Skip to Content

                              

Escritores

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro Mora naceu en Mondoñedo en 1911. Estudou Bacharelato en Lugo e  despois Filosofía e Letras en Compostela. Promoveu a aparición de varias publicacións (Papel de color, Galiza, Editorial Un...) inseridas no ambiente vangardista da época.

Exerceu de mestre en Santa Marta de Ortigueira e de periodista en Vigo, Donostia e Madrid. Ingresou na Real Academia Galega en 1961, ano en que fixou a súa residencia na cidade olívica para traballar no xornal Faro de Vigo.

Entre as súas novelas destacan Merlín e familia e outras historias (1955), As crónicas do Sochantre (1956) e Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961) e libros de relatos como Xente de aquí e de acolá (1971). O seu extraordinario testamento poético ficou recollido baixo o título de Herba aquí ou acolá (1980).

Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz  naceu en Vilalba (Lugo) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, tanto en Galicia como no resto de España. A súa formación académica abrangue a diversos campos: Perito Industrial; Mestre de Ensino; Licenciado en Ciencias da Educación; Diplomado en Lingua Galega.

Traballou como mestre máis de 30 anos en diversas etapas educativas do ensino primario e secundario.

Desde ben cedo o seu traballo centrouse en temas como a promoción da lectura, a introdución dos medios de comunicación na aula, a didáctica da lingua ou a normalización da lingua galega nos ámbitos escolar e social. Parte deste traballo xira entorno á normalización lingüística do galego no ensino.

Celso Emilo Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova no ano 1912. Alí estudou cos Padres Escolapios, dos que recibiu unha formación cultural moi pouco común na época. Estivo relacionado desde moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país.

Cando estalou a guerra Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título.

Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Só concluíu a primeira das carreiras, mais nunca chegou a exercer como mestre. Casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.

Tríptico sobre Antón Losada

Elaboramos o seguinte tríptico sobre Antón Losada Diéguez para compartir con toda a comunidade educativa.

Para descargalo preme na imaxe

Antón Losada Diéguez

Antón Losada Diéguez 1884-1929

Membro de Irmandades da Fala e artífice da concepción da revista Nós.

Apenas deixou obra escrita, pero tivo unha grande influencia en todos os movementos nacionalistas-galeguistas-culturais de principios do século pasado.

Tivo gran influencia no galeguismo de Vicente Risco e Otero Pedraio.

 

 

Rosalía de Castro

O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.

Rosalía naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e morreu en Padrón o 15 de xullo de 1885 á idade de 48 anos.

Nos seus primeiros anos vivíu nas vilas rurais de Ortoño e Padrón.A Rosalía, na escola, gustábanlle moito o debuxo, a música e recitar. 

Con 19 anos trasládase a Madrid e alí casou cun xornalista galego chamado Manuel Martínez Murguía. Con el tivo seis fillos. 

Viviu en moitos lugares debido á profesión do seu marido: Madrid, Lugo, Simancas, a Coruña, Santiago, Lestrobe, Estremadura, Alacant…

Rosalía de Castro foi poetisa e novelista en lingua galega e castelá. Foi a escritora máis importante do Rexurdimento da literatura galega no século XIX. Foi a autora de "Cantares galegos" (1863),  un dos primeiros libros enteiramente escrito en galego da Idade Contemporánea. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase por ser a data de edición da súa obra Cantares galegos.

Escritores galegos

No seguinte libro electrónico iremos reflectindo todos aqueles materiais curriculares cos que traballamos en lingua e literatura galega aos principais protagonistas da nosa cultura.

Se premedes nas ligazóns de abaixo teredes acceso a estes materiais.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut