No mes de maio, o mes das flores, o Maio percorrerá unha vez máis as rúas de Viveiro... Que bonito volver a encher as rúas da nosa vila co noso xa tradicional Maio! Cantaremos a canción propia desta festa na nosa localidade, para lembrala ou para aprendela mira o seguinte vídeo, tamén podes descargar o texto da canción no arquivo adxunto.
O 17 de maio conmemórase o día das Letras Galegas, este ano a autora homenaxeada é Luísa Villata.Naceu na Coruña o 15 de xullo de 1957, foi profesora de Lingua e Literatura en varios institutos da súa cidade e como titulada en violín formou parte da Orquetra Sinfónica de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia, así como de Escaino, un grupo de folk instrumental. Desenvolveu unha intensa actividade cultural, foi autora de obras de teatro, narrativa e ensaio, porén, a poesía foi a súa faceta máis coñecida. Faleceu na Coruña o 4 de marzo de 2004 aos 46 anos de idade.
A través destes enlaces do Seminario Galán adentrarémonos na vida e obra de Luísa Villalta:
A continuación podedes escoitar tres textos de Luísa Villalta, da súa obra As palabras ingrávidas, unidos nunha canción musicada e interpretada pola Banda da Loba, na compaña de Tomé Mouriño.
Podedes descargar a letra da canción nos documentos adxuntos.
Conmemoramos conxuntamente o Día da lingua materna(21 de febreiro) e o Día de Rosalía(23 de febreiro). Promovendo deste xeito o plurilingüismo e a diversidade cultural e coñecendo máis de preto a Rosalía de Castro. O galego como lingua materna nosa e de Rosalía.
As palabras na lingua de Rosalía serán as protagonistas este ano, despois de escoitar algúns poemas musicados, da nosa galega universal. Escolleremos unha palabra e a partir de aí xurdirán novas propostas interesantes, xa veredes...
E con esta canción tradicional de Viveiro despediremos ao Entroido... O 15 de febreiro desfilaremos polas rúas de Viveiro cantando e bailando coa sardiña...
E xa nos imos preparando para o Entroido, unha das festas populares máis agardadas do ano... Nesta ocasión as emocións encherán de cor o noso cole e a nosa vila. Escoitade estas cancións, seguro que vos gustan...
Faremos un obradoiro de cabezudos, un obradoiro de disfraces para nais/pais, maquillaxe... Pasarémolo en grande!
Esta semana celebraremos O Magosto, a festa tradicional arredor da castaña. O venres gozaremos dun patio dinámico inclusivo especial con diferentes xogos e unha manualidade que terá como protagonista á castaña. Aprenderemos o xogo de pasar castañas e teremos xogos interactivos para aprender un pouco máis da estación do outono e desta festa popular.
Degustaremos tamén o venres 17 dunha merenda de outono que aportarán as familias... Castañas asadas, castañas cocidas, doce de castañas, biscoito ou torta de mazá o calquera outra sobremesa caseira propia desta época.
Aproveitaremos esta semana tamén e celebraremos o Día do peón, o mércores 15 convidamos aos avós e avoas a bailar os peóns e as buxainas. No cole tamén faremos os nosos peóns con material de refugallo...
No mes de maio, o mes das flores, o Maio percorrerá unha vez máis as rúas de Viveiro... Que bonito volver a encher as rúas da nosa vila co noso xa tradicional Maio! Os nenos/as do noso cole e doutros centros educativos da nosa localidade sairán de novo á rúa, unha proposta do Concello en colaboración coa asociación Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro. Cantaremos a canción tradicional desta festa, para lembrala ou para aprendela mira o seguinte vídeo, tamén podes descargar o texto da canción no arquivo adxunto.
E aínda que as previsións meteorolóxicas non nos permitiron sair á rúa festexamos Os Maios no cole... Mirade, mirade...