Concerto de NARF para o 3º ciclo de primaria

O artista Fran Pérez NARF, unha das voces máis respectadas do rock en galego, dará un concerto no noso centro para o alumnado de 3º ciclo de primaria o vindeiro luns 2 de Marzo.

NARF é un dos artistas galegos máis internacionais. A súa aposta pola canción en galego e os esforzos por situala na corrente da Lusofonía lévano a percorrer máis dunha ducia de países para tocar con artistas de todo o mundo. Cómpre sinalar a súa especial relación con Africa, presente en toda a súa música, pero moi especialmente en proxectos coma Bumba e Aló Irmao, un disco co que acadou o número un de vendas no continente Africano.

Outra dimensión do universo de NARF vén dada pola súa relación coa obra de Rosalía de Castro, da que ten musicado numerosos poemas de xeito novidoso a través do rock.

Nun concerto moi persoal e íntimo para este público tan especial, NARF proponnos unha viaxe musical partindo da lingua e a cultura galegas que nos abre o camiño para coñecermos as culturas máis exóticas de Africa ou do Brasil.