Skip to Content

CARTA ABERTA ÁS FAMILIAS

Estimadas familias: 

A Dirección do IES de Poio, en relación coas noticias aparecidas durante a fin de semana nos medios de comunicación, quere informar sobre como se desenvolveron os acontecementos en relación coa organización do curso académico 2020/2021.

O 22 de xullo publícase o primeiro Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021

  • Este documento establecía que “3.1. Durante as clases en aulas nas que o alumnado se dispoña sentado en pupitres e todos orientados nun mesmo sentido, establecerase unha distancia física mínima de 1 metro sen uso de máscara”. 

Desta maneira, dende o centro organizamos os grupos e solicitamos profesorado en función desta directriz da Consellería de Educación.

O 31 de agosto publícase no portal educativo da Xunta un novo documento cunha actualización das medidas: Instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consejo Interterritorial do Sistema Nacional de Salud Pública (D.O.G nº 174 bis do 28-08-2020) e a actualización das recomendacións sanitarias do Comité Clínico ao protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021

  • Este documento, que é o que se atopa vixente a día 14 de setembro, indica que nos centros de Secundaria e Bacharelato “3.1A. De forma xeral, manterase unha distancia interpersonal de polo menos 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo.”
  • Establece agora que: “3.2. O uso da máscara será obrigatorio a partir dos 6 anos de idade con independencia do mantemento da distancia interpersonal”.
  • E tamén dá as seguintes instrucións: “3.3A. Nas etapas de Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e Formación Profesional establécense as seguintes medidas de conformación das aulas:
    • a) Os postos escolares manterán unha distancia de 1,5 metros respecto de todos os postos que o rodeen medidos dende o centro da cadeira. Se fose preciso retirarase outro mobiliario como andeis ou colgadores que limiten o espazo dispoñible .
    • b) Os postos escolares estarán orientados nunha mesma dirección.
    • c) Cando o tamaño da aula non permita a distancia entre postos buscaranse espazos alternativos onde sexa posible gardar a distancia de 1,5 metros.
    • d) Cando non sexa posible ningunha das accións anteriores desdobrarase o grupo."

O 2 de setembro, ás 14.30h, recibimos confirmación por parte da Inspección de que debemos desdobrar os grupos para poder garantir a distancia de seguridade. As novas medidas supoñen unha completa reorganización do que xa estaba pechado a 31 de xullo, polo que o Equipo Directivo comeza a traballar na nova disposición das aulas, respectando o distanciamento de 1,5m. Isto require ocupar aulas específicas e solicitar máis profesorado.

O 4 de setembro, convócase unha Comisión de Coordinación Pedagóxica, que ratifica manter o turno de mañá no horario habitual e empregar as aulas específicas cando fose necesario para que fosen posibles os desdobres. Así, o Equipo Directivo a día 7 de setembro ten organizados todos os grupos do centro de maneira que se cumpra o distanciamento de seguridade nas aulas. Ademais, fai unha solicitude á Inspección Educativa do profesorado que necesita o centro para poder atender o incremento de grupos. Durante toda a semana pasada tamén se traballa na nova disposición das mesas en todas as aulas, con todo o desprazamento de mobiliario que iso supón. 

Diante desta situación, queremos informar de que, dende o 7 de setembro, este Equipo Directivo non conta con información oficial da Consellería de Educación a respecto da solicitude de profesorado que realizamos para poder cumprir o protocolo que a día de hoxe está aprobado e publicado no portal educativo da Xunta. Desta maneira, resúltanos imposíbel saber se a división de grupos que temos pode manterse e, polo tanto, non podemos afondar na organización do curso escolar.

Lamentamos a incerteza na que está sumida a comunidade educativa así como non poderlles ofrecer máis información sobre o inicio de curso, pero queremos manifestar que dende o centro educativo sempre se traballou arreo para iniciar o curso nas datas establecidas pola Consellería.

 

Poio, 14 de setembro de 2020

A Dirección do IES de Poio



page | by Dr. Radut