio de 2024 haberá festa, pero aquí, na nosa cidade, haberá “festa rachada”, porque como ela manifestou no seu Poema da Cidade Alta “veño de aquí/ unha historia de palabras/ nas casas da cabeza e nos chanzos do corazón...”. A Coruña foi a súa Matria e levou o seu nome coma bandeira enarborada, aquí “onde se creou a primeira luz, / xermolou a semente do ceo azul/ volverei a ese lugar onde nacín”, collendo de novo as letras da nomeada canción de Vega, Hoxe o día amenceu con choiva, ou iso parecía. Pero, non; foron as bágoas de ledicia de Luísa dende o ceo, agradecendo tan xusto recoñecemento polo vindeiro e gorentoso ano 2024, inzado cada un dos seus días das súas verbas inmorredoiras. Parabéns, Luísa! É de xustiza.

Teresa Pastor Novo

(Profesora de Lingua Galega e Literatura

e coordinadora do EDLG)

Festa de San Xoán

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

E xa vai o curso! Como remate das actividades do EDLG, este montou unha pequena exposición sobre esta festividade tan de noso e máis aquí na nosa cidade, A Coruña, onde se achegan milleiros de persoas ata o areal de Riazor, nunha festa Declarada de Interese Turístico Nacional. Así, nas aulas foron tratados diversos aspectos sobre as tradicións desta efeméride e o alumnado de 1º ESO A e D, cooordinados pola súa profesora Teresa Pastor Novo, realizaron distintas actividades, entre as que cómpre subliñar: elaboración dunha cacharela con cartolinas, recompilación de coplas e refraneiro do San Xoán e procura de información das herbiñas de San Xoán e os seus poderes espirituais e terapéuticos. Ademais disto, e para poñer en práctica os seus coñecementos de semántica adquiridos neste curso, escribiron hipónimos do hiperónimo “San Xoán”.

Con esta actividade, O EDLG ponlles fin ás múltiples actividades desenvoltas durante este curso 2022-2023 e quérelles agradecer a todas as persoas que se implicaron (alumnado, profesorado, persoal non docente, ...) a súa inestimable achega e entusiasmo, que nos dá azos para seguirmos traballando os vindeiros cursos con tanta ou máis ilusión por prestixiar a nosa lingua.

Moitas grazas e feliz verán!!!!!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

Teatro nas aulas: comedias de situación (as célebres sitcom)

Cumprindo coa programación do terceiro trimestre, o alumnado de 1º ESO A e D, coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura, Teresa Pastor Novo, estudou as características do xénero dramático, facendo na clase lecturas dramatizadas. Ademais disto, explicóuselle o que eran as sitcom (abreviatura de Situation Comedy) ou comedias de situación, cuxa orixe estaría nos anos 60 nos EE.UU.

Así pois, os alumnos e alumnas destes grupos desenvolveron a súa faceta cómica e creativa, ao teren que crear eles mesmos un texto teatral, distribuídos en grupos de tres ou catro. Para iso, puxeron en práctica o seu enxeño, humor e coñecementos adquiridos. Cómpre salientar que foron uns excelentes dramaturgos, ao inventar a trama, con anotacións incluídas, cunha acción autoconclusiva, baseada na broma verbal e a broma visual (gag). A única condición que debían respectar foi o espazo común, que se podía desenvolver nunha axencia de viaxes ou nunha inmobiliaria. E para completar o éxito desta actividade, representaron na aula as súas pezas, logo de ensaialas con moita profesionalidade.

Máis representacións: 

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

Celebración do Día das Letras Galegas: hogano, dobre festa!

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Celebrouse no centro tan senlleira data, adicada este ano a Francisco Fernández del Riego, o polifacético fundador da Editorial Galaxia, quen destacou cunha impecable traxectoria vencellada non só ao mundo da cultura, senón tamén ao da actividade política. Traballáronse nas aulas as diversas facetas deste esgrevio intelectual, continuador do ideario do Grupo Nós e, xa antes, das Irmandades da Fala, un de cuxos membros, por certo, Xohán Vicente Viqueira, foi catedrático de Filosofía neste instituto. Así, montouse no vestíbulo principal do 1º andar do Edificio histórico unha exposición co material enviado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e cunha selección de libros do dito autor e tamén doutros escritores que fixeron cadansúas versións da súa semblanza. 

