Club de ciencia

Compañeiras do mar e do ceo. Galicia, lugar clave para as aves mariñas

O sábado 11 de maio celebrábase o Día Mundial das Aves Migratorias. Para conmemoralo no noso centro, solicitamos ao CEIDA en préstamo a exposición "Compañeiras do mar e do ceo. Galicia, un lugar clave para as aves mariñas". Esta exposición foi deseñada, tal e como se recolle na propia web do CEIDA, co obxectivo de divulgar e coñecer e poñer en valor a importancia da conservación das aves mariñas.

Aproveitamos tamén a ocasión para expoñer os paneis que elaboramos no Club de Ciencias para a nosa participación no Día da Ciencia na Rúa o pasado 4 de maio.

Ambas as dúas exposicións estrán na entrada do noso CPI durante tres semanas. Animamos a todo o profesorado e alumnado a visitalas!

 

 

A nosa participación no Día da Ciencia na Rúa

O pasado sábado 4 de maio, o CPI Castro Baxoi estivemos participando no Día da Ciencia na Rúa. Levamos experimentos e xogos nos que o noso contorno próximo era o protagonista. Pasámolo moi ben!! Tamén aproveitamos para visitar a Casa das Ciencias e ir ao planetario. Deixámosvos algunhas das imaxes da xornada. Repetiremos seguro!

 

Obradoiro Horto Escolar coa Reserva da Biosfera

Continuamos con actividades pertencentes ao Club de Ciencias, neste caso os nenos e as nenas de primeiro de Primaria a semana pasada gozamos dun obradoiro para poñer en marcha o horto escolar. Para elo, contamos coa colaboración dos profesionais da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Grazas a eles aprendemos a acondicionar o terreo, abonalo e acolchalo para finalmente plantar diferentes verduras ou hortalizas como cebolas, porros ou xudías. Estamos desexando ver a colleita!

Saída á Praia da Ribeira

O luns día 15 algúns integrantes do Club de Ciencia aproveitamos as horiñas entre as clases da mañá e da tarde para facer unha excursión á Praia da Ribeira, onde coñecimos os segredos da zona intermareal. Aquí vos deixamos unhas imaxes da xornada.

 

En 1º de primaria comezamos a experimentar coa natureza plantando xirasois

Desde a área de Ciencias da Natureza os  nenos e as nenas de primeiro de primaria comezamos a experimentar coa natureza. Para elo,  plantamos unhas sementes de xirasois nun envase de iogur. Despois, colocámolas pretiño da ventá, onde está chegando moita luz e agora cada día estamos pendentes de regalas. Algunhas das sementes  xa están a xerminar!

Aprendemos a compostar con Down Coruña para reducir os residuos no noso centro

O pasado martes día 9 os nenos e a nenas de primeiro asistimos a un obradoiro levado a cabo por compañeiros/as da Asociación Down de Coruña. Franqui e os colegas ensináronnos como obter compost e como empregarmos un composteiro. Fixemos xogos e ata nos agasallaron cun imán moi chulo. Aprendemos moito e pasámolo xenial! Animádesvos a compostar na vosa casa?

 
 

Preparamos a nosa participación no Día da Ciencia na Rúa

Este ano participaremos no Día da Ciencia na Rúa alumnado tanto de primaria como de secundaria. Estamos a preparar uns proxectos moi interesantes para presentar. O día 4 de maio explicarémosllos a todas as persoas que queiran facernos unha visita na nosa haima no parque de Santa Margarita.

 

Horto escolar

 

Esta semana plantamos no noso horto escolar allos e tres limoeiros que recentemente xerminaron da semente. Neste horto estamos a traballar grupos tanto de primaria como de secundaria. Agardamos ver os froitos do noso traballo máis cedo que tarde!

 

Distribuir contido