Actividades

MOBILIDADE ERASMUS

 

Boas! Como ben saberedes grazas á nosa conta de Instagram @ceippraiaxardin_erasmus, xa foron realizadas as dúas primeiras mobilidades do noso proxecto Erasmus+. Co fin de procurar unha convivencia escolar de calidade e inclusiva embarcámonos nesta aventura que polo de agora nos levou ata Italia e Finlandia.

Ambas mobilidades consistiron na realización dun curso de formación en cadansúa cidade.

Despois dunha reflexión conxunta sobre as necesidades do PXB a nivel de convivencia e inclusión, chegamos á conclusión de que os/as docentes debemos afondar e especializarnos máis en materia de educación socio-emocional, convivencia e colaboración. O obxectivo neste caso será ir avanzando cara unha escola que sirva de soporte emocional ao seu alumnado e que acolla, respecte e poida acompañar o desenvolvemento, tanto educativo como persoal, de cada un/unha dos estudantes e familias.

A nosa primeira andaina foi un curso de formación no Centro Internacionale Loris Malaguzzi, na cidade de Reggio Emilia (Italia), onde realizamos o curso “The Reggio Approach to Education” cun grupo de estudos nacional e internacional. Isto ofreceunos a posibilidade de profundizar na convivencia, na colaboración e na innovación educativa co fin exclusivo de conseguir unha mellor calidade educativa para os nosos estudantes.

Partindo deste obxectivo común e dos recursos cos que contamos, consideramos que a eficacia do modelo educativo Finés e o seu avanzado concepto da comunidade e da convivencia, era a contorna ideal para poder profundizar na nosa formación socio-emocional. É así como realizamos o curso de formación chamado “Social-Emocional Learning in Finnish Education” da man de Europass Teacher Academy.

 

Italia de Lara Veiga

ERASMUS +

Comprácenos anunciar que o noso centro foi un dos beneficiarios dunha subvención no ámbito do programa Erasmus + para desenvolver un proxecto de curta duración para a mobilidade de alumnos e persoal (Acción Clave 1). O proxecto, denominado “Xuntos por unha convivencia escolar de calidade e inclusiva”, ten como obxectivo mellorar a convivencia entre todos os axentes educativos (alumnado, profesorado, familias e institucións) co principal obxectivo de mellorar o desenvolvemento integral do noso alumnado.

O proxecto baséase na idea de que a convivencia escolar é un factor clave para o éxito educativo, así como para a formación de persoas responsables, solidarias e comprometidas coa sociedade. Por iso, o proxecto pretende dotar ao noso profesorado das ferramentas necesarias para xestionar a diversidade, previr e resolver os conflitos, promover a participación e a colaboración, e fomentar a cultura de paz e os valores democráticos na aula e no centro.

O proxecto desenvolverase ata novembro de 2024 e permitirá ao noso profesorado realizar cursos de formación, visitas de estudo e actividades de observación en diferentes países da Unión Europea. Estas actividades permitiranlles coñecer outras realidades educativas, compartir experiencias e boas prácticas, e aprender de outros profesionais e expertos no ámbito da convivencia escolar. O proxecto tamén facilitará a creación dunha rede de colaboración entre centros educativos de distintos contextos culturais e lingüísticos, coa fin de enriquecer o noso proxecto educativo e favorecer o desenvolvemento da cidadanía europea do noso alumnado.

Podedes ollar as bases do noso proxecto na Plataforma de Resultados dos Proxectos Erasmus + (E+PRP) no seguinte enlace http://bit.ly/ErasmusPraiaXardin

Estamos moi ilusionados con esta oportunidade e esperamos que este proxecto sexa só o principio da nosa participación en Erasmus +. Seguiremos traballando de cara as próximas convocatorias para que os nosos alumnos e alumnas tamén poidan desfrutar das vantaxes das mobilidades educativas que ofrece este programa. Manterémosvos informados das novidades e dos resultados do proxecto a través da nosa páxina web.

Distribuir contido