A lenda da lagoa de Antela

 

Lenda da Lagoa de Antela


     No lugar que hoxe ocupa a lagoa de Antela houbo noutros tempos unha cidade chamada Antioquía. Os seus veciños asoballaban ás xentes dos arredores e non tiñan caridade con ninguén. Deus quixo castigalos, mais Xesús propúxose salva-los xustos que houbese.

         E veu á terra, e foi a Antioquía na figura dun esmolante e tentou a caridade, da primeira á última casa, pedindo esmola e non atopou a ninguén que sequera lle dixese:

- ¡Deus te axude!.

     Por último, cando xa marchaba co corazón triste, entre uns carballos viu unha casarella coa porta escangallada e unha velliña acurrunchada á carón dun lumiño que mais afumaba que quentaba.

 Xesús arrimouse e pregou:

- Unha esmola, polo amor de Deus.

- Pase quen sexa -  dixo a velliña.

E Xesús pasou. E a velliña sentouno ó lume e muxiu unha cabra que tiña e deulle unha cunca de leite e un anaco de bica. Despois deitouno na súa camiña de farrapos. Cando a alba do día espertou, Xesús díxolle á velliña:

- Ven, quero que olles o que foi de Antioquía.

     E a velliña levou unha boa sorpresa cando viu que no lugar que ocupaba Antioquía se estendía unha lagoa que asolagaba a vila. E ninguén se salvara agás a velliña.

     Na mañanciña de San Xoán, cando o primeiro raio de sol relampa na lagoa, alá embaixo, moi fondo, albíscase o campanario da igrexa. E na noite de Nadal, ás doce en punto, óense canta-los galos.