Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Abrindo portas coa Lusofonía

 Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura, en colaboración co EDLG, este luns 23 de xaneiro recibimos a visita do profesor mozambicano Amilton Bito, docente na Escola Secundaria Inácio de Loiola, en Mozambique. A dita escola leva anos a desenvolver un proxecto de irmandade co colexio coruñés Santa María do Mar.

Así, asistiu a diversas clases de Bacharelato e tamén falou á tarde no Salón de Actos para outros grupos. Focalizou a súa charla nas diversas accións levadas a cabo no seu centro educativo, así como nos recursos, sistemas de bolsas de estudo e campañas solidarias que desenvolven, nun centro titelado pola orde relixiosa dos PP. Xesuítas. Acompañou a súa disertación cunha presentación en imaxes de datos sobre Mozambique, a ubicación rural do centro, o interesante sistema de “internato” e “externato”, actividades do tempo de lecer, a ratio de alumnos, o especial vencello do R.Club Deportivo da Coruña con esta escola e outra información de notable interese respecto da súa organización.

Tras a súa exposición, cedeulle a palabra ao alumnado, quen se mostrou moi interesado en varios temas: como levaban no centro o tema da disciplina; se as mulleres ao rematar a escola tiñan as mesmas posibilidades laborais cós homes; cal era o salario mínimo do país e se o profesorado estaba ben remunerado; se sufriron ou aínda están a sufrir discriminación lingüística por falaren a súa lingua materna, .... E moitas máis curiosidades que lles quedaron por resolver (por esgotarse o tempo) a uns alumnos e alumnas que ficaron entusiasmados coa humildade e proximidade deste profesor de literatura mozambicano.

Sen ninguhna dúbida esta foi unha magnífica experiencia para o noso alumnado xa que, ademais de para poder comparar a súa vida académica coa do país africano, tamén para verificar a importancia do coñecemento das linguas e, no seu caso, da nosa lingua materna. Nesta aspecto, o tan levado prexuízo da “utilidade das linguas”, disuasor de falar galego ao crer que a súa “utilidade” só se cinxe a Galicia, viuse abaixo ao constatar o alumnado que falar a lingua de noso é unha prezadísima chave para poder abrirse camiño no mundo da Lusofonía.

Muito obrigados, profesor Amilton! Até quando você quiser voltar aqui!

                                                                                                                   Mª Teresa Pastor Novo

                                                                                                                   Coordinadora do EDLG



page | by Dr. Radut