Skip to Content

Articles

SAIDA A COMPOSTELA. 4º ESO

O pasado martes 29 de maio os departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Lingua Galega e Literatura organizaron unha saída a Santiago de Compostela co alumnado de 4º ESO e o Grupo de Teatro do centro que durou toda a xornada lectiva.

O programa incluiu unha visita ás instalacións de MeteoGalicia, onde puideron asistir ao lanzamento dunha radiosondaxe, ver como elaboran as súas prediccións e asistir a unha charla sobre meteoroloxía. A continuación acudiron ao Centro de Transfusión de Galicia, que lle ofreceu un pequeno almorzo e un percorrido, guiado por unha médica especialista en hematoloxía, polo seu laboratorio. Finalmente visitaron, tamén acompañados dunha unha guía especializada, a exposición "Galicia Universal" na Cidade da Cultura, que alberga as obras da colección pictórica da Fundación de Abanca.


Para rematar a xornada, xantaron no centro comercial As Cancelas e desfrutaron dun tempo de lecer, despois dunha xornada moi intensa e aproveitada, na que participaron activamente e amosaron moito interese.

Premede nestas imaxes para ver unhas fotos da xornada....

   

EXPOSICIÓN "REXAS, MULLERES BAIXO O TERROR FRANQUISTA". 3º E 4º ESO

 O venres 25 de maio tivo lugar no centro cultural Patelas unha charla, á que asistiu o alumnado de 3º e 4º da ESO, con motivo da inauguración da exposición “Rexas, mulleres baixo o terror franquista”, por parte da escritora Montse Fajardo . É autora, entre outros, de dous libros relacionados coa memoria histórica: Matriarcas, mulleres en pé de vida (2012) protagonizado por mulleres da posguerra galega; e Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), que recolle dezaseis historias de familias que sufriron a represión tras o golpe de Estado fascista.

Esta exposición, promovida pola Deputación de Pontevedra e coa colaboración do concello, presenta a través de fotografías a historia de pontevedresas perseguidas polas súas ideas de xustiza e liberdade: asasinadas, presas, vexadas, rapadas, violadas, ...

Na charla fíxose referencia aos casos de Cuntis, onde unha muller foi asasinada e varias vexadas. Entre o público estaba presente a filla dunha destas mulleres, que contou a situación vexatoria pola que pasou a súa nai estando embarazada dela.

Premede nestas imaxes para ver algúns momentos da charla e a exposición.

                   

 

ESTADÍA EN IRLANDA DO ALUMNADO DE 3º DA ESO

O alumnado do noso centro de terceiro da ESO ven de rematar a estadía en Irlanda que comezaron o pasado 7 de maio e rematou este 11 de maio xunto co seu profesor de lingua inglesa Manuel Rodís.

Todo o traballo que fixeron para xuntar o diñeiro para esta viaxe e aprender un chisquiño máis de inglés con xente nativa deu os seus froitos e voltaron cunha chea de historias e experiencias que de seguro nunca han esquecer. 

Premede nestas imaxes e poderedes ver algunha das actividades nas que participaron.

  

1º PREMIO EDUCACOMPOSTELA PARA O NOSO CPI

Este martes 10 de abril entregáronse os Premios Educacompostela nun acto celebrado no Pazo de Raxoi de Santiago ao que acudiron representantes do noso centro para recoller o 1º premio que nos outorgaron pola aplicación para dispositivos móbiles Cuntistar. Estes premios buscan recoñecer a elaboración de materiais educativos que favorecen a innovación educativa e a importancia da implicación de todo o profesorado e alumnado nun ensino público e de calidade.

Moitos parabéns a todo o alumnado que participou na elaboración e posta en marcha desta aplicación móbil, ao mestre Javier Carballo polo seu traballo na parte técnica e gañas de facer cousas tan ben feitas e á coordinadora do proxecto e profesora de Língua Galega, Natividad Diéguez, que con moito traballo, tempo e ilusión conseguiu unha vez máis que o noso alumnado e o noso centro sexan referente de ensino de calidade.  

Premendo nesta imaxe podedes acceder á noticia que saiu na prensa escrita de hoxe.

