Rosalia de Castro


"Adios ríos; adios fontes"


Adiós, ríos; adiós fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criey,
hortiña que quero tanto
figueiriñas que prantey,

prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

¡Adiós groria! ¡adiós contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoço
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quén pudera non deixar...!

Adiós, adiós, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pay se enterróu,
herbiñas que biquey tanto,
terriña que nos crióu.

Xa se oyen lonxe, moy lonxe,
as campanas do Pomar ;
para min, ¡ay !, coitadiño,
nunca máis han de tocar.

Xa se oyen lonxe, máis lonxe...
Cada balada é un dolor ;
voume soyo, sin arrimo...
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!.

¡Adiós tamén, queridiña...!
¡Adiós por sempre quizáis...!
Dígoche este adiós chorando
dende a beiriña do mar.

Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás...
Tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña! ¡meu lar!

 

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO


O 23 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.

BIOGRAFÍA


O día 23 de febreiro de 1837, dona Tareixa de Castro deu a luz unha nena á que lle puxeron os nomes de María Rosalía Rita. O seu pai era natural de Ortoño: D. Xosé Martínez Viojo, sacerdote que chegou a ser capelán da Colexiata de Iria Flavia. A nena foi recollida pola súa madriña, como filla de pais incógnitos, sen ter pasado pola inclusa.
De nena vive en Padrón nas casas de Retén e na Matanza. Acompañada da súa nai vai vivir a Santiago na casa onde tiña a sede o “Liceo da Xuventude” e entra en contacto coa mocidade intelectual de Compostela:
Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Manuel Murguía, con quen casa en Madrid o 10 de outubro de 1858.
Cando Rosalía ten 20 anos publica o seu primeiro libro titulado "La Flor" con influencias dos poetas Aguirre e Espronceda. Despois de casar regresa a Galicia, onde dá a luz a Alexandra, a filla primoxénita. Ata dez anos máis tarde en 1869, non tería Rosalía a Áurea. No 1871 naceron en Lestrove, Gala e Ovidio, irmáns xemelgos. Tres anos despois nace na Coruña Amara. Contando con Adriano que morreu de neno, foron seis os fillos que tivo Rosalía. Debido á profesión de arquiveiro de Murguía, viviron en diferentes cidades, prexudicando á saúde de Rosalía, que nunca foi unha muller fisicamente forte. Pouco despois de publicar Flavia (1861) decide voltar a Galicia.

Pouco tempo despois morre a súa nai. Rosalía de Castro comeza a dar evidentes mostras do seu xenio poético e no 1863 publica un feixe de poemas en castelán baixo o título de "A mi madre". Neste mesmo ano publica a obra que sinala verdadeiramente o arranque do Rexurdimento das Letras Galegas: "Cantares Gallegos", inspirándose en coplas populares. Cen anos despois a Real Academia Galega declararía este día, o 17 de maio, como Día das Letras Galegas. En 1880 publica o seu segundo libro de poesías titulado "Follas Novas", onde expresa os seus sentimentos persoais.
O derradeiro libro de Rosalía "En las orillas del Sar" está escrito en castelán, debido tal vez, á incomprensión de boa parte dos propios contemporáneos galegos que atacaron en vida á nosa poetisa.
Volve definitivamente a Galicia e instálase na Casa da Matanza en Padrón, casa onde iría buscar a morte o 15 de xullo de 1885. Tiña a poetisa 48 anos.
Pouco antes de morrer encargoulles ás súas fillas que queimaran todos os orixinais inéditos e que lle trouxeran un ramo de pensamentos, a súa flor favorita. Pouco despois das doce da mañá, finaba. Rosalía deixaba de existir fisicamente; pero o seu nome e a súa obra empezarían a ser apreciados; ata chegar a acadar un posto de privilexio na poesía universal.
Os restos mortais foron soterrados no cemiterio de Adina como ela o deixou disposto. Anos máis tarde foi trasladada ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval en Compostela.


Rosalía é a figura máis representativa da Literatura Galega e a que tivo meirande eco nas letras universais.