Lingua Galega e Literatura

Letras Galegas 2018

Coma todos os anos, o 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, adicado no 2018 a Maria Victoria Moreno. Aquí vos presentamos o programa de actividades 

Certame das Letras Galegas 2018

Ata o 14 de maio podes participar neste certame. Clica na imaxe para consultar as bases.

Charla con Víctor Freixanes

O pasado 30 de abril o alumnado de 2º de bacharelato asistiu á conferencia impartida polo Presidente da Real Academia Galega, Víctor  Freixanes, sobre a súa obra Unha ducia de galegos.

A charla foi de moito interese para este alumnado, pois na obra, reeditada no 2017,   Freixanes entrevista a doce persoeiros do galeguismo  e da literatura que son obxecto de estudo  por parte dos nosos  alumnos no programa de 2º Bac. Segundo as  palabras do conferenciante,  o  seu  obxectivo era unir sobre o papel a xeración que aínda conservaba a memoria do século XIX, personificada na figura de Ramón Otero Pedrayo, coas vivencias máis inmediatas dos mozos do 68, daquela Carlos Casares ou Xosé Luís Méndez Ferrín.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Charla con Víctor Freixanes

Obradoiro de xornalismo

O pasado 26 e abril   o  Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa”  trouxeron ao noso centro o proxecto Xornalismo na Escola. Un profesional da información   impartiu a alumnos de 3º e 4º da ESO  un taller didáctico sobre comunicación. Este obradoiro tiña  como  obxectivo  introducilos  no mundo dos medios de comunicación.  O papel do xornalista, como funciona un medio de comunicación ou como facer unha nova foron algúns dos aspectos tratados. Aprenderon tamén a  distinguir entre que é noticia e que non e  o papel das redes sociais na información.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Obradoiro de xornalismo

Alonso Montero e Mª Victoria Moreno

O pasado 24 de abril visitou o noso centro don Xesús Alonso Montero para dar unha charla ao alumnado de 1º de bacharelato sobre Mª Victoria Moreno, autora á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. O alumnado, que este trimestre leu Anagnórise, unha das súas obras máis representativas, seguiu con atención e interese a disertación do que foi presidente da RAG ata o 2017 sobre a vida e obra desta autora estremeña de nacemento  mais galega de corazón e lingua.

Pica na imaxe para ver  fotos do acto

Álbum: Curso 2017/2018 -> Alonso Montero e María Victoria Moreno

Encontro con Ledicia Costas

O 6 de abril Ledicia Costas veu ao noso centro a  falar cos alumnos de 3º da ESO da súa obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta,  novela que recibiu o Premio Lazarillo á Creación Literaria no ano 2015.

Ledicia contounos  que a orixe da novela partiu do seu interese por Jules Verne e a súa chegada a Vigo, así como polo “submarino” de Sanjujo Badía, temas que se reflicten  na novela. Falounos tamén  de todo o  traballo de documentación que fixo  para escribir a obra e de como o mesturou coa fantasía das mulleres planta.

 Podes ver as imaxes da charla picando na imaxe.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Ledicia Costas e Jules Verne

Percorrido d´A esmorga

      O pasado venres,  9  de marzo, un grupo de cincuenta  estudantes de 2º de bacharelato, acompañados polas  profesoras  Esther e Isabel, do departamento de Lingua Galega,  foron de excursión a Ourense  para realizaren o roteiro d’A esmorga, na cidade das Burgas,

      Aínda que o tempo non acompañou moito,  a visita resultou proveitosa e interesante, pois tiveron ocasión de facer un percorrido pola parte vella da capital ourensá e recoñecer in situ algunhas das localizacións de certos episodios da novela de Blanco Amor.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Percorrido A Esmorga

Leonardo e os fontaneiros

O pasado venres, 2 de marzo, os alumnos e alumnas de 1º da ESO puidemos ver na Escola Oficial de Idiomas a representación teatral da obra Leonardo e os fontaneiros, de María Victoria Moreno.

O protagonista, Antón Andrade Asorei, e a  súa compañeira de clase, Begoña, recordaron as divertidas anécdotas vividas durante o último curso de colexio, mais  tamén os momentos de mágoa que experimentaron á morte do can Leonardo ou da súa mestra, A Galiña.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Leonardo e os fontaneiros

Día de Rosalía

 Como todos os anos, o  24 de febreiro  celébrase o Día de Rosalía,  data de nacemento, no ano 1837, da nosa autora máis universal. Este ano, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO  afondou na vida e obra da poetisa  a través dunha guía didáctica que  elaborou o equipo da biblioteca. O alumnado  traballou con ela a partir dos paneis expostos no vestíbulo.

Pica  na imaxe para ver as fotos

Álbum: Curso 2017/2018 -> Día de Rosalía
Distribuir contido