Skip to Content

Proxectos de vida activa e deportiva - PDC

Bautismo para o alumnado de 5º EP en kaiak e vela, no Freixo, o venres (10 de xuño).

O venres, 10 de xuño, os nenos/as de 5º EP, a súa titora e eu (profe de EF) partimos do centro algo antes das 11h, cara ao Club Náutico Francisco Rama Vázquez "Fufú" do Freixo. Alí tería lugar o seu bautismo en actividades náuticas para a case totalidade do alumnado, que ía entusiasmado e con facianas de ledicia... Porén, un dos nenos, manifestoume o seu nervosismo e preocupación pola actividade. Entón, falei con el tratando de animalo e expliqueille que ninguén o forzaría a realizar ningunha das actividades, se non mudaba de parecer durante a xornada. Afortunadamente, foi tranquilo na lancha a motor e, máis tarde, animouse a participar, coa condición de que eu o acompañase no kaiak. Así foi e logo estaba máis sosegado e contento.

Unha vez rematada a xornada, duchámonos e regresamos ao centro.

Por suposto, o vindeiro curso, trataremos de repetir a actividade. Pois, afortunadamente, ten moito éxito no noso centro.

Para ver as preciosas fotografías desta actividade, preme aquí.

Andaina de 2º EP, dende Broña á Punta do Requeixo (ida e volta) o 9 de xuño.

O día 9 de xuño o alumnado de ambos segundos de EP, un titor e o/a profesor/a de EF realizamos unha andaina, dende Broña á Punta do Requeixo (ida e volta). Pero, non só desfrutamos da marabillosa paisaxe, senón que tamén recollemos o lixo que iamos atopando e enchemos varias bolsas. Logo, xa de volta, en Broña merendamos e realizamos os xogos populares do tiro da corda e o pano. Os nenos e nenas participaron de maneira activa ao longo da xornada.

Se tes ganas de botarlle unha ollada ás imaxes desta xornada, faino, premendo aquí.

Bautismo na actividade de Xogade: "Piragüismo-Dragóns", para os sextos de EP o 7 de xuño..

O martes, 7 de xuño, o alumnado de 6º de EP, as súas titoras e a profesora de EF tiveron o bautismo na actividade de Xogade: "Piragüismo_Dragóns", nas inmediacións do Club Náutico de Portosín.

Malia que as actividades náuticas nos encantan, neste caso atopamos dous puntos débiles: por unha banda, pareciunos de moi curta duración (unha hora escasa) e por outra, ao seren embarcacións para 22 persoas (e quizais por sermos novatos/as), cando paleabamos tocabamos cunhas pas nas outras. Pero, aínda así, o vindeiro ano procuraremos volver.

Para ver as fotografías desta nova actividade, preme aquí.

Andaina de 5º EP, polo monte de Cando, na contorna do Tambre o 27 de maio.

O 27 de maio 5º de EP realizou unha andaina, polo monte de Cando, na contorna do Tambre. Aínda que a idea era saír do lugar do Loureiro (Cando) e chegar ata a Central do Tambre I (Santa María de Roo), para logo regresar ao punto de partida, desta vez non puido ser... O día era precioso e facía calor, aínda que coas árbores non se notaba demasiado. Pero, aínda así, un dos nenos non era capaz de levar o ritmo preciso para realizar o percorrido no tempo co que contabamos. Deste xeito, cando o alumnado tivo fame, paramos a merendar e repoñer enerxías para logo volver ao punto de partida, onde nos esperaba un autobús.

Agardemos logralo o vindeiro curso! 

Para ver as fotografías desta actividade, preme aquí.

Andaina de 4º EP, dende o porto do Freixo á praia de Broña, o 25 de maio.

O alumnado de ambos cuartos de EP, os titores/as, a coidadora dun dos nenos e a profe de EF realizaron unha andaina, dende o porto do Freixo á praia de Broña. Ademais, foron recollendo canto lixo atopaban ao longo do percorrido e a verdade é que encheron varias bolsas

Unha vez en Broña, repuxéronse enerxías e realizáronse dous xogos populares na praia: o tiro da corda e o pano.

Se tes curiosidade, pola paisaxe do percorrido, o lixo que se recolleu, as facianas de nenos/as xogando, etc, preme aquí.

Xornadas teórico-prácticas de Primeiros auxilios, para o alumnado de EP, ao longo do mes de maio.

Durante o mes de maio, Alejandro Liñán (membro de Protección Civil de Outes, voluntario da Cruz Vermella de Noia e bombeiro de profesión) acudiu ao centro, de forma altruista, un curso máis, para impartir unhas sesións teórico-prácticas sobre a maniobra de Heimlich e a técnica de RCP, dentro de Primeiros auxilios. A actividade propúxose dende o departamento de EF.

Dado que levamos varios cursos realizándoa, antes de empezar, Álex facía un sondeo para ver con que contidos se quedaran e con cales non.

Afortunadamente, na maioría dos casos, nenos e nenas manifestaban interese pola actividade e presentábanse como voluntarios/as á hora de realizar as prácticas.

Preme aquí para acceder ás imaxes desta actividade.

3º EP realiza unha etapa do "Camiño de Santiago da ría de Muros e Noia" o 27 de abril.

O alumnado de 3º EP e a súa titora están traballando o Camiño de Santiago e, xunto coa súa profe de EF, decidiron realizar un dos tramos. Pouco a pouco, foron dándolle forma á idea e chegaron á conclusión de que sería bonito percorrer un tramo do "Camiño de Santiago, da ría de Muros e Noia", posto que pasa polo noso Concello.

