Recitando a Celsoemilio


Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova no ano 1912. Estivo relacionado desde moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país.

Cando estalou a guerra Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título.

Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Só concluíu a primeira das carreiras, mais nunca chegou a exercer como mestre. Casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.

Establecido en Vigo desde 1949 como procurador, escribiu unha biografía de Curros Enríquez, consciente de que a recuperación da figura do poeta podía xogar un papel importante no despertar da consciencia colectiva do país nun momento tan delicado. En Vigo publicou O soño sulagado (1954), colaborou en varias revistas e dirixiu, para Galaxia, a colección de poesía "Salnés", onde saíu, en 1962, Longa noite de pedra. O impacto desta obra foi enorme, esgotouse en poucos días e correu multicopiada de man de man, marcando un fito na historia da nosa literatura. Aínda que non era o primeiro poemario da corrente socialrealista, Celso Emilio pasou a ser o símbolo deste movemento.

En 1973 instalouse en Madrid, onde desenvolveu unha intensa tarefa a prol da cultura e a literatura galegas, dedicándose por completo á actividade literaria e xornalística. Son desta época os poemarios Cimenterio privado (1973) e Onde o mundo se chama Celanova (1975). A morte sorpréndeo en Vigo no verán de 1979, nun momento en que Celso Emilio Ferreiro se convertera xa nun auténtico mito vivo para as novas xeracións.

A iniciativa o Equipo de Dinamización Lingüística e da Biblioteca, o día 12 de decembro ás 12:00, realizaremos a lectura da poesía de Celso Emilio "Deitado fronte ao mar".