Skip to Content

Acto graduación 2º Bacharelato

Chegou, por fin, o momento dunha despedida que se presumía incerta -como todo!- a comezo de curso, o da graduación do noso alumnado de 2 de bacharelato. 

Un claustro histórico foi o escenario dun acto sinxelo pero moi emotivo, de lembranzas e recoñecementos, organizado por unha promoción especial, que foi quen de lidar cun mundo de dúbidas, medos, incertidumes... pero tamén de loita e esperanza. Dobre ración de esforzo e comprensión, de compromiso e complicidade, nunha etapa trascendental e irrepetible na vida de calquera, a da adolescencia. 
Agora toca seguir medrando fóra, sen máscaras, nin ataduras... cara a un novo ciclo, o do futuro. 
Parabéns e grazas polas vivencias compartidas con nós no Proval ao longo destes anos e desde onde vos seguiremos agardando; agora toca serdes creadores de vós mesmos e do voso mundo! 
 
“Busco o modo de te acompañar sen estorbo,
que sexas ó meu carón feliz e creador
de ti, 
de ti e mailo mundo que apañes”
(Darío a diario, Xela Arias, DLG2021)
 
Finalmente, grazas ao noso magnífico equipo musical que, á marxe de Sara, Helena, Rita e do director Daniel, contou co apoio de Breixo e do seu profe de administrativo, Pedro González (cantos luns sacrificados para os ensaios tiveron o seu froito!); ao noso soporte técnico, Víctor, sempre aí todo un profesional á fronte do equipo de son; ás concelleiras de Igualdade, Patricia Diego, e de Educación, Marina Vidal, en representación do concello de Nigrán, sempre atentas ás nosas peticións; e, como non, ás familias acompañantes (limitadas desta vez polo aforo, desgraciadamente), tan decisivas nesta "especial" recta final e en todo un futuro que queda por debullar!!
Podedes acceder á galería de fotos premendo na ligazón.
 


page | by Dr. Radut