A XORNALISTA DA TVG MABEL MONTES VOLVE VISITAR O CPI

Este mércores 21 de Marzo recibimos no centro a visita da presentadora do programa “O Tempo” da TVG, Mabel Montes. Esta xornalista xa nos visitara o curso pasado para realizar unha actividade formativa con todo o alumnado de ESO, e esta vez achegouse para charlar co alumnado de 1° ESO que está a realizar un programa similar para a nosa nova canle de TV. Primeiro explicoulles como realizan as súas propias prediccións, baseadas principalmente nos datos de MeteoGalicia, a continuación intercambiou con eles/as coñecementos sobre meteoroloxía e finalmente ensairon e gravaron conxuntamente un programa coa predición para hoxe. O alumnado amosou moito interese nesta actividade, participou activamente nela e realizou moitas preguntas á nosa convidada, que quedou moi contenta e impresionada con el.

Moitas grazas a Mabel pola visita e polo trato tan amable e cariñoso para cos nosos rapaces e rapazas.

Premede nestas imaxes ou visitade a nosa galería de fotos para ver algúns dos momentos vividos durante a visita.

             

ALBERT LLOVERA VISITA O NOSO CENTRO

O pasado venres 2 de marzo veu ao noso centro Albert Llovera darnos unha charla da que o alumnado saiu realmente impresionado de coñecer todos os seus éxitos mundiais e as súas ansias de superación persoal. 

Moitas grazas pola visita Albert e por compartires con nós a túa experiencia vital.

Podedes ver algunhas imaxes da visita premendo nestas fotos ou visitando a nosa galería..

     

O ALUMNADO DE FRANCÉS DA ESO VAI AO TEATRO

O alumnado da ESO que cursa a asignatura de Língua francesa no noso centro tivo unha saída ao Teatro Principal de Santiago o pasado 27 de febreiro de 2018 para ver a obra " Vis la vie en rose" da Compañía La Boéme. Ademáis do teatro tamén aproveitaron para facer unha visita guiada ao Parlamento de Galicia para coñecelo un pouco máis de preto.

Aquí vos deixamos unhas fotos da xornada que tan ben aproveitaron os/as nosos/as alumnos/as.

            

OS ÚLTIMOS ESPAÑOIS EN MAUTHAUSEN.

Este luns 22 de xaneiro, o xornalista e escritor Carlos Hernández ofreceu ao alumnado de 3º e 4º da ESO unha charla sobre os españois que foron capturados polos nazis na Segunda Guerra Mundial e campo de concentración de Mauthausen (Austria).

Este xornalista, que traballou en Antena 3 e foi correspondente de guerra en Kosovo, Palestina, Afganistán e Iraq, dedicouse nos últimos anos a entrevistar aos superviventes de dito campo e co material recollido escribiu dous libros: “Los últimos españoles de Mauthausen” e “Deportado 4443” (Libro ilustrado).

A charla foi moi interesante e atractiva para o alumnado, que, a través dun vídeo, puido escoitar as testemuñas de algún dos superviventes.

Premendo nesta imaxe podedes ver algúns momentos da charla.

1º PREMIO EDUCA COMPOSTELA PARA O CPI AURELIO MARCELINO

Comezamos o ano con boas noticias para o noso centro, especialmente para o EDLG do CPI Aurelio Marcelino que acaba de recibir o 1º Premio da X edición dos Premios Educacompostela convocado polo Concello de Santiago en colaboración co Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega pola aplicación para dispositivos Android CuntiStar. Un xogo que pon en valor a etnografía, o patrimonio, a lingua, o deporte e o medio natural de Cuntis.

O xurado destacou a temática que se trata CuntiStar, o seu uso da lingua a través das novas tecnoloxías e a implicación do noso alumnado na súa creación e desenvolvemento.

Animádevos a descargar a app CuntiStar no Play Store do voso móbil ou tablet e xogar!

https://play.google.com/store/apps/details…

 

Tamén vos deixamos aquí un enlace á noticia da resolución do premio ao noso centro: http://santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php…

O ALUMNADO DE 2º DA ESO VISITA A TVG

Neste curso 2017-2018 o noso centro foi seleccionado para participar no Programa PITEAS, promovido pola Fundación Barrié coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a participación da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela. Este programa nace como un proxecto de mellora da formación do profesorado e de apoio e asesoramento aos centros educativos na detección e educación do talento de alumnas e alumnos. 

Todo o alumnado do centro está a participar deste proxecto e dentro das actividades organizadas para o alumnado da ESO temos prevista a creación dun produto televisivo,polo que o alumnado de 2º ESO asistiu á gravación do programa para público infantil "Pequenos Fenómenos", que tivo lugar o pasado martes 12 de Decembro e que se emitirá o vindeiro sábado día 23 en horario de noite na TVG.

Premede na imaxe e veredes algunhas das fotos da xornada, nas se pode apreciar moi ben o emocionado que estaba o alumnado durante a realización da actividade...



by Dr. Radut