Skip to Content

ENCONTROS CON MARÍA SOLAR

 

O 21 de novembro, un grupo de 44 alumnos e alumnas de 3º da ESO fomos a Pontevedra, ao Teatro Principal, para participar nun encontro coa escritora María Solar.

Chegamos sobre as 10.15 (fomos os primeiros!) e mentres agardabamos a que fose hora de entrar, sacamos algunhas fotos.

Xa dentro do teatro, sentamos nas dúas primeiras filas, polo que había que botar un pouco o pescozo para atrás, pero así tamén viamos mellor. Viña tamén alumnado doutros institutos.

No escenario do teatro estaban Marta López, que é unha científica do CSIC, Luisa Martínez, a moderadora; e María Solar, a autora de Os nenos da varíola, o libro que lemos en galego este trimestre.

Os nenos da varíola conta a expedición humanitaria que a principios do século XIX se organizou desde a coroa española e se levou a América. Nesta época, a varíola mataba a milleiros de persoas, así que os médicos decidiron levaron a vacina da varíola ao novo continente. Pero, como dixo María Solar, daquela non había neveiras, a vacina non se podía conservar, e a única maneira de conservala era levala no propio corpo das persoas. Para iso escolléronse 22 nenos orfos de Madrid, Coruña e Santiago que, acompañados da reitora do hospicio da Coruña, Isabel Zendal, e de dous médicos da Corte, se dirixiron ao continente americano para salvar as vidas de centos e centos de persoas.

Hoxe en día, esta enfermidade xa non existe no noso planeta, pero os científicos conservan dúas mostras do virus: unha en Estados Unidos e outra en Rusia, para posibles investigacións. Ao final do acto, mediante unhas cartolinas, tivemos que decidir que fariamos nós co virus, se destruílo definitivamente ou gardalo. Non nos puxemos de acordo!

Pouco despois das 11.30 xa saímos do Teatro, demos un pequeno paseo, merendamos e regresamos ao instituto.

 

 

 



page | by Dr. Radut