Política de Calidade

A Rede de Conservatorios de Galicia acaba de obter o certificado de calidade 9001-2015, de AENOR, un selo que acredita a formación artística dos futuros profesionais da música e da danza. Deste xeito os CMUS que integran a rede -de Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e o Conservatorio de Danza de Lugo- convértense nos primeiros en acadar este recoñecemento de calidade das ensinanzas que imparten.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá, xunto co director de AENOR en Galicia, Martín Pita, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, na entrega das certificacións do sistema de xestión de calidade segundo a norma ISO 9001.

Na súa intervención, Román Rodríguez puxo en valor o traballo que desenvolven os Centros Profesionais de Música e de Danza en Galicia e subliñou que este certificado estimula a mellora da súa calidade e o camiño cara a excelencia.

O conselleiro lembrou que a profesionalización das ensinanzas musicais e de danza teñen como finalidade proporcionar ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos seus futuros profesionais. Unha cualificación que -segundo recalcou- é froito do traballo do día a día dos Conservatorios, e que se traduce en resultados coma que un dos premiados en Galicia cos Premios Extraordinarios de Ensinanzas Artísticas Profesionais, obtivese o primeiro Extraordinario Nacional.

En Galicia estase rexistrando un incremento da matrícula nos conservatorios (máis de 4.000 matriculados nos centros oficiais) e demais centros autorizados, o que amosa o interese que espertan as ensinanzas musicais na comunidade autónoma.

No acto de hoxe, ademais do director do Conservatorio Profesional de Música de Santiago, José Luis Quintas, que actuou como anfitrión, tamén participaron os directores do CMUS de Xan Viaño, en Ferrol; do Conservatorio de Música da Coruña; do Xoán de Montes de Lugo; do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, do Conservatorio Profesional de Música de Ourense; do Manuel Quiroga de Pontevedra, e do Conservatorio Profesional de Música de Vigo.

Os Conservatorios Profesionais de Música e Danza de Galicia aspiran a aumentar a satisfacción do alumnado, familias e persoal docente e non docente mediante a aplicación do Sistema de Xestión da Calidade (SXC). Con data do 15 de xullo do 2016 foinos concedida a certificación da Rede de Conservatorios Profesionais de Música e Danza de Galicia na norma ISO 9001:2015. Esta certificación implica que os centros que a teñen realizan a súa xestión baseada na mellora continua, no control da eficiencia e da eficacia dos procesos e na satisfacción de todos os membros da comunidade educativa, mellorando a imaxe do centro e o servizo prestado.O desenvolvemento do sistema ten o apoio financeiro da Unión Europea e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Resultado de imagen de iso 2015Política da Calidade 

Os Conservatorios de Música e de Danza da Comunidade Autónoma de Galicia definiron a calidade como parte fundamental da súa política e da súa estratexia, e adoptaron un sistema de xestión baseado na calidade como modelo de referencia para a xestión da Institución. Este sistema de aseguramento da calidade está baseado na Norma UNE-EN ISO 9001:2015. 

Estes centros adoptaron a calidade como unha filosofía de actuación que se identifica coas seguintes directrices: 

 O traballo ben feito e a mellora continua das nosas actividades, dos servizos que prestamos e dos procesos de traballo. 

 A aportación de valor ao alumnado, as familias, ao profesorado e ao persoal do centro, escoitando a súa voz e procurando satisfacer as súas expectativas. 

 A adopción de metodoloxías de traballo baseadas na cultura da evidencia, a xestión a partir de datos e a disciplina do traballo en equipo. 

 A xestión dos procesos orientada á mellora continua mediante a planificación, o desenvolvemento e a revisión e mellora dos mesmos. 

 A mellora dos resultados definindo os indicadores e obxectivos, e avaliando o nivel de logro dos mesmos. 

 Requisitos: 

– Implícitos, explícitos, do cliente, regulamentarios e os propios da nosa organización. 

Estas directrices despréganse a través dos seguintes procesos e proxectos: 

 Mantemento dun sistema da calidade segundo UNE-EN ISO 9001:2015. 

 Medición e análise periódico da satisfacción de clientes. 

 Revisión do sistema da calidade e actualización periódica de procesos. 

 Auditorías internas e externas do sistema da calidade. 

Así mesmo, despréganse nos Obxectivos de Calidade a través da formulación e o cumprimento dos mesmos. Os obxectivos dos Conservatorios de Música e de Danza serán computables e medibles a través de indicadores; todos eles constitúen os obxectivos da calidade. O grao de cumprimento será avaliado periodicamente. 

O compromiso coa calidade afecta a toda a organización. Todas as persoas dos Conservatorios de Música e de Danza aceptan este compromiso e a súa responsabilidade no cumprimento dos requisitos establecidos no Sistema de Xestión da Calidade, así como de participar activamente na mellora da calidade e da xestión, e no logro dos obxectivos institucionais. 

As Direccións dos Conservatorios de Música e de Danza facilitarán os medios e a formación necesarios para o desenvolvemento con éxito das actividades. 

Santiago de Compostela a 1de Xuño de 2015 

O Subdirector Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial 

Juan Durán Alonso

Distribuir contido