Alén disto, dentro da Semana das Letras Galegas, unha profesora substituta do noso departamento, Alba María Rodríguez, recoñecida cantante e regueifeira, impartiu un obradoiro destes cantares improvisados para o alumnado de 3º e 4º da ESO. Ademais de pasaren un tempo moi divertido, as alumnas e alumnos constataron que cómpre recuperar estas manifestacións da literatura oral, facendo que este xénero sexa atractivo para as xeracións máis novas, onde teñen cabida cuestións de actualidade como o ecoloxismo, o feminismo, a loita contra a discriminación, e máis temas de interese para a rapazada.

E, nunha marabillosa serendipia, hogano o Día das Letras Galegas cómpre festexalo con foguetes de sete estalos, porque tamén se cumpren os 160 anos da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Ademais, hai que lembrar que Francisco Fernández del Riego foi o principal impulsor da celebración dun día para a nosa lingua, e a primeira escritora homenaxeada non podía ser outra que a nomeada “meniña gaiteira”, da que o intelectual mindoniense foi un afervoado admirador. Tamén se fixo unha homenaxe a este feito asemade coa exposición de Fernández del Riego, e a regueifeira Alba María tivo a xentileza de cantalo nunha sinxela e á vez magnífica regueifa. Máis primaveras para as nosas letras!

 
Teresa Pastor Novo
 
(Coordinadora do EDLG)

I CONCURSO DE BANDA DESEÑADA

Acceso ás fotos. Pinchar no enlace

O EDLG, en colaboración co grupo Iguais na diversidade, convocou no mes de maio o I CONCURSO DE BANDA DESEÑADA, dirixido ao alumnado de 1º ESO. Este tipo de tipoloxía textual e icónica foi materia de estudo na terceira avaliación neste nivel educativo, impartido polas profesoras de Lingua Galega e Literatura Carmen Edreira e Teresa Pastor Novo. Foi un traballo multidisciplinar, onde tamén colaborou o Departamento de Educación Plástica e Audiovisual, co seu profesor Carlos Montes Pedreira.

A temática estivo focalizada en diferentes historias, cuxo denominador común foi salientar o valor da diversidade. As obras, orixinais e inéditas, tiveron que recrear unha historia empregando os recursos visuais esenciais e específicos da linguaxe da banda deseñada. Outorgouse un único premio para dúas categorías: á creatividade e orixinalidade, e tamén á técnica. A valoración dos traballos presentados baseouse en criterios de creatividade, orixinalidade, forza visual e narrativa, calidade literaria e artística, e capacidade de suscitar una resposta entusiasta coa lectura dos mesmos. Así, resultaron gañadoras as alumnas Nuria Alonso Rodríguez (á creatividade e orixinalidade) e Lucía Borreguero Niederleytn ( á técnica), ambas de 1º ESO B, que recibiron un cheque agasallo de 20 euros, para gastar en El Corte Inglés, dado polo grupo Iguais na diversidade. As rapazas galardoadas recibiron os premios o pasado 6 de xuño, a mans da profesora de Matemáticas e membro do EDLG, Beatriz Sixto, e tamén levaron cadansúas tote bags con mensaxes dinamizadoras da lingua, premiadas na pasada Festa da Candeloria. Longa vida á banda deseñada, onde temos na nosa terra ilustres representantes!!!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

