Skip to Content

COMUNICADO ÁS FAMILIAS SOBRE O INICIO DE CURSO 2020/2021

Estimadas familias:

A Dirección do IES de POIO, preocupada pola incerteza coa que se está a desenvolver este inicio do curso 2020-2021, asinou esta mañá un escrito xunto coa dirección doutros institutos de ensinanza secundaria da contorna (Pontevedra, Vilalonga, Vilagarcía, Pontecaldelas, etc.) un escrito dirixido á Xefatura Territorial solicitando o aprazamento do inicio do período lectivo previsto para o 16, 17 e 18 de setembro.

Non está no noso ánimo introducir máis incertidume neste curso xa de por si complexo pero é necesario que o alumnado, as familias e toda a comunidade educativa coñeza a situación de incerteza na que estamos traballando.

A día de hoxe, 10 de setembro, cando queda menos dunha semana para o inicio oficial das clases, a dirección do IES de POIO non sabe con canto profesorado contaremos para este curso polo que é imposible organizar os grupos dentro de cada nivel da ensinanza obrigatoria e do bacharelato, o que impide á súa vez elaborar os horarios do curso.

As medidas que se foron concretando por parte da Consellería ó longo do verán levaron a este equipo directivo a organizar o curso nunhas condicións. Nembargantes, o traballo feito durante ese período tivo que ser desbotado a mediados da semana pasada coa chegada de novas instrucións a través da inspección educativa.  Esas novas condicións priorizaban manter a distancia de 1.5 m de separación entre o alumnado o que supoñía no noso centro educativo crear desdobres e buscar aulas onde poden instalar esos grupos, lembrando sempre que na medida do posible se mantivese o alumnado no horario que habitualmente ten o IES de POIO para evitar xerar conflictos horarios nas familias.

O luns 7 de setembro enviouse a información de que o centro podía manter o horario de mañá sacrificando aulas específicas e creando 9 desdobres para o que se necesitaría solicitar 8 profesores máis dos que normalmente solicita o centro.

Toda esta semana estivemos á espera dunha aceptación ou denegación das necesidades por parte da Consellería para poder levar a cabo as actividades propias dun inicio de curso: convocatoria de Comisión de Coordinación Pedagóxica, convocatoria de Claustro, convocatoria de Consello Escolar, reunións coas familias (que nestes momentos carecen de calquera tipo de información….), pero a 10 de setembro non temos confirmación de ningún tipo. A inspectora do centro mantén un contacto fluído co equipo directivo pero tamén carece das confirmacións necesarias para poder poñer en marcha este curso académico. Por todo o anteriormente mencionado, este equipo directivo acordou asinar a solicitude de aprazamento do inicio da clases.

Lamentamos non poder transmitir ás familias unha información clara e verídica sobre como van estar organizados os niveis e os grupos porque o descoñecemos.

Lamentamos non poder transmitir ás familias o Plan de Acollida do alumnado ó inicio de curso porque descoñecemos como vai estar agrupado ese alumnado.

Lamentamos non poder facilitar ás familias información relativa ó Plan de Adaptación ó Protocolo COVID porque boa parte dese plan (entradas, saídas, recreos, uso de biblioteca, servizo de cafetería, etc…) está vencellado á distribución dos grupos no centro educativo e non podemos confirmar dita distribución sen ter a confirmación do profesorado necesario.

Por último, lamentamos profundamente non saber se contamos cos recursos necesarios para poner en marcha o inicio do curso académico provocando máis incerteza e inquedanza nas familias e en toda a comunidade educativa.

Esperamos que esta situación se resolva á maior brevidade e poder poñernos en contacto con vostedes o antes posible para informalos das reunións de inicio de curso e poder así empezar o curso 2020-2021 nas mellores condicións.

 

En Poio, a 10 de setembro de 2020.

A Dirección do IES de POIO.



page | by Dr. Radut