Día Internacional da Infancia


 

Exposición "Refuxiados sen camiño"

Fotoxornalista Gabriel Tizón

CEIP Pío XII


Trátase dun total de 25 paneis (en formato 60/40) que amosarán fotografías de Gabriel Tizón durante o seu traballo nos campamentos de refuxiados de Idomeni (Turquía). Na súa presentación, Tizón asegurou que "en toda a súa vida como fotógrafo nunca vira o que viviu estas semanas nos campos de refuxiados".

  • Exposición no centro. 12 a 16 de decembro.
  • Charla-contacontos sobre os refuxiados. Alumnado de 1º de EP. 28 de novembro.

 

Nós conmemoramos o Día Internacional da Infancia cunha exposición de FRATO.

Francesco Tonucci (Fano, 1940) é un pedagogo italiano, cuxa actividade se dirixiu ao estudo do pensamento e do comportamento infantil, na familia, na escola e na cidade. Tamén é un recoñecido debuxante que asina as súas viñetas como FRATO.

 

Día Internacional da Infancia

20 de novembro


As nenas e nenos de 0 a 18 anos temos unha lei internacional que nos protexe: A Convención sobre os Dereitos do Neno, que entre outras cousas di que.

  • Temos dereito a vivir ben, sen medo, coas persoas que queremos e que nos queren, e temos o deber de respectar e coidar ás persoas que queremos.
  • Temos dereito a que todas as persoas nos traten ben e que ninguén nos faga dano. Debemos tratar ben aos outros nenos e nenas e a todas as persoas, porque tamén é o seu dereito.
  • Temos dereito a que as nais, os pais, as mestras e os educadores nos digan cando non facemos ben algunha cousa e a que nos ensinen a facelas mellor.
  • Todos os nenos e as nenas somos importantes! Por iso, os gobernos e todas as persoas deberán facer aquilo que sexa mellor para a nosa vida e para que esteamos ben.
  • Todos os nenos e nenas temos un nome e iso é un dereito!
  • Temos dereito a ir á escola e a aprender moitas cousas.
  • Temos dereito a pasear por bosques e campos cheos de flores e sen lixo. Temos dereito a bañarnos en mares e ríos limpos, a respirar aire san e a beber auga potable.
  • Temos dereito a dicir o que pensamos e que outras persoas, nenos e adultos, nos escoiten. Se outra persoa di algo que non nos gusta témoslle que respectar, porque é a súa opinión.
  • Temos dereito a falar a nosa lingua, a participar nas nosas festas e costumes tradicionais, e a que as nais e os pais nolo ensinen. Ademais, debemos respectar as linguas e costumes diferentes ás nosas.
  • Temos dereito a descansar, a xogar, a estar con outros nenos e nenas, a rir e a gozar de espazos no campo e na cidade.
  • Todos temos os mesmos dereitos. Iso quere dicir que os gobernos, as familias e todas as persoas que nos rodean deben protexernos e tratarnos ben.
  • Temos dereito a recibir axuda cando estamos enfermos, a ir ao centro de saúde e a que nos poidan curar.
  • Temos o deber de coidar o noso corpo e comer alimentos sans.