Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Levemos posto o galego !

 Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

O pasado 2 de febreiro, con motivo da Festa da Candeloria, o EDLG convocou un concurso de lemas ou frases de amor para imprimir en bolsas de tea, as populares tote bags, que tanto lle gusta levar á rapaza, nunha moda que exhibe mensaxes de todo tipo, en diferentes códigos. Pois xa, acabadas de saír do prelo, este martes 7 de marzo fóronlles entregadas ás rapazas gañadoras cadansúas bolsas, nas tres categorías: amor como atracción física- namoramento (Vega Armada Santos, de 1º BACH A), amor á nosa lingua (Nuria Alonso Rodríguez, de 1º ESO B) e amor á nosa terra (Ariana Crego Romero, de 1º ESO D).Como o obxectivo principal deste EDLG é promocionar a nosa lingua, agora ….. levemos posto o galego!!! Parabéns, rapazas!!

                                                                                  Teresa Pastor Novo,  coordinadora do EDLG

Máis sobre Rosalía

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace 

  23 DE FEBREIRO: FLORES PARA ROSALÍA

O pasado 23 de febreiro o EDLG quixo homenaxear a Rosalía de Castro, no día do seu aniversario. En efecto, dende o 23 de febreiro de 2022, o día de nacemento da nosa galega máis universal hónrase nesa data, xa que antes se facía o 24. Isto ten a súa explicación, grazas á investigación levada ao cabo pola profesora Sagrario Abelleira. Concretamente o 23 de febreiro de 1837 ás 4:00 h da madrugada naceu a esgrevia poetisa, segundo o que aparece escrito no expediente matrimonial de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, recuperado do Arquivo Histórico Diocesano de Madrid, logo do traballo realizado pola antes nomeada profesora. Tras este achádego, a Xunta cambiou a data do 24 ao 23, conforme ao día real do seu nacemento, para establecer oficialmente a efeméride do Día de Rosalía.

Así, o EDLG quixo destacar este día cun poster en papel pluma cunha fotografía dela na que aparecía a data do 23 de febreiro e coa mensaxe:”Dende entón, marcando páxinas, marcando xeracións....”. Collendo como pretexto o seu célebre poema (traducido ao galego) Dicen que no hablan las plantas, pertencente a En las orillas del Sar (1887), o alumnado de 1º ESO A e D, coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo, fíxolle unha orixinal ofrenda floral, elaborando uns marcapáxinas, con versos elixidos por eles e elas, para a autora que se retratou como “a rosa do triste sorrir”. Rosalía foi arroupada coa bandeira da súa amada Galicia e coas flores-marcapáxinas, que contiñan as súas verbas inmorredoiras. Flores para ti, Rosalía!

                                                                                   Teresa Pastor Novo (coordinadora do EDLG)

Celebración do entroido 2023

Cantigas de escarnio (Entroido 2023)

O pasado 17 de febreiro o IES P. Eusebio da Guarada celebrou o Entroido, que hogano xirou arredor dunha ambientación decimonónica para celebrar a efeméride do nacemento do seu ilustre alumno Pablo Picasso. Coincidindo tamén hogano co aniversario da publicación da obra de Rosalía de Castro Cantares Galegos (17 de maio de 1863) mesmo se deixaron ver polos corredores do centro rapazada vestida daquela época e mesmo profesorado, onde destacaron dúas meniñas gaiteiras, as profesoras de Lingua Galega e Literatura Dulce Fernández Graña e Vitoria Sánchez Regueiro, quen levaron a representación máis xenuína do espírito rosalián, manifestado pola propia autora no limiar do libro antes nomeado de que “Galicia é sempre un xardín onde se respiran aromas puros, frescura e poesía”, sendo voceiras dos nosos doses cantares e costumes patriarcais e primitivos. E, por suposto, non podía faltar a recreación do noso particular Manuel Murguía, que asemade podía ser o trasunto dun emérito profesor do noso instituto de outrora, da man doutro Manuel, o profesor de Filosofía, Manuel Torres Cubeiro.