CANTARES DE CEGO: OS CRONISTAS DOS SUCESOS

O alumnado de 1º BACH A e E, coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura, Teresa Pastor Novo, elaborou un traballo práctico sobre a literatura galega de tradición oral, concretamente sobre os cantares de cego, historias rimadas, máis ou menos longas, en forma de romance. Noutrora, as persoas invidentes actuaban coma unha sorte de cronistas que levaban novas ás aldeas e poboacións, cuxas temáticas de preferencia eran asuntos do máis escabroso, moi do gusto do pobo: crimes de paixóns, agresións, raptos, desgrazas colectivas, …. Deste modo, a canción entendida como unha composición en verso destinada para ser cantada, foi obxecto de estudo na 3ª avaliación, e máis concretamente, a canción tradicional. Así, os alumnos e alumnas traballaron distintos romances de cego da nosa literatura popular e, logo de teren a técnica aprendida, compuxeron eles mesmos a copla, cunha rima doada e adaptándose os versos ás frases musicais. Á parte disto, e para pór en práctica os seus coñecementos teóricos sobre as desviacións da norma, inseriron á mantenta vulgarismos, hipergaleguismos, castelanismos lusismos, arcaísmos e dialectalismos, cunha linguaxe popular, procurando os gustos do auditorio. Como seguinte paso, realizaron os debuxos do cartelón ou maltraña, que acompañaba a posta en escena do cego.

Así, títulos tan sensacionalistas como: “Soldado nunha guerra”, “A vinganza dun pai asasino”, “Mariñeiro sen compás”, “O asasinato de Gabriel”, “O desastre do Prestige”, “O desenlace do pranto da Frouxeira”, “O último alento dunha nai”, “Violada e queimada”, “A condesa sangrienta”, “O asasinato de Mondariz”, “O caso Madeleine”, “Cantar da katana”, “O Villa de Pitanxo” e “Accidente en Carral” compoñen os argumentos destas coplas, con case rango de crónicas de sucesos, que elaborou o alumnado destes cursos, baseándose, por desgraza, en feitos reais.

Do seus traballos instalouse unha exposición nun dos corredores do edificio histórico onde, á maneira máis tradicional, penduraron as súas maltrañas ou cartelóns, acompañados de cadanseus romances. Na dita exposición tamén se puideron ver uns cantares transcritos a Braille, por xentileza da ONCE, con quen vén colaborando esta profesora nesta actividade dende hai máis de dúas décadas. Como broche de ouro, algúns alumnos e alumnas atrevéronse a interpretar os seus romances, de xeito brillante.

Enlaces aos vídeos do alumnado en Youtube: Vídeo 1, Vídeo 2, Vídeo 3, Vídeo 4

Acceso ás fotos. Pinchar no enlace

Moitos parabéns, benqueridos cantores e cantoras!

Teresa Pastor Novo

(Profesora de Lingua Galega e Literatura e coordinadora do EDLG)

Charla Obradoiro de Banda Deseñada de Inés Vázquez Ramallal

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Un alumnado moi COMICo

Na véspera do Día das Letras Galegas tivemos a honra de recibir a visita dunha das figuras máis importantes da Banda deseñada en Galicia e fóra da nosa terra: a escritora Inés Vázquez Ramallal, autora do libro Aldara. A lenda do cervo branco (Demo Editorial), proposta polas profesoras Carmen Edreira e Teresa Pastor Novo para o seu alumnado de 1o ESO. O dito volume foi galardoado nos Premios Follas Novas do libro galego, na categoría de banda deseñada. E non foi casual escoller esta data, por varias razóns: a principal, polo seu compromiso coa lingua propia, ao levar o galego ao eido da banda deseñada. 

Tamén cómpre salientar o feito de que a obra recende á nosa terra por cada recuncho xa que, como a propia autora manifestou, situou a acción da obra no leste da provincia de Lugo, por terras dos Ancares, indo a documentarse in situ sobre costumes, vivendas tradicionais, carácter das xentes, ... E, como boa galega, concretamente do concello de Carral, inseriu na historia elementos fantásticos e do mundo do Alén, ao puro estilo de Ánxel Fole.

Sen dúbida a rapazada gozou da maxia de ter diante dos seus ollos a persoa que ideou esa historia e quedou abraiada non só pola explicación de como creou esta obra, senón tamén pola magnífica clase maxistral que deu asemade, cun pequeno obradoiro que impartiu sobre os elementos da banda deseñada. Ademais, o alumnado tivo o privilexio de ter nas súas mans os bosquexos dos debuxos do libro, feitos a lapis, e que autora non dubidou en mostrar con sumo pracer.

Por último, os rapaces e rapazas marcharon felices coas súas dedicatorias personalizadas en cadanseus libros, que lles asinou a escritora, todo isto decorado cos traballos de banda deseñada que o alumnado elaborou, baixo a supervisión do seu profesor de Plástica Carlos Montes Pedreira.

