ANA RAMOS E SANTIAGO PEREIRA FÁLANNOS DO CASTIÑEIRO

 Hoxe tivemos a sorte de recibir a  Ana Ramos e a Santiago Pereira da Universidade Politécnica. 

 Levan traballando como investigadores dende hai 23 anos e son Especialista nos castiñeiros. Con moito sentido do humor, autodefínense como o "CSI do castaño"!

 Lembráronnos que a castaña xa estaba en Galicia antes da chegada da pataca. Explicáronnos as etapas do  cultivo do castiñeiro e a historia do uso da madeira de castiñeiro que comezou coa cestería para transportar o peixe e que tamén tivo moito que ver cos  mosteiros, xa que implantaron o cultivo dos castiñeiros para os viñedos: por unha banda precisaban ter pólas para levantar a viña e por outra banda usaban a madeira para fabricar bocois para transportar o viño. 

 Falaron tamén da  recolleita, dos sequeiros, da historia das ouriceiras, das ferramentas tipicas para traballar , etc. Presentáronnos fotos do que pasa en Turquía xa que acaban de voltar dunha sorprendente viaxe de traballo aló. Grazas a eles, descubrimos os sistemas que usan para golpear os ourizos en Turquía.

 A maiores de todo isto, presentaron as distintas variedades de castañas, os sabores, as que mellor pelan e deron datos concretos: hai unhas 150 variedades en Galicia e teñen diferentes contidos en azucres. As mellores variedades resultan ser as que non teñen división interna. 

 O máis interesante é que chegamos a escoitalos falar de xenética. Fan análises de ADN para averiguar de que variedade son e usan marcadores moleculares. Logo fan unha cuantificación para poder usar os datos en análises posteriores. É un proceso longo e caro que pode durar varias horas. 

 Ese traballo ten  aplicacións interesantes, serve por exemplo para evitar fraudes nos viveiros!

 Para rematar a ponencia falaron das saídas universitarias e laborais e da fundación Paideia de Sara Ortega. Foi un relatorio enriquecedor que espertou moito interese!