Skip to Content

Proxectos de vida activa e deportiva - PDC

Fase Intercomarcal de Campo a Través en Noia, 15-02-23

O mércores, 15 de febreiro, celebrouse en Noia a Fase Intercomarcal de Campo a Través nas instalacións do Estadio Municipal de San Lázaro.

Na Fase Comarcal clasificáranse os dous equipos da categoría Benxamín, o feminino e o masculino, tras acadaren o terceiro e o primeiro posto respectivamente.

Esta xornada, evidentemente, sería máis dura e difícil, pois non esquezamos que competían os/as mellores corredores/as de catro bisbarras do Sur da nosa provincia. Malia a todo, logramos un quinto e un segundo postos, quedando pola parte alta da táboa. Polo tanto, o vindeiro 17 de marzo, o equipo masculino da categoría Benxamín e as mestras especialistas en EF viaxaremos a Ferrol na procura dun bo posto na Fase Provincial. Pero, sobre todo, de desfrutar da oportunidade de vivenciar dita experiencia.

Noraboa a corredores/as e grazas aos familiares que nos acompañaron e apoiaron ao longo da xornada!.

Se tes ganas de ver algunha das imaxes da xornada preme aquí.

A milla 2022-23 no CEIP Plurilingüe de Outes

Este curso, debido a obras no ximnasio, polas que había andamios e zonas ás que non se podía acceder, empezouse a realizar a milla máis tarde do que contabamos.

Modificouse o percorrido da milla, xa que coa anterior levabamos tres anos e, dado que se traballan problemas da vida cotiá en Matemáticas, o alumnado de 5º fixo as medicións oportunas e trazou o novo percorrido.

Grazas a que o peor da Covid-19 está fóra e xa non temos protocolo nese eido, cada clase realiza a milla cando mellor lle vai, procurando non realizala o mesmo día de EF, agás que a realicen a cotío.

De seguida, poderás ver algunha das imaxes, premendo aquí.

Alumnado e profesorado do centro, de diversos niveis, camiña e recolle lixo pola contorna do río Tins e pola praia de Broña recollendo lixo, semana de 6 ao 10 de febreiro.

Na semana do 6 ao 10 de febreiro o alumnado e profesorado do centro realizaron diversas andainas, pola contorna do río Tins e pola praia de Broña, para recoller lixo.

Realizáronse varias andainas, segundo os niveis e en todas atoparon resíduos, arrastrados polos ríos deica á ría e ao ócéano, debido aos numerosos temporais acaecidos recentemente. Malia a todo, non todos os resíduos foron parar alí, senón que tamén quedaron, polas beiras do río, enganchados en arbustos, árbores e herbas. Porén, non só se recolleron boa parte dos resíduos orgánicos: pólas, garabullos, algas, follas, etc, atopados, senón que tamén se recolleron outros inorgánicos: anacos de cordas, bolsas, unha chancla, etc. Todo o material orgánico levouse para o centro e o restante botouse nos contenedores apropiados.

Prevese realizar bancais, renovar o horto, ... no patio do centro, empregando entre outras cousas o material orgánico recollido.

As xornadas resultaron moi proveitosas. Posto que, ao tempo que se recolleu material e se gozou do aire puro, realizouse exercicio físico e levaronse a cabo actividades cooperativas, colaborativas, ademais de fomentar a convivencia.

Contouse con dous asesores aos se quere agradecer o seu traballo altruista, Julio e David. 

Se queres ver imaxes desas xornadas, só tes que premer aquí.

Fase Comarcal de Campo a Través no Campamento Virxe do Loreto.

O xoves, 26 de xaneiro, celebrouse a Fase Comarcal de Campo a Través no Campamento Virxe do Loreto en Porto do Son.

A pesares de ser un día chuvioso e frío, a inmensa maioría dos 104 alumnos/as do noso centro, que estaban inscritos/as, asistiron á competición e o mesmo aconteceu co alumnado dos centros da bisbarra.

Malia ás inclemencias metereolóxicas, a competición transcorreu sen incidencias importantes. Os nosos corredores e corredoras, máis cativos/as, acadaron un terceiro posto na categoría Benxamín feminina e un primeiro na Benxamín masculina. 

Respecto aos equipos das categorías Alevín e Infantil, tanto masculina como feminina, quedaron pola mitade da táboa e o equipo Alevín masculino, tan só a 2 puntos da clasificación para a Fase Intercomarcal en Noia o vindeiro 15 de febreiro de 2023.

Se queres ver imaxes desa xornada tan só deberás premer aquí.

"II Carreira solidaria do CEIP Plurilingüe de Outes"

O CEIP Plurilingüe de Outes celebrou a súa "II Carreira solidaria" o 30 de xaneiro. Posto que, a pesares de estar prevista para o 22 de decembro, polas condicións metereolóxicas, non puidera realizarse.

Este curso, grazas á mellora da situación da Covid-19, decidiuse convidar ás familias do alumnado a participar e fomentar  a actividade física tamén con: nais, pais, irmás e/ou irmáns sen escolarizar ou maiores, etc.