Teresa Pastor Novo (Profesora de Lingua Galega e Literatura e coordinadora do EDLG)

LUÍSA VILLALTA, O OLLAR CALMO DAS PALABRAS

O pasado luns 8 de maio ás 16:15 h tivo lugar no Salón de Actos do IES P. Eusebio da Guarda un acto de homenaxe á escritora e violinista coruñesa Luísa Villalta Gómez. Baixo o título “O ollar calmo das palabras” a organizadora deste acto, a profesora de Lingua Galega e Literatura e coordinadora do EDLG, Teresa Pastor Novo, quixo renderlle un merecidísimo e persoal tributo a unha das voces máis importantes da literatura galega das últimas décadas.

Malia que foi no campo da poesía onde desenvolveu a súa faceta máis prolífica, cultivou de xeito maxistral outros xéneros, o que lle valeu o recoñecemento en diversos certames. Atendendo á súa terra natal, A Coruña, a homenaxe  foi  deseñada  como a  singradura  dun barco, recalando en diferentes portos, entre os que destacaron: o coruñesismo: a simbiose de Luísa coa súa terra, coa súa Matria; o papel da música, o seu nó indisoluble coa súa gorentosa creación literaria; a docencia e a poesía: o ollar calmo das palabras; o seu compromiso coa lingua, como principal sinal identitario; o seu legado, o respecto pola súa memoria; e, finalmente, unhas sentidas verbas finais, onde se resalta¡ou a misión nosa: a de transmitir xeración tras xeración as verbas inmorredoiras da esgrevia autora coruñesa.

O emotivo acto, que contou coa asistencia da irmá e mais da nai da homenaxeada, así como diversas autoridades e expertos na súa obra, supuxo unha combinación da súa dimensión como escritora e mais como virtuosa do violín. Por este motivo, a música cobrou un papel moi destacado, coa actuación do alumnado do centro quen, baixo a coordinación da súa profesora de Música Rosa Mª Rodríguez Rivas, interpretou distintas pezas moi significativas para a autora, orgullosa do seu berce na cidade herculina. Pola súa infinda capacidade creativa e fondura de pensamento, manifesto claramente que esta dama da Cidade Alta é máis que merecente de ter, máis cedo que tarde, un oco de seu no Día das Letras Galegas.

Para rematar, sempre gardarei nas miñas fermosas lembranzas da docencia unha fermosa tarde do mes das flores, dun maio, maíño do ano 2023, onde todas as persoas presentes nesta homenaxe contribuímos para facerlle a Luísa Villalta Gómez un humilde recoñecemento, pero cunha manchea de corazóns.

Teresa Pastor Novo

(Profesora de Lengua e Literatura Galega, Coordinadora do EDLG)

Acceso ao artigo publicado na Opinión. Pinchar no enlace

Acceso ao tríptico da actividade. Pinchar no enlace

Acceso ás fotos da actividade. Pinchar no enlace

Visita a Padrón e a Santiago de Compostela

Acceso a todas as fotos

O pasado 13 de abril o Departamento de Lingua Galega e Literatura e mais o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizaron unha viaxe cultural a Padrón e a Santiago de Compostela, dirixida a todos os grupos de 1º de Bacharelato, dentro do apartado de “Visitas e saídas culturais”, correspondente ao Plan anual de actividades para a potenciación do uso da Lingua Galega 2022-2023.

A primeira parada foi en Padrón, concretamente na Casa Museo Rosalía de Castro coñecida como a Casa da Matanza, escenario do pasamento da autora, en 1885. Alí o alumnado puido contemplar a derradeira residencia da poetisa, con fotos dela, recordos e escritos persoais e multitude de obxectos cotiáns da Galicia do século XIX. Asemade, puideron gozar do xardín, onde as camelias ocupan un lugar protagónico. O alumnado asinou no libro de visitas cunha fermosa dedicatoria: “Airiños, airiños, aires,/ sempre contigo, meniña gaiteira. Alumnado do IES P. Eusebio da Guarda. Ano 2023”.

