Día da biblioteca (2014)

O 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca, instituído en 1997. En Galicia as bibliotecas escolares organízanse cada ano ao redor dun lema, que nesta ocasión era “Biblioteca escolar… matemático!!!”. Por esa razón quixemos sacar ao vestíbulo algúns dos libros desta materia que temos na nosa biblioteca; un pouco de todo: sesudos tratados, noveliñas xuvenís, cadernos de pasatempos e problemas de enxeño, exercicios para as PAU, libros divulgativos… Tamén levamos fóra a caixa de material manipulable na que hai unha chea de elementos de madeira ou goma eva cos que romper a cabeza, ou sexa, poñer a traballar os miolos.

O departamento de Matemáticas colaborou estreitamente coa biblioteca, de varias maneiras. Por unha parte, proporcionou o material dunha exposición sobre mulleres científicas que, en parte, estivo colocado nun dos taboleiros do vestíbulo; e,  por outra parte, ocupouse de seleccionar algúns fitos destacables da historia das matemáticas que puidesen ser chamativos para o alumnado e de presentar uns entretidos enigmas creados polo matemático e escritor británico Lewis Carroll, dos que se proporcionou uns días despois a solución.

[+ imaxes na Galería]