Nesta ocasión, a carreira sería a prol da Asociación Arca de Noia, que se encarga de recoller cans e gatos abandoados/as. A decisión tomárona os alumnos e alumnas do centro no Consello da infancia, tras levar cada aula varias propostas diferentes (escollidas, previamente, polos nenos/as en cada aula). Deste xeito, recolleuse: comida, xoguetes, mantas, arneses, correas, etc e, proximamente, entregaráselle todo o conseguido a dita asociación.

Moitas grazas a todos/as os/as colaboradores/as e participantes en dita carreira! 

Se tes ganas de ver imaxes de dita actividade pincha aquí.

Xogos e actividades lúdico-deportivas na libre circulación, coa que celebrar a chegada do Nadal, 22 de decembro.

Este curso, no claustro, decidiuse celebrar o fin do primeiro trimestre e chegada do Nadal con múltiples actividades en diversas zonas, dos catro ciclos, nas que o alumnado estivese (dende 4º EI a 6º EP) mesturado ao longo da mañá, sen perder o grupo de referencia e cun mestre/a ao seu cargo.

Deste xeito, o resto do profesorado encargouse de explicar e supervisar as actividades que lles tocaban, ou ben de atender as zonas de tránsito.

No que atingue ao PVAD, dicir que se promoveron varias actividades físicas e/ou lúdico-deportivas, dentro das posibilidades, dada a ubicación.

Se queres ver algunha imaxe, de ditas actividades, tan só debes premer aquí.

Xornada de inclusión e convivencia do profesorado e alumnado do centro, a través de actividades físicas e/ou deportivas, con monitores e usuarios/as do Centro Ocupacional de Valadares (ADISBISMUR).

O 5 de decembro quixemos realizar nas instalacións do centro unha xornada de inclusión con usuarios/as do Centro Ocupacional de Valadares e parte dos seus monitores/as, para conmemorar o "Día da diversidade funcional".

Por suposto, participou todo o alumnado do centro, así como a maioría do profesorado.

Evidentemente, houbo que realizar quendas, aínda que o alumnado se distribuira en pequenos grupos, nos que ir pasando dunhas a outras estacións de actividades lúdico/deportivas.Deste xeito, o alumnado fíxose unha pequena idea do esforzo que supón, a maiores, calquera actividade física para as persoas: invidentes, coxas, sen algún membro, parapléxicas, etc.

 Se desexas ver algunha fotografía, preme aquí.

Fase de presentación de Campo a Través en Noia.

O 30 de novembro realizouse en Noia a "Fase de presentación de Campo a Través", nas instalacións do Estadio municipal de fútbol de San lázaro.

A verdade é que, despois de dous cursos sen poder participar, estabamos desexosos/as de facelo, con moita ilusión e nervos nalgúns casos.

No noso caso anotáronse arredor de cen corredores/as, aínda que por diversos motivos houbo varios/as, que  non participaron. Pero, o cómputo total pasaba bastante do milleiro de nenos e nenas participantes.

O equipo Benxamín feminino e masculino acadaron o segundo e primeiro postos, respectivamente.Porén, non só houbo metais aí, senón tamén noutras categorías, aínda que a nivel individual.

A xornada transcorreu sen incidencias e regresamos ao centro pouco despois das 13h.

No caso de que queiras ver algunha fotografía da xornada, só debes premer aquí

Celebración do Magosto no día do San Martiño.

O día do San Martiño, 11 de novembro, celebrouse no centro o Magosto con diversos xogos populares e autóctonos, así coma outros con materiais alternativos.

Ese día, cada neno/a foi pasando polas diversas estacións de xogo que había nas distintas zonas do patio.Afortunadamente, nesta ocasión, cadaquén podía relacionarse con quen lle apetecese, pois o protocolo da Covid-19, xa non estaba vixente. 

Foron numerosos os xogos que se puideron levar a práctica e grazas á colaboración da Anpa do centro, que se encargou de alugar varios xogos, tivemos incluso máis ca noutras ocasións. Pero, sobre todo, foron máis novidosos  para boa parte do alumnado. Así, puido xogarse ao trompoá ra, á petanca, á corda, á estornela, á chave, ao tiro da corda, aos zancos, realizar carreiras de sacos, etc.

Por suposto, tamén nos visitou o exprofe de Música (INSUA), xa xubilado, como vén sendo habitual dende hai uns anos, co seu grupo de amigos/as, que conforman unha agrupación musical e amenizaron a xornada con música da Terra.

Evidentemente, tamén se degustaron, as tan tradicionais e aprezadas castañas asadas.

Se che apetece lembrar como fora a xornada, preme aquí.

Andaina de 1º e 2º EP polo paseo fluvial do Tins.

O 13 de outubro, o alumnado de 1º e 2º de EP, realizaron unha andaina por parte do paseo fluvil do Tins, acompañados de varios mestres/as.

Nesa xornada, ademais de realizar exercicio físico, tamén aproveitaron para coñecer e recoller diversos froitos e follas, propios da estación na que se atopaban. Pois, logo serviríanlles para traballar en diferentes áreas na clase.

Se che apetece ver algunha das imaxes desa actividade, preme enriba.

Distribuir contido


by Dr. Radut