De alí, o seguinte destino foi a Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia (antiga Colexiata), de grande interese histórico, antiga Sé Episcopal, considerada o primeiro templo mariano do mundo, sendo unha das igrexas máis antigas do mundo. No seu camposanto, o de Adina, foi o primeiro lugar onde repousaron os restos de Rosalía de Castro, durante seis anos, antes de seren trasladados definitivamente ao Panteón de Galegos Ilustres. Na mesma campa, o alumnado puido ver a sinxela lousa baixo a cal está soterrado o primeiro escritor galego galardoado co Premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela.

A continuación, o seguinte lugar de interese foi a visita á Fundación Pública Galega Camilo José Cela, situada en fronte da colexiata, nunhas casas construídas para a residencia dos coengos no século XVIII. Alí puideron inmiscirse na vida e obra do autor, manuscritos e coleccións privadas. Nunha vista guiada que percorreu toda a biografía do autor, o alumnado tamén escoitou con interese divertidas anécdotas do escritor, así como coñecer o nó de amizade que o vencellou con outro grande xenio, Pablo Picasso.

Unha vez vistos estes puntos de interese en Padrón, a excursión encamiñouse cara a Santiago de Compostela. Así, a primeira parada foi na estatua de Rosalía de Castro, no Paseo da Ferradura do Parque da Alameda. Alí, como representación de todo o alumnado de 1º Bach, cinco estudantes leron catro poemas representativos da poetisa: “Silencio”, “Negra sombra”, “Airiños, airiños, aires” e “A xustiza pola man”.

Despois do tempo de xantar, o derradeiro lugar visitado foi a Igrexa de San Domingos de Bonaval, onde se atopa o Panteón de Galegos Ilustres. Este templo é un lugar asociado á memoria galeguista, pois nel descansan, entre outros, Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas e Ramón Cabanillas.

Cómpre salientar que mobilizar un grupo de 140 estudantes non foi tarefa doada, mais é de xustiza comentar que o comportamento de todo o alumnado foi óptimo.

Para rematar, o cansanzo desta apertada xornada e mais algunha que outra chuvieira non impediron que todos, alumnado e profesorado, gardemos na memoria un fermoso día de abril (“Nasín cando as prantas nasen/ no mes das froles nasín, /nunha alborada mainiña,/ nunha alborada de abril), onde fixemos unha viaxe no tempo da man de figuras esgrevias das nosas letras.

Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)

Charla/obradoiro do youtubeiro Éric Dopazo

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

O pasado venres 31 de marzo levouse a cabo unha actividade integrada no contrato-programa Inclúe, liña Iguála-T, organizado pola profesora coordinadora do grupo Iguais na Diversidade, Noemí Díaz, dentro do apartado “Obradoiros”, en en colaboración co Equipo de Dinamización de Lingua Galega. Tratouse dunha charla/obradoiro que tivo lugar no Salón de actos, dirixida ao alumnado de 3o ESO, do músico e youtuber Éric Dopazo, que escribe música e fai videos en lingua galega en Youtube, ademais de ser premiado como mellor youtubeiro en 2022 (no concurso Youtubeir@s). Rapaz trans (aínda que este non foi o tema principal do obradoiro, pero é importante para naturalizar e poñer en valor a diversidade das persoas) ofreceu un relatorio lúdico e distendido sobre aspectos autobiográficos e tamén sobre diferentes personaxes históricos, dende unha perspectiva provocadora, acaída para a idade do auditorio. Dende o EDLG, a coordinadora do mesmo, Teresa Pastor Novo, quixo agradecer de igual xeito o seu compromiso co uso da lingua galega, achegándoa aos tempos modernos e apta para ser empregada en todos os foros. Por tal motivo, recibiu un agasallo deste equipo, de mans da profesora e membro do EDLG, Noemí Díaz.

Visita de Fuco Paz Souto no centro

Toda a información da actividade pinchando nos seguintes enlaces:

 

Proxecto Neo

Este curso desde o EDLG do IES Eusebio da Guarda, integrámonos no Proxecto Neo, unha iniciativa que naceu hai xa moitos anos en Burela da man do profesor Bernardo Penabade, e que busca potenciar e visibilizar os e as neofalantes de toda Galiza a través da radio escolar. 

Así, pescudando na nosa comunidade educativa demos con varios/as neofalantes de diversos tipos; profesores/as ou estudantes, todos/as teñen en común un uso consciente da lingua, a constancia no emprego do idioma, e mais un proceso de fonda reflexión sociocultural e histórica que impulsa ao compromiso lingüístico. Hai quen descubriu o galego coas escolas infantís da Galiña Azul, ou quen se namorou das variedades dialectais dos seus avós e avoas, quen abrazou o galego por amor e quen o fala por pura lóxica. 

Hai neofalantes para todos os gustos. Convidámosvos a coñecelos/as e, por que non? A deixarvos enfeitizar.

Para acceder a toda a información do proxecto Neo pinchar no enlace

 

                                         EDLG do IES Eusebio da Guarda

Día da Poesía

 Para acceder a todas as fotos pinchar na imaxe  

O pasado 21 de marzo conmemorouse o Día Mundial da Poesía. Cómpre destacar que a UNESCO adoptou por vez primeira esta data durante a súa 30ª Conferencia Xeral en París en 1999, co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e fomentar a visibilización daquelas linguas que se encontran en perigo. 

Esta efeméride é unha óptima ocasión para honrar os poetas e poetisas, facer recitados, estimular a lectura, a escritura e o ensino da poesía, ao tempo que se promova a converxencia desta con outras artes como o teatro, a danza, a música e a pintura. 

Así, este ano a Real Academia Galega decidiu adicarlle este día ao polifacético escritor lugués Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 – Romeán, 2021), persoeiro moi comprometido coa súa terra e a súa lingua. Por este motivo, o Departamento de Lingua Galega e Literatura, xunto co EDLG, decidiron levar ao pé da letra estas consignas e celebraron esta data cunha exposición sobre o dito autor, onde se poden ver os traballos realizados polo alumnado para honrar a súa memoria. Foi un poeta canónico que se inspirou noutro grande, Manuel María, co que contactou e trabou amizade sendo case un poeta adolescente. Conxugando a mestría de ambos autores, o alumnado de 1º ESO A e D, coordinados pola súa profesora Teresa Pastor Novo, aproveitando os inicios da aprendizaxe sobre versificación, elaboraron coplas a Galicia, seguindo o poema homónimo de Manuel María.

Ademais, as profesoras do Departamento de Lingua Galega e Literatura Beni Vidal Tomé (xefa do Departamento), Dulce Fernández Graña e Teresa Pastor Novo gravaron un audio co recitado dun poema da súa escolla, como complemento a esta actividade. Oxalá a mocidade se exprese cada vez máis en termos poéticos, porque como ben dixo outro senlleiro poeta lugués, Luís Pimentel, “a Poesía é o milagre meirande do mundo”. Moitos parabéns, poesía!

  

 

 
                   
      Teresa Pastor Novo  (Coordinadora do EDLG)

Visita de persoeiros: José Alfeirán Rodríguez

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Onte, 14 de marzo, recibimos a visita do catedrático e historiador José Alfeirán Rodríguez, no marco dunha actividade coordinada polo profesor de Xeografía e Historia Abel Fernández Maroño, en colaboración co EDLG. Logo do recibimento e presentación realizados pola directora Isabel Ruso de Lago, deu comezo o seu relatorio nun Salón de Actos ateigado, destacando a presenza de varios profesores e profesoras e mais o alumnado dos 1ºs de Bacharelato de CC. Sociais e Humanidades xunto co de Letras. O profesor, erudito en Historia Contemporánea, explicoulle á mocidade o contexto sociopolítico no que se desenvolvería o nacemento e primeiros anos de vida na cidade herculina dunha das coruñesas con máis proxección internacional: María Casares.

Reputada actriz de teatro e cine, houbo de trasladar a súa residencia a Francia, con apenas oito anos, cara a un longo exilio, ao ser represaliado o seu pai, Santiago Casares Quiroga, quen fora ministro e xefe de Goberno da Segunda República Española, baixo a presidencia de Manuel Azaña.

