PROBAS DE ACCESO PARA CURSOS INTERMEDIOS DO GRAO ELEMENTAL
O mesmo Decreto 198/2007 regula o acceso a outros cursos no artigo 8º:
1. Poderase acceder a calquera outro curso do grao elemental sen ter superados os anteriores, sempre que se supere a correspondente proba. En calquera caso, o acceso a outro curso do grao elemental estará supeditado á existencia de prazas vacantes na especialidade solicitada.
2. Estas probas avaliarán, ademais das aptitudes e da idade idónea, a capacidade e os coñecementos dos alumnos e das alumnas para continuar os estudos nas especialidades instrumentais para as que se solicite a praza.
3. En todo caso, para o acceso aos cursos do grao elemental a idade mínima de acceso será de oito anos e a máxima de catorce anos, cumpridos ou por cumprir dentro do ano natural.
4. En tódalas especialidades as probas constarán de dous exercicios, que terán carácter eliminatorio e consistirán en:
a) Interpretación de dúas obras de libre elección e unha obra ou exercicio a primeira vista proposto polo tribunal. Para concorrer ás probas de acceso, naquelas obras que así o requiran, os aspirantes deberán aportar os seus músicos acompañantes.
b) Exercicio teórico-práctico para avaliar a capacidade auditiva e vocal, así como os coñecementos de linguaxe musical.
5. No desenvolvemento das probas, o exercicio instrumental farase en primeiro lugar. Cada exercicio puntuarase de 1 a 10 puntos. Necesitarase un mínimo de 5 puntos en cada un deles para considerar a cualificación como positiva. Unha vez superados os dous exercicios, procederase ao cálculo da media ponderada, que se axustará aos seguintes porcentaxes:
a) Interpretación instrumental: 60 por cento.
b) Exercicio auditivo, vocal e de linguaxe musical: 40 por cento.
A Circular 4/2008 da Xunta de Galicia é a que regula as probas de acceso ao grao elemental de música e desenvolve os puntos anteriores.