Skip to Content

Mariñeiro de ponte

Mariñeiro/a de ponte

 

ATRIBUCIÓNS

- Formar parte da garda de navegación en buques mercantes de arqueo bruto igual ou superior a 500 GT con excepción dos buques pesqueiros, desenvolvendo as competencias propias, a nivel de apoio, nas funcións de navegación de conformidade co previsto no cadro A-II/4 do Código de Formación.

- Goberno de embarcacións con fins comerciais de menos de 10 metros de eslora, a condición de que non transporten máis de 12 pasaxeiros, operen exclusivamente dentro de augas interiores e teñan unha potencia adecuada á embarcación, se acreditan realizar un período de embarque non inferior a 6 meses realizando servizos profesionais, como mariñeiro de ponte e fosen habilitados polos órganos periféricos da Dirección Xeral da Mariña Mercante.

 

CONDICIÓNS PARA A OBTENCIÓN DO CERTIFICADO DE SUFICIENCIA

- estar en posesión dun certificado emitido por un centro de formación acreditativo de ter superado satisfactoriamente o curso do Certificado de suficiencia de mariñeiro de ponte da mariña mercante.

- un período de embarque non inferior a 2 meses en buques mercantes ou de pesca realizando servizos profesionais relacionados coa garda de navegación, baixo a supervisión directa do capitán, do oficial encargado da garda de navegación ou dun mariñeiro cualificado.

- certificado médico do Instituto Social da Mariña acreditativo da aptitude física.

 

CONVALIDACIÓN

Poderán solicitar a convalidación polo certificado de suficiencia de mariñeiro de ponte da mariña mercante, quen achegue a documentación de conformidade coa Orde do 21 de xuño de 2001 e cumpran unha das seguintes condicións:

a) Estar en posesión do cartón de competencia de mariñeiro ou mariñeiro-mecánico, ter en vigor o certificado de suficiencia de formación básica en seguridade e realizar un período de embarque de polo menos 6 meses no servizo de ponte nun buque civil.

b) Estar en posesión dun certificado emitido por un centro de formación oficial que acredite que o alumno recibiu satisfactoriamente formación de acordo ás Seccións A-II/4 e A-VI/1 do Código de Formación do Convenio STCW.

 

DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A MATRÍCULA

As persoas candidatas interesadas no curso de mariñeiro/a de ponte achegarán a seguinte documentación para realizar a matrícula:

- Modelo de solicitude. Descargue a solicitude AQUÍ.

- Copia do DNI/NIE polas dúas caras.

- Copia compulsada do certificado de formación básica

As solicitudes deberán presentarse:

- nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen os/as aspirantes, ou

- por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

IMPORTANTE: Con anterioridade á formalización da matrícula, as persoas interesadas informaranse nas secretarías dos centros para coñecer as datas dispoñibles de realización do curso.

 

PROGRAMA: MÓDULOS FORMATIVOS E TEMPORALIZACIÓN SOBRE OS COÑECEMENTOS TEÓRICO-PRÁCTICOS

Competencias, coñecementos e aptitudes (duración mínima 45 h) e probas prácticas mínimas para avaliar a competencia (duración mínima de 25 h).

1.1.1. Goberno do buque e cumprir as ordes ao temoneiro en inglés, 15 h.

- Utilización do compás magnético e do virocompás. Ordes en español e en inglés ao temoneiro. Paso do goberno manual ao piloto automático e viceversa.

1.1.2. Prácticas e avaliación de cada alumno, 7 h:

- Utilización dos compases magnético e virocompás. Exercicios prácticos e avaliación a bordo no mantemento co temón dun rumbo sostido, tanto co compás magnético como coa vgiroscópica e con diferentes réximes de máquina. Exercicios prácticos e avaliación a bordo de cambios de rumbo. Exercicios prácticos e avaliación a bordo da comprensión e acuse de recibo das ordes ao temoneiro segundo as boas prácticas mariñeiras. Exercicios prácticos e avaliación a bordo do cambio de goberno manual a automático e viceversa.

1.2.1. Mantemento dun servizo de vixía adecuado utilizando a vista e o oído, 10 h.

- Responsabilidades do vixía, incluída a notificación da demora e/ou marcación aproximada de sinais acústicos, luces ou outros obxectos ou avistamentos, en graos ou cuartas. Regulamento Internacional para a prevención de abordaxes. Código Internacional de Sinais. Sinais acústicos, luces e outros obxectos.

1.2.2. Prácticas e avaliación de cada alumno, 6  h:

- Práctica e avaliación a bordo ou en simulador da detección e recoñecemento de sinais acústicos, luces, outros obxectos e avistamentos, así como da notificación da demora e/ou  marcación dos mesmos.

- Práctica e avaliación dos principios xerais do Regulamento Internacional para a Prevención de Abordaxes.

1.3.1. Contribuír á vixilancia e o control dunha garda segura. (Duración mínima 10 h).

- Nomenclatura ou definicións de a bordo con especial atención ás da ponte de goberno e cuberta. Utilización dos sistemas de comunicacións internas a bordo e de alarma. Comprensión das ordes e comunicación co oficial de garda sobre os aspectos relacionados coa garda. Procedementos da garda, entrega e substitución da mesma.

- Información necesaria para realizar unha garda segura.

- Procedementos básicos de protección ambiental.

1.3.2. Prácticas e avaliación de cada alumno, 6 h:

- A avaliación dos coñecementos e comprensión deste módulo farase de forma teórica e práctica polo centro de formación marítima correspondente durante o curso.

- A avaliación práctica tamén se realizará a bordo do buque onde se realice o período de embarque e que se acreditará mediante o certificado emitido polo Capitán.

1.4.1. Utilizar o equipo de emerxencia e aplicar procedementos de emerxencia. (Duración mínima 10 h).

- Coñecemento dos deberes en caso de emerxencia e dos sinais de alarma. Coñecemento dos sinais pirotécnicos de socorro; RLS por satélite e RESAR. Precaucións para evitar falsas alertas de socorro e medidas a tomar no caso de que se activen accidentalmente.

1.4.2. Prácticas e avaliación de cada alumno, 6 h:

- Exercicios prácticos e avaliación dos coñecementos teóricos sobre situacións de emerxencia, socorro e sinais de alarma.

- Así mesmo, avaliaranse estes coñecementos durante o período de embarque e que se acreditará mediante o certificado emitido polo Capitán.

 

NORMATIVA

* Real Decreto 973/2009, do 12 de xuño, polo que se regulan as titulacións profesionais da mariña mercante

Resolución do 14 de novembro de 2016, da Dirección Xeral da Mariña Mercante, pola que se determinan as condicións de obtención dos certificados de suficiencia dos mariñeiros da Mariña Mercante

Orde do 21 de xuño de 2001 sobre cartóns profesionais da Mariña Mercante



page | by Dr. Radut