Nunha lección maxistral, o profesor Alfeirán engaiolou un auditorio con diversas curiosidades explicadas a partir do álbum fotográfico familiar conservado. Así, entre outras, explicou o seu segundo nome, Victoria, cunha foto onde aparece unha pequecha María, vestida cun curioso vestidiño “pelele”, coas pernas espidas. Seica a gadaña da tuberculose deixara varias fendas familiares e por iso, os pais decidiron vestila deste xeito, mesmo no cru inverno, para que se fixese forte e aturase todos os embates das doenzas infantís, co fin de que saíse vitoriosa no duro camiño da vida.

Outra fotografía que deu pé a interesantes comentarios, foi a dunha María moza, xa na súa faceta artística, nunha estampa que daquela resultaba irreverente: abrazada a un rapaz e ataviada seguindo a moda das mulleres “flappers” americanas, unha adiantada aos seus tempos.

En definitiva, unha charla que suscitou o interese do alumnado e do profesorado alí presente. Tralo acto, o historiador foi agasallado cun prato de Sargadelos, entregado pola directora Isabel Ruso de Lago. Asemade, a coordinadora do EDLG, Teresa Pastor Novo, aproveitou para lembrarlle ao auditorio que aquí, na nosa cidade, foron creadas as Irmandades da Fala en 1916, sendo un dos seus principais obxectivos impulsar o uso do galego en todos os ámbitos sociais e culturais, polo que lle agradeceu dobremente o seu labor divulgativo empregando a nosa lingua e, en xeral, o seu compromiso coa cultura propia, ao mergullarnos nunha intensa viaxe  pola vida da grande actriz coruñesa, María Casares. Por todo isto, a coordinadora, en representación do EDLG, tamén lle fixo entrega dun agasallo de cerámica galega.

                                                                            Teresa Pastor Novo

                                                                            Coordinadora do EDLG 

Premios M. Peleteiro

Para acceder a máis fotos pinchar no enlace

Este alumnado tenvos moito conto ….

Un ano máis o centro educativo compostelán M. Peleteiro vén de resolver os premios dun certame escolar dos máis lonxevos de Galicia, os prestixiosos Minerva, na súa edición 51. O dito concurso comezou a desenvolverse aló polo ano 1963, por iniciativa do profesor Abuín de Tembra, e non puido ter mellor padriño iniciático que o gran escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, o mestre da simbiose da fantasía coa realidade cotiá de noso.

Así, na modalidade de narración, a representación do IES P. Eusebio da Guarda non puido ser mellor: Marta Rodríguez González, de 1º Bach F e alumna da profesora Dulce Fernández Graña, acadou o 3º premio, cunha dotación económica de 250 € e medalla; e Samuel López García, de 1º Bach E e alumno da profesora Teresa Pastor Novo, conseguiu tamén medalla e un dos tres accésits concedidos por un xurado que loou a grande calidade dos traballos presentados.

Na mañá de hoxe 13 de marzo posaron para a posteridade no Departamento de Lingua Galega e Literatura, sendo arroupados pola Directora, Isabel Ruso de Lago; pola coordinadora de Bacharelato e Xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura, Beni Vidal Tomé; e polas súas orgullosísimas profesoras, anteriormente citadas.

Nunha brincadeira cos títulos dos vosos traballos galardoados, oxalá, Marta, despois da túa gran tormenta veña un arco da vella inzado de títulos atraentes cos que nos vas agasallar en breve. E vivir da literatura, Samuel, abofé é unha opción marabillosa e un soño que vas materializar, no canto de vivir morto.

Dende o EDLG quixera expresar o meu fondo respecto polo Colexio M. Peleteiro quen, sen ningunha dúbida, leva amosando todos estes anos un sentido ético de compromiso coa nosa lingua propia, ao fomentar o uso do galego no ámbito educativo neste certame dirixido para alumnado de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de toda Galicia.

Por último, o noso desexo é que sexades novos elos nesa cadea de magníficos autores e autoras xa consagrados e que vindeiras xeracións poidan gozar da lectura das vosas producións. Moitos parabéns!!!!

                                                                                                                 Teresa Pastor Novo

                                                                                                                (Coordinadora do EDLG) 

Distribuir contido


by Dr. Radut