Acordaron convidar ás súas familias a percorrer o tramo do Freixo á Serra de Outes con eles/as, a súa titora e a súa profe de EF.

Dende o centro, falouse con Protección Civil para que algunha das persoas que compoñen tal entidade nos acompañase e así o fixeron, polo que queremos darlle as grazas.

Xa  no propio día, saímos en autobús cara á contorna da Igrexa de San Xoán de Sabardes e dende alí fomos camiñando por diversas zonas do Freixo (parando a merendar e repoñer forzas nunha zona limpa do monte). Logo, continuouse coa ruta cara á parroquia de San Xoán de Roo, ata chegar ás instalacións do antigo "Emilio de Navasqüés", onde xa estaba revisto realizar a seguinte parada e aproveitar para xantar. Unha vez alí, comeuse á sombra do patio cuberto. Un pouco despois, realizáronse algúns xogos populares: brilé, tiro da corda, pilla-pilla e algo máis tarde emprendeuse a marcha cara á Serra.

En canto ás familias, agradecerlles o seu esforzo por participar na actividade, pois houbo quen tivo que cambiar a quenda de traballo, quen se incorporou tras rematalo, etc. Pero, coidamos que mereceu a pena e agardamos as familias tamén o pensen.

Para poder ver as imaxes desa magnífica xornada, preme aquí.

 

I CARREIRA SOLIDARIA, NO CEIP PLURILINGÜE DE OUTES, A PROL DA "CRUZ ROJA". 20-12-21

O luns, 20 de decembro de 2021, realizouse a I CARREIRA SOLIDARIA, a prol da "Cruz Roja" no noso centro.

A idea partira do equipo, que leva a cabo o PVDA no centro. Pero, saiu adiante, grazas á aprobación e colaboración do claustro a nivel xeral e do equipo de ACE, en particular.

Dicir que, tras falar con representantes da "Cruz Roja" en Noia (que tamén traballa co noso concello), acordouse enviar información ás familias, contándolles a nosa idea e solicitando a súa colaboración, enviando ao centro de material escolar novo. Ademais, segundo as voltas sumadas entre alumnado e profesorado, o centro mercaría máis material (escollido por cada aula, en función das súas voltas). Por suposto, as doazóns non as levaron a cabo só as familias, senón tamén o profesorado, o persoal laboral do centro e algún negocio da contorna, adicado á venda deste tipo de material).

Queremos dar as grazas, pola altruista colaboración a todas aquelas persoas, que fixeron posible todo isto e, especialmente, ao alumnado e profesorado participantes na carreira, polo seu esforzo para acadar un bo número de voltas. 

Todo o material recaudado entregarase á "Cruz Roja" en xaneiro.

Se desexades ver as fotografías desta actividade, só debedes pinchar aquí

 

CONMEMORACIÓN DO "DÍA INTERNACIONAL DA DIVERSIDADE FUNCIONAL", 2-3 DE DECEMBRO.

O 3 de decembro é o "Día Internacional da Diversidade Funcional" e no noso centro conmemorouse, grazas á colaboración da Cruz Vermella de Noia.

Realizáronse diversas actividades, nas que o alumnado foi tomando contacto con diferentes discapacidades (cegueira, coxeira, paraplexia, etc), ao levar á práctica actividades físicas coma: subir, desprazarse e baixar dun banco sueco cos ollos vendados, grazas á axuda dun/ha compañeiro/a; percorrer un circuíto empregando muletas, sen poder apoiar un dos pés; realizar percorridos en cadeiras de rodas (por un/ha mesmo/a ou coa colaboración dalgún/ha compañeiro/a), nos que incluso debían salvar algún pequeno desnivel. Tamén puideron empregar un carriño, co que levan a persoas (que padecen importantes discapacidades) para que poidan bañarse no mar. Ademais, tamén puideron comprobar como son as ambulancias adaptadas. Estas actividades organizáronse, dende o Equipo de Convivencia, empregando para algunhas delas material de EF. Non debemos esquecer que, en boa medida, as actividades dos centros educativos son interdisciplinares.

Evidentemente, un día non chegaba para que participase todo o alumnado do centro. Así que, houbo que levar a cabo ditas actividades, por quendas de grupos burbulla, o 2 e o 3 de decembro.

Pincha aquí, se desexas ver diversas imaxes desta actividade.

 

NOVEMBRO, MES DO TROMPO.

Como a maioría escoitamos nalgunha ocasión, di un dos moitos refráns populares galegos que: "Polo San Martiño, trompos ao camiño". Así que, cada ano, ao chegar o mes de novembro animamos ao alumnado a que traia ao centro os seus trompos e os boten a bailar.

Está claro que, este xogo, tan popular e tradicional, non só na nosa contorna, senón tamén noutras moitas, onde máis se promove e fomenta e na área de EF. Polo que, é habitual ver diferentes grupos de nenos/as aprendendo a envolver os cordeis nos trompos e a botalos a bailar, nalgún patio, durante algunha das sesións de EF. Por suposto, nestes intres empregan os cordeis e os trompos da citada área.

Porén, nos recreos o xogo é libre e son os propios nenos/as os/as que axudan e ensinan a quen ten dificultades, evidentemente, dentro do grupo burbulla. Ademais, tamén nestes intres, se puido ver algún outro mestre/a, sen ser a de EF, envolvendo e botando a bailar os trompos.

Se premes aquí, poderás ver algunha imaxe de diversos recreos e nenos/as, envolvendo os cordeis e facendo bailar os trompos. 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut