Skip to Content

Complementarias

Concurso "Relatos orais do Samaín"

Xa queda pouco tempo para participardes no noso tradicional concurso de relato oral “Do Samaín ao San Martiño andan as ánimas que polo camiño” que promove o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o departamento de Galego do Proval. Hai tres premios por categoría: A (1,2,3 ESO e FPBI); B (4 ESO, FPB II, bacharelato, ESA e ciclos). Animádevos a participar cunha gravación terrorífica que non supere os tres minutos! Podes inspirarte en personaxes da nosa tradición como as ánimas da Santa Compaña, o sacaúntos, o home do saco, a bruxa chuchona, a moza da curva, a muller loba... e envía o teu relato en mp3 ao noso correo: equipodlproval@gmail.com antes do 19 de novembro. Agardamos por vós!!
 

Certame Beatriz da Serra

O venres 25 de xuño fixemos entrega nos xardíns da biblioteca de Baiona dos premios do II Certame de poesía Beatriz da Serra, organizado polos equipos de Dinamización da Lingua Galega do IES Escolas Proval, IES Terra de Turonio e do CEIP Carlos Casares. As gañadoras deste ano recitaron os seus micropoemas, xunto ás premiadas do ano pasado dado que non tiveran a oportunidade de celebralo por mor da pandemia. Ademais, contamos coa recreación musical de poetas galegas de antano e hogano a cargo de Luís o Caruncho, como Rosalía de Castro, Marica Campo, Xela Arias ou Marta Dacosta. Entre os premios, un lote de libros e unha escultura de Antón Román. Grazas, Marisa e Marta, por promover entre o noso alumnado o amor pola poesía e polo galego, e ás nosas magníficas presentadoras, Dessi, Jimena e Tania! Noraboa ás premiadas do primeiro certame (Iria Pazos, Noa Sabín, Iria Ludeña, Irene Pérez, Clara Rey e Helena Iglesias) e do segundo (Adriana Gómez, Laura Burgo, Isis Acea, Lucía Martínez, Jimena Costas e Paula Álvarez) e a todas e todos os participantes! Que medre a canteira de poetas do Val Miñor!

Acto de graduación de 4º ESO

Acto graduación 2º Bacharelato

Chegou, por fin, o momento dunha despedida que se presumía incerta -como todo!- a comezo de curso, o da graduación do noso alumnado de 2 de bacharelato. 

Un claustro histórico foi o escenario dun acto sinxelo pero moi emotivo, de lembranzas e recoñecementos, organizado por unha promoción especial, que foi quen de lidar cun mundo de dúbidas, medos, incertidumes... pero tamén de loita e esperanza. Dobre ración de esforzo e comprensión, de compromiso e complicidade, nunha etapa trascendental e irrepetible na vida de calquera, a da adolescencia. 
Agora toca seguir medrando fóra, sen máscaras, nin ataduras... cara a un novo ciclo, o do futuro. 
Parabéns e grazas polas vivencias compartidas con nós no Proval ao longo destes anos e desde onde vos seguiremos agardando; agora toca serdes creadores de vós mesmos e do voso mundo! 
 
“Busco o modo de te acompañar sen estorbo,
que sexas ó meu carón feliz e creador
de ti, 
de ti e mailo mundo que apañes”
(Darío a diario, Xela Arias, DLG2021)
 
Finalmente, grazas ao noso magnífico equipo musical que, á marxe de Sara, Helena, Rita e do director Daniel, contou co apoio de Breixo e do seu profe de administrativo, Pedro González (cantos luns sacrificados para os ensaios tiveron o seu froito!); ao noso soporte técnico, Víctor, sempre aí todo un profesional á fronte do equipo de son; ás concelleiras de Igualdade, Patricia Diego, e de Educación, Marina Vidal, en representación do concello de Nigrán, sempre atentas ás nosas peticións; e, como non, ás familias acompañantes (limitadas desta vez polo aforo, desgraciadamente), tan decisivas nesta "especial" recta final e en todo un futuro que queda por debullar!!
Podedes acceder á galería de fotos premendo na ligazón.
 

Entroido Proval

Logo dunha semana quentando motores coas coplas de amor e as normas do Meco-Escornavirus, chegou por fin o día do desfile de entroido; este ano con máis restricións pero coas mesmas ganas de pasalo ben!!

Syndicate content


by Dr. Radut