Actividades 2014/2015

Día da biblioteca (2014)

O 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca, instituído en 1997. En Galicia as bibliotecas escolares organízanse cada ano ao redor dun lema, que nesta ocasión era “Biblioteca escolar… matemático!!!”. Por esa razón quixemos sacar ao vestíbulo algúns dos libros desta materia que temos na nosa biblioteca; un pouco de todo: sesudos tratados, noveliñas xuvenís, cadernos de pasatempos e problemas de enxeño, exercicios para as PAU, libros divulgativos… Tamén levamos fóra a caixa de material manipulable na que hai unha chea de elementos de madeira ou goma eva cos que romper a cabeza, ou sexa, poñer a traballar os miolos.

Exposición: Sistema Solar

Mónica Vaz Veiga, profesora de Bioloxía e Xeoloxía,  coordinou esta exposición producida polos alumnos de 1º ESO A, 1º ESO B e 1º ESO C. Pedíuselles que utilizaran materiais que atoparan na casa para realizalos a fin de promover a reciclaxe e de que non existiran custos económicos ou estes foran os mínimos. Insistiuse especialmente en que non tiñan necesidade de comprar nada para realizar os seus proxectos. Pedíuselles a realización dun esquema previo na casa do que querían facer, para que usaran a súa imaxinación e orixinalidade no emprego de materiais cotiáns  e no desino dos planetarios.

Día da Tradución

Ao redor do 30 de setembro, celebramos unha exposición e mais un concurso sobre a tradución. Nesa data, desde 1991, conmemórase o falecemento (no século V) de San Xerome, tradutor do libro máis lido na historia da humanidade, a Biblia; el é o responsable da versión latina, a Vulgata, que foi durante moito tempo por estas latitudes a versión oficial do texto sagrado, con graves consecuencias nalgúns casos para os que a lían na versión orixinal. Pero iso é outra historia. A Biblia, por certo, está traducida a máis de 2500 linguas.

Distribuir contido