Por outra banda, o EDLG convocou un concurso de elaboración de cantigas de escarnio, moi acaídas neste tempo de Don Carnal. Así, a partir da música dunha canción coñecida, o alumnado elaborou por clases (ESO) unha cantiga de escarnio, de temática libre. As composicións deberon achegar unha serie de condicionamentos, como que as sátiras debían gardar o decoro e non se podía recorrer a termos ofensivos, nin constituír ataques de ningún tipo cara a ningún membro da comunidade educativa. Valorouse por riba de todo o emprego do humor, polo que cumpría o emprego da diloxía (utilización de palabras con dobre sentido) e tentar facer dos defectos, virtudes, con ironía e sarcasmo. As clases participantes interpretaron as súas composición no Salón de Actos e tamén nas súas propias aulas. durante os dous recreos do venres 17 de febreiro. Cómpre destacar as cantigas satíricas elaboradas e cantadas polo alumnado de 1º ESO A e D (coordinado pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura, Teresa Pastor Novo) e 4º ESO D (coordinado pola súa titora profesora de Física e Química e membro do EDLG, Minia Prego Cabeza). O alumnado levou a máxima de Charles Chaplin por bandeira: "Nunca te esquezas de sorrir, porque o día que no rías, será un día perdido”. Parabéns! 

                                                                                     Teresa Pastor Novo,  coordinadora do EDLG

Máis fotos: pinchar no enlace

Enlaces a diferentes vídeos: vídeo 1, vídeo 2, vídeo 3

Celebración da Candeloria

a candeloria

Para acceder a todas as fotos na imaxe

"POLA CANDELORIA NINGUNHA AVE VOA SOA"

2 DE FEBREIRO: FESTA DAS CANDEAS OU DA CANDELORIA

(CELEBRACIÓN DO AMOR)

O 2 de febreiro celébrase a Festa da Candeloria, tamén chamada Festa das Candeas, que ademais da beizón das velas, simboliza a Festa do Amor.

Así pois, hai poucos anos na igresxa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, concretamente na capela do Rosario, celebrábase na misa da mañá o casamento de dúas pombas que se ceibaban ao remate do acto relixioso. O carácter amoroso dese día estase a esquecer pasando a doce días máis tarde, é dicir, por San Valentiño, por influxo do consumismo comercial.

E tamén nalgúns lugares de Galicia, festéxase ese día a chamada Festa do Pote, como no concello de Verín (Ourense) onde pode haber na mesa cachucha, ovos, cabrito, tortilla, vitela, fideos con azucre, roscas, churros, figos, roscóns, arroz con xarope, noces, laranxas e bica de rixóns co cal á festa anterior tamén se lle engade unha celebración gastronómica.

Por estes motivos expostos, cómpre recuperar vellas tradicións de noso que ás veces poden chegar a desaparecer e que constitúen sen ningunha dúbida unha parte fundamental da nosa identidade cultural. Así, o EDLG quixo sumarse a esta efeméride e organizou un concurso onde tradición e modernidade fosen da man. Baixo o título Que me queres, amor? Levemos posto o amor!, o alumnado elaborou lemas ou frases de amor en tres categorías: amor como atracción físicanamoramento, amor á nosa lingua e amor á nosa terra. O uso principal que se fará dos deseños gañadores será incluílo impreso en bolsas de tea, co obxecto de promocionar a nosa lingua, levando posto o galego, xa que cómpre adaptármonos ás modas, e esta é unha peza de vestiario que leva a cotío a rapazada de agora. Deste xeito, na mañá de hoxe, 7 de febreiro, fóronlles entregados os agasallos con cadanseus diplomas acreditativos ás alumnas Nuria Alonso Rodríguez (1º ESO B), Ariana Crego Romero (1º ESO D) e Vega Armada Santos (1º BACH A). Parabéns e moitas grazas a todas as persoas que, dun ou doutro xeito, participaron e axudaron a darlles continuidade ós nosos costumes !!!

Feliz día do Amor!!!

                                                                       Teresa Pastor Novo,  coordinadora do EDLG

 

 

Abrindo portas coa Lusofonía

 Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura, en colaboración co EDLG, este luns 23 de xaneiro recibimos a visita do profesor mozambicano Amilton Bito, docente na Escola Secundaria Inácio de Loiola, en Mozambique. A dita escola leva anos a desenvolver un proxecto de irmandade co colexio coruñés Santa María do Mar.

Así, asistiu a diversas clases de Bacharelato e tamén falou á tarde no Salón de Actos para outros grupos. Focalizou a súa charla nas diversas accións levadas a cabo no seu centro educativo, así como nos recursos, sistemas de bolsas de estudo e campañas solidarias que desenvolven, nun centro titelado pola orde relixiosa dos PP. Xesuítas. Acompañou a súa disertación cunha presentación en imaxes de datos sobre Mozambique, a ubicación rural do centro, o interesante sistema de “internato” e “externato”, actividades do tempo de lecer, a ratio de alumnos, o especial vencello do R.Club Deportivo da Coruña con esta escola e outra información de notable interese respecto da súa organización.

Tras a súa exposición, cedeulle a palabra ao alumnado, quen se mostrou moi interesado en varios temas: como levaban no centro o tema da disciplina; se as mulleres ao rematar a escola tiñan as mesmas posibilidades laborais cós homes; cal era o salario mínimo do país e se o profesorado estaba ben remunerado; se sufriron ou aínda están a sufrir discriminación lingüística por falaren a súa lingua materna, .... E moitas máis curiosidades que lles quedaron por resolver (por esgotarse o tempo) a uns alumnos e alumnas que ficaron entusiasmados coa humildade e proximidade deste profesor de literatura mozambicano.

Sen ninguhna dúbida esta foi unha magnífica experiencia para o noso alumnado xa que, ademais de para poder comparar a súa vida académica coa do país africano, tamén para verificar a importancia do coñecemento das linguas e, no seu caso, da nosa lingua materna. Nesta aspecto, o tan levado prexuízo da “utilidade das linguas”, disuasor de falar galego ao crer que a súa “utilidade” só se cinxe a Galicia, viuse abaixo ao constatar o alumnado que falar a lingua de noso é unha prezadísima chave para poder abrirse camiño no mundo da Lusofonía.

Muito obrigados, profesor Amilton! Até quando você quiser voltar aqui!

                                                                                                                   Mª Teresa Pastor Novo

                                                                                                                   Coordinadora do EDLG

Profecías 2023, en positivo

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Campaña solidaria e de galeguización: "En galego, verbas que alimentan. Profecías 2023, en positivo"

Realizouse esta campaña do primeiro trimestre do curso, con motivo do Nadal. Esta actividade tivo un dobre obxectivo: por unha banda, achegar a nosa solidariedade en forma de pequenas doazóns materializadas en produtos de consumo non perecedoiros, que foron enviados a Cáritas Parroquial, quen se encargou de distribuílos entre aquelas persoas en situacións de vulnerabilidade; por outra banda, enviar asemade vaticinios ou prognósticos que sesexaríamos que se fixesen realidae no 2023, escritos en lingua galega, co obxectivo de dinamizar a nosa lingua. Nesta campaña colaborarou o departamento de Relixión. A data límite de entregas foi o 20 de decembro e participou toda a comunidade educativa do centro. Así, cadaquén escribiu unha pequena profecía en positivo, en língua galega (a ordenador, ou cunha graía lexible) e pegóullela con cinta adhesiva aos produtos entregados. Así puidéronse albiscar fermosos agoiros: dende o desexo de que rematen as guerras, que se descubran vacinas marabillosas que acaben con enfermidades graves, atopar un planteta habitado na nosa galaxia inzado de materias primas, o Depor de novo en 1ª división, ou que galego se convirta en lingua de prestixio internacional. Se cadra....Todo pode ser posible!!!

Cómpre agradecer á xefa do Departamento de Plástica, Eva Vérez a súa achega en forma de doazón de prodtos mercados cos cartos sobrantes dunha recente viaxe a Madrid, realizada co alumnado de 1º BACH a Madrid. Así, a nosa lingua púxose ao servizo dunha novbre causa: alimentar o corazón.

                                                                     Teresa Pastor Novo, coordinadora do EDLG

Árbore de Nadal sostible

 O alumnado de 1º ESO A e D, coordinados pola súa profesora de Lingua galega e literatura, Teresa Pastor Novo, elaborou unha árbore de Nadal sostible, empregando pasquíns realizados na aula con decálogos de boas intencións. Nesta época, onde o consumismo e o avultado número de residuos é moi evidente, cómpre reflexionarmos na necesidade de coidar o chan onde vivimos, para que dure moitos anos.

                                                      Teresa Pastor Novo

                                                     Coordinadora do EDLG

Resolución concurso Tarxeta de Nadal 2022 con Lema

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

O martes 20 de decembro entregáronse os premios do Concurso Tarxeta de Nadal 2022 con lema, co fin de alentar o uso do galego. O 1º premio foi concedido para o traballo presentado pola alumna Alejandra Vázquez Suárez, de 2º ESO C. Dada a calidade, o xurado tamén decidiu concederlle un accésit á tarxeta presentada polo alumno Bruno Seguí Balsa, de 1º ESO D. Por tal recoñecemento, recibiu un lote de libros en lingua galega. Tal e como se recolleu nas bases do dito concurso, o traballo galardoado co 1º premio recibiu  unha  tarxeta agasallo de 20 euros, para poder ser gastados na FNAC. Os ditos premios, xunto con cadanseus diplomas, fóronlles entregados no 2º recreo. Todos os traballos presentados foron expostos no taboleiro do EDLG. A tarxeta gañadora foi empregada para felicitarlle as festas a toda a comunidade educativa e enviada tamén ás familias. Co fin de promocionar tamén a nosa literatura, na tarxeta foi inserida unha panxoliña do poeta vangardista Luís Amado Carballo. Moitas grazas a todos e a todas pola vosa participación!!!

                                                                         Mª Teresa Pastor Novo, coordinadora do EDLG                          

 

Felicitación Nadal 2023

Broche final dos actos do 25N

 

fin 1 fin2 fin3

Na mañá de hoxe, 2 de decembro de 2022, un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO E, acompañados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura e membro do EDLG, Beni Vidal Tomé, foi o encargado de realizar o acto simbólico de retirar o recolector de lixo colocado fronte á Conserxería, que serviu para que todo o alumnado de ESO fose botando ao longo desta semana as verbas e fraseoloxía tóxicas que elaborou, para unirse coa palabra, aos actos para eliminar a violencia contra a Muller. Conscientes da importancia da reciclaxe para termos un mundo mellor, verteron o contido do dito recolector no depósito de papel para reciclar, que está na planta baixa do edificio histórico. Reeducar no bo uso da palabra abofé contribúe a vivir nun espazo máis seguro, libre destas “violencias brandas”, que non levan a ningures.

Dende o EDLG, queremos expresarlles todo o noso agradecemento e parabéns a todas as persoas (alumnado, profesorado, persoal non docente, ….) que se implicaron nesta efeméride. Collendo emprestadas unhas verbas do esgrevio escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, pero adaptándoas a este acto: “Mil primaveras máis para as mulleres; sen loitos, sen choros, sen feridas, ….. Con ELAS, sempre, sempre”.

                                                                                                    Teresa Pastor Novo

                                                                                                    Coordinadora do EDLG

Actos 25 N

Ata cando vai durar este eterno loito?

(Actos do 25 N, organizados polo EDLG)

O pasado 25 de novembro, data que conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o EDLG organizou dous actos que se desenvolveron asemade, e que contaron coa presenza da concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Yoya Neira Fernández, e mais da coordinadora territorial dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega na Coruña, Pura Galán Boutureira.

Así, o alumnado ESO gardou un minuto de silencio nas súas respectivas aulas, no trancurso do cal ergueron papeis morados e laranxas, con léxico tóxico e fraseoloxía popular con termos descualificadores, discriminatorios ou pexorativos cara ás mulleres. Despois, botaron ao lixo eses papeis, nun recolector preparado para o efecto.

Por outra banda, representantes de todas as clases de BACH leron un manifesto coas fiestras abertas do salón de actos, para denunciar máis alto, se cabe, esta lacra da nosa sociedade. O resto do alumnado e profesorado acompañante escoitaron a lectura diante das escaleiras de entrada, na Praza de Pontevedra. Gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas deste ano, crebado á mantenta polos acordes dunha canción, a cargo de Alex García, como representante do alumnado de 1º Bach E.

Como filóloga, nestes tempos máis ca nunca, quero poñer en valor as palabras. Estas, sen dúbida, teñen un efecto positivo ou negativo en nós mesmos e nos demais, porque a linguaxe é o reflexo do noso pensamento. As verbas tóxicas limitan o noso desenvolvemento persoal; constitúen as mal chamadas “pequenas tiranías” ou “violencia branda”, que poden resultar tanto ou máis daniñas que a propia violencia física. , Con esta actividade, o EDLG quixo facerlle tomar conciencia disto a todo o alumnado e que repare en que a linguaxe é un poderoso instrumento para manifestarse dun modo ético. Temos o privilexio da linguaxe e, polo tanto, usémolo ben, porque no fondo, como expresou o filósofo existencialista Heidegger, “vivir é expresarse”.                                                        

                                                           Mª Teresa Pastor Novo, Coordinadora do EDLG 

   Para acceder ás fotos do acto pinchar na imaxe

25N

Enlaces a  vídeos:

1º Bac A

TikTok, Youtube, Instagram

1º Bac E,G de TIC

TikTok, Instagram

Clase D,E 1ºBac de TIC

TikTokInstagram

LECTURA DO MANIFESTO

Acto 1

 Acto 2 

 

 

  

1º Concurso de Fotohistorias do Magosto 2022

Entrega de premios do Iº Concurso de Fotohistorias do Magosto 2022: “Entre a vendima e a castañeira”.

fotohistorias do MagostoEste martes 16 de novembro foron entregados os premios do  Iº Concurso de Fotohistorias do Magosto 2022: “Entre a vendima e a castañeira”, convocado polo EDLG deste centro. A relación de persoas premiadas foi a seguinte:

    • 1º premio ao traballo presentado polo alumno ENZO BOTA PÉREZ, de 1º ESO A.

    • O xurado tamén decidiu concederlle un accésit ao traballo presentado pola alumna RUTH FERRANT CRIADO, de 4º ESO E. Por tal recoñecemento, recibiu un lote de libros en lingua galega. ( Ambos traballos na Categoría de alumnado)      

    • 1º premio ao traballo presentado pola profesora BENI VIDAL TOMÉ. (Categoría de profesorado) 

Ademais, recibiron cadanseus diplomas acreditativos.

Como quedou recollido nas bases do concurso, os 1ºs clasificados de cada categoría (alumnado e profesorado) foron premiados cada un cunha tarxeta agasallo de 20 euros, para poder ser gastados na FNAC. 

A este acto asistiron, ademais das persoas premiadas, a Directora, Isabel Ruso de Lago e a Coordinadora do EDLG,  Mª Teresa Pastor Novo. 

 Para ver todas as fotos pinchar no enlace

Parabéns e moitas grazas a todos e a todas por participar!

                                                                Mª Teresa Pastor Novo,  Coordinadora do EDLG

 

Entrega de calendarios de aula

calendario de aula

Calendario de aula (EDLG)

Este martes 15 de novembro, o alumnado integrante e colaborador do EDLG foi o encargado de repartir entre as clases o calendario de aula, realizado co deseño gañador, presentado pola alumna Marta Díaz Ferreiro, de 2º BACH D, dentro Iº Concurso de Calendario de Aula 2022-2023, convocado polo EDLG. Na parte inferior do deseño van adxuntados os meses do calendario escolar, co fin de que o alumnado poida anotar os seus diversos compromisos académicos (exames, traballos, exposicións, saídas escolares, …), como viña facendo ata o de agora, pero cunha imaxe impresa, acompañada dun lema que fomenta o uso do galego. Tamén foron repartidos para o alumnado de horario vespertino.

O meu agradecemento para o alumnado encargado de levalos para as distintas clases, que fago extensivo para o persoal de Conserxaría, Belén García López e Vanessa Iglesias Ferreiro, por teren montada a estrutura final dos mesmos. 

                                                                                Mª Teresa Pastor Novo,  Coordinadora do EDLG

I Concurso do Calendario de Aula

7 de novembro de 2022

Gañadora do I Concurso de Calendario de Aula de 2022

calendario

entrega agasallo

 

 Na mañá de hoxe, 7 de novembro, a alumna Marta Díaz Ferreiro, de 2º BACH D, recibiu un diploma acreditativo e un premio, consistente nunha tarxeta agasallo de 40 euros, para gastar na FNAC, ao esultar gañadora do deseño do I Concurso de Calenario de Aula 2022-2023, convocado polo EDLG do centro.

A este acto asistiron, ademais da dita alumna, a Directora, Isabel Ruso de Lago, a Xefa de Departamento de Lingua Galega e Literatura, Beni Vidal Tomé, e a Coordinadora do EDLG, Mª Teresa Pastor Novo.

Parabéns e moitas grazas a todos e todas por participar!                                                                             

Mª Teresa Pastor Novo 

                   Coordinadora do Departamento do EDLG

 

 

 

Receitario do inframundo

4 de novembro de 2022

Receitario do inframundo 

 Tras a lectura, nesta 1ª avaliacón, do libro de Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta, o alumnado de 1o ESO A e D quixo sumarse á temática da morte que, cun humor maxistral, recrea a nomeada autora viguesa, con divertidas aventuras do Inframundo, protagonizadas por uns personaxes moi peculiares e divertidos. Escarlatina, unha nena cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés, coprotagoniza esta historia xunto con Román, quen recibira polo seu aniversario un agasallo moi particular. Polo libro desfilan gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos. Tecidas entre elas asistimos a múltiples peripecias, cun exquisito humor macabro. Así, o dito alumnado atendeu con interese a suxestión que lles propuxen de poñerse (expresión nunca máis acaída) “coas mans na masa” e inventar pratos cos ingredientes máis noxentos posibles, “saborentos” manxares do mundo do Alén, que constitúe un bo pretexto para renderlle unha homenaxe ao Samaín. O alumnado presentou unha carta imposible de comer no mundo dos vivos: minipizza infernal; dedos de momia; galletas de carrachas e cachos de perna humana; sopa de ouriños de can, patas de araña e ollos de robaliza; pescada á galega de lesmas e cascudas; muf ins de vermes e sangue de cabalo, ....... A exposición dos seus traballos pódese ver no primeiro andar do Edificio histórico, instalada un apropiado 2 de novembro (ou mellor dito, e recollendo a denominación máis tradicional dos meses na nosa lingua, do mes dos Mortos) do ano 2022. Abofé que a rapazada aprendeu de xeito divertido dúas leccións inesquecibles: a funcionalidade creativa da lingua e as características dun texto instrutivo. Bo traballo, chefs!!!! 

     Mª Teresa Pastor Novo  (Profesora de Lingua Galega e Literatura e Coordinadora do EDLG)

Para acceder ás fotos pinchar na imaxe

receitas                                                       

Exposición " A lírica galego-portuguesa medieval"

 

4 de outubro de 2022

Exposición: A lírica galego-portuguesa medieval: códices, facsímiles e libros antigos.

A poesía galego-portuguesa medieval, unha das grandes xoias das nosas letras, conservada fundamentalmente nos Cancioneiros da Biblioteca Nacional de Lisboa, da Biblioteca do Vaticano e no Cancioneiro de Ajuda, foi composta nun período especialmente rico para a historia e a cultura do occidente medieval. Os límites cronolóxicos da nosa lírica trobadoresca van dende finais do século XII ata mediados do XIV, acontecendo no 1354 o pasamento do conde de Barcelos, considerado o último trobador e mecenas da lírica galego-portuguesa.

A nosa lingua adquire un momento culminante nesta época, en que é cultivada por todas as capas sociais. A nivel literario, o prestixio do galego acada cotas excelsas e servirá de canle para compoñer un corpus de poesía medieval recoñecido alén e aquén das nosas fronteiras.

Así pois, o Departamento de Lingua Galega e Literatura, en colaboración co EDLG, organiza esta exposición que, baixo o título A lírica galego-portuguesa medieval: códices, facsímiles e libros antigos quérelle amosar a toda a comunidade educativa do centro (especialmente ao alumnado de 3º ESO e 1º BACH, por ser unha parte fundamental do currículo de ambos niveis) a importancia que tivo a tradición manuscrita recompilada nos códices. De entre toda a extensa tradición compilatoria que se pode ver nesta exposición, cómpre destacar os facsímiles dos tres grandes cancioneiros antes nomeados,o Códice do Escorial das Cantigas de Santa María, de Afonso X o Sabio ou o Breviariode Amor, cuxa primeira versión estaba en occitano e do que se expón o manuscrito valenciano do século XV. Á parte disto, ilustran a exposición unhas láminas que recrean diversos aspectos da época trobadoresca, reflectidos nas cantigas, como algunhas clases sociais vítimas das principais invectivas das cantigas satíricas (como as abadesas), xograres segundo manuscritos dos séculos XI e XII, a relación de vasalaxe establecida entre o trobador e a senhor (recollida no libro Feodorum Maior, do século XII) ou unha miniatura do Libro de los juegos (conservado no Mosteiro de El Escorial), onde aparece Afonso X ditándolle ó seu amanuense.

Sen ningunha dúbida, este viaxe ao pasado coa mellor compañía posible, os libros, supón un merecidísimo tributo a un período lingüístico- literario inesquecible da nosa identidade.

                                                                  Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)

  • Para acceder ás fotos da exposicición pinchar na imaxe.
  • Para acceder a máis fotos sobre a exposición pinchar no enlace

Roteiro pola Coruña modernista

Martes 27 de setembro de 2022

Roteiro pola Coruña modernista 

Este pasado luns 26 de setembro un grupo de profesores e profesoras participou no roteiro A Coruña modernista, organizado polo Departamento de Xeografía e Historia, en colaboración co EDLG. O profesor Abel Fernández Maroño foi o encargado de explicar a historia dos edificios máis emblemáticos deseñados nese estilo artístico, construídos na cidade herculina nos primeiros anos do século pasado. Resultou moi interesante porque, á parte da información histórica achegada, serviu tamén para recrear curiosas anécdotas relativas á flora dos Xardíns de Méndez Núñez, costumes cotiás das mulleres doutrora, modas provenientes de ultramar ...... Mesmo algún dos asistentes tamén comentou curiosidades de certos nomes das rúas que antes foran castelanizados, pero que recuperaron a toponimia orixinaria galega e que explican moitos detalles da historia da nosa cidade, como a rúa Alcabaleiros, que eran os que cobraban as alcabalas (os tributos que os vendedores lles pagaban ao fisco nos contratos de compravenda e os dous contratantes, no de permuta). Tamén a profesora de Lingua galega e literatura Beni Vidal comentou a malfadada Casa Viturro, ao redor dun episodio de violencia machista acontecido nela hai moito tempo, que xa recrea a escritora Antía Yañez en Senlleiras. Esta lenda negra presente nesta edificación queda patente ou rexistrarse outro infortunio hai poucos anos. En resume, un roteiro moi interesante, que mesmo puideron seguir os participantes con cadanseu folleto explicativo, na tradución e confección do cal colaborou o EDLG. Aquilo que dixera Viente Risco de que : “Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo”, sen ningunha dúbida podería aplicárselle á nosa cidade, porque descubrimos nunha hora de roteiro un mundo de historia sobre a universalidade da nosa urbe. 

                                                         Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)                                                                                                                                                                                                                    

 

Entrega dos premios do certame-exposición de Haikus convocado polo EDLG

16 de xuño de 2022

Entrega dos premios do certame-exposición de Haikus convocado polo EDLG

Foi convocado polo EDLG, coa colaboración do Departamento de Lingua galega e Literatura, un certame-exposición de Haikus, en torno ás poesía de Florencio Delgado Gurriarán, persoeiro ao que se adica o Día das Letras Galegas deste 2022.

O fallo do xurado, composto por profesorado de diversos departamentos didácticos do Centro, foi:

Haiku de ouro: "Rabaño mudo" de  Manuel Carrasco, Elba Cardesín, Jorge Estévez e Ryu Tenreiro -4º ESO C.

Haiku de prata: "A sombra nos leva", de Alejandra Vázquez Suárez -1º ESO E.

Haiku de bronce: "Nos pastos verdes", de Martín Crespo, Aarón Deus e Iris Fernández -Chao- 4º ESO A.

Accésit 1: "Polas espidas", de Carla López Riveiros- 4º ESO E.

Accésit 2: "Verde ou de cor", de Sofía Pozurama e Inés Romero- 1º ESO A.

Accésit 3: "Agulla veloz", de Aroa González e Xiana Varela- 1º ESO E.

Os gañadores dos Haikus de ouro, prata e bronce recibiron o correspondente diploma, bono-regalo e libros.

Aqueloutros merecedores dos accésits recibiron os diplomas acreditativos, libros e USB.

O profesorado que formou o xurado quixo destacar o traballo desenvolvido polo alumnado. Ademais, o EDLG quere agradecer a participación e a implicación de alumnos e alumnas, e a dirección e supervisión das profesoras do Departamento de Lingua galega e literatura Estefanía Álvarez e Dulce Fernández, xunto con Carme Edreira, coordinadora do EDLG.

Agradecemento especial ás xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura Beni Vidal e ao profesor do departamento de Bioloxía e Xeoloxía Manuel Blanco, pola súa xenerosa colaboración  como xurados dos premios.

"Probando a aplicación móbil"

6 de xuño de 2022

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizou para o alumnado de Tecnoloxía de 1° de bacharelato unha actividade de saída pola cidade 

"Probando a aplicación móbil"

para comprobar o funcionamento e disfrutar das actividades deseñadas polo alumnado, dentro do proxecto "A cidade da Coruña convértese no noso taboleiro de xogo".

O alumnado de Tecnoloxía disponible probou as mellores aplicacións deseñadas polos diferentes grupos, acompañados polo profesor da materia, Serxio Gómez Recouso, as profesoras do departamento de Lingua galega Dulce Fernández Graña e Estefanía González Álvarez, e a coordinadora do EDLG M. Carme Edreira García.

A actividade resultou moi positiva para os distintos grupos.

O EDLG agasallou aos grupos que elaboraron as aplicacións máis valoradas cunha novela do excelente novelista Domingo Villar, recentemente falecido.

A aplicación máis valorada foi: 

"Club dos famosos mortos",

elaborada por Antía Sardiña García, Paula Díaz López e Sabela Lozano Rodríguez (1° D).

A segunda foi: 

" Crime na Coruña", elaborada por Marta Trabazo Barros e Simón García Franco (1° E).

Parabéns ao alumnado premiado, en primeiro lugar,  e ao resto do alumnado de Tecnoloxía, polos fantásticos traballos deseñados e realizados.

Gañadoras do 1° premio:Paula Díaz, Sabela Lozano e Antía Sardiña:

Certame de cómic en galego convocado polo EDLG

1 de xuño de 2022

Certame de cómic en galego convocado polo EDLG

O pasado 26 de maio un xurado composto por profesorado de varias materias, colaborador do EDLG do centro, visitou a exposición de cómics presentados ao certame neste mes das Letras Galegas, e fallou os premios.

A directora do centro entregou os premios do EDLG, e un especial concedido polo Contrato-Programa "Iguais na diversidade", pola especial sensibilidade amosada en relación coa temática do programa.

O alumnado do centro disfrutou esta quincena pasada da exposición, con gran éxito.

 Parabéns a todos e todas, pola participación.

Especialmente, ao alumnado premiado en ambas categorías e o premio especial "Iguais na diversidade".

Para o vindeiro curso, a segunda edición!

Distribuir contido


by Dr. Radut