Título | Resumo |
---|---|
O INCRIBLE NENO DEVORADOR DE LIBROS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
Unha representación do conto "O incrible neno devorador de libros". Os nenos e nenas de cinco anos fixemos a nosa versión.
https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/ @beCarlosLabrana biblio.nicolas.del.rio@gmail.com
|
SEMANA DO MEDIO AMBIENTE - CADERNO DE NATURALISTAS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
O respecto e coidado do medio ambiente comeza cando nos achegamos a coñecelo. Presentamos os cadernos de naturalistas realizados polo alumnado de 5 anos nas súas Aulas ao aire.
PAXARIÑOS PIADORES, CASIÑA DO MEU CONTENTO
(Preparando un día de clase nas aulas no aire)
Carmen: -Que levante a man o que algún día, paseando, escoitara o canto dos paxaros... Alba: -Seguro que moitos levantaron a man. Verdade, Carmen? Carmen: -Si, muller... se os puidese ver, seguro que había tantas mans levantadas como cando preguntamos quen quere falar na asamblea da escola... pero aí vai outra: (poñemos o reclamo dun paporroibo) Carmen: -Que levante a man o que seipa que paxariño está cantando Alba: -Que levante a man o que sepa o nome do rei dos paxaros... Carmen: -Esa non sei eu se a saberán... Alba: -Seguro que moitos de vosoutros levantastes a man unha vez, dúas... ou se cadra tres, pero pequenos naturalistas, asegurámosvos que despois do día de hoxe, se abrides ben eses ollos tan atentos que tedes, e afinades con precisión o oído, porque xa sabedes que "o que non atende non aprende", se cadra, algún día paseando recoñeceredes o cantar dalgún paxariño.
Pois para empezar, imos contarvos unha fábula, que sabemos que vos gustan...
O Rei das Aves
Houbo unha vez, hai moito tempo, en que todos os paxaros do mundo se reuniron porque querían nomear un gobernante , e así, xuntáronse nunha asamblea para decidir quen de todos sería o Rei das Aves. - O Rei das Aves terá que ser aquel que poida voar máis alto, que para iso son os paxaros! -dixo unha águia (que xa se vía no máis alto do podium con coroa e todo). E así foi como empezou unha gran competición por ver quen acadaba o posto máis alto. Os paxaros voaron, esforzáronse moito... batían as ás con todas as súas forzas para poder chegar moi arriba... Así son as competicións... Os voitres e as águias eran os primeiros, os mellores, ata que unha delas empezou a subir, un águia enorme, fermosísima... unha águia real! Chegou máis alto que ningunha outra. Foi daquela cando ao verse gañadora, chamou polos demáis paxaros para anunciar que ela sería a raíña, pois estaba por enriba de todos eles... Pero meus pequenos naturalistas... a águia sinteu que algo lle rebulía no medio das súas ás. Por entre aquelas plumas enormes foise asomando un paxariño, coma un chisco, coma un faragulliño de pan dos que quedan na mesa despois da merenda... e sen pensalo nin esforzarse, púxose na cabeza da rapiña, e berrou: O rei son eu! O rei son eu!
E así foi como o tuí, o máis pequeno de todos os paxariños, se fixo o Rei das Aves e os Paxaros...
E agora, a actividade de hoxe. Seguro que tedes ben gardado o voso caderno de naturalistas. Veña...rapidamente a buscalo, que hoxe imos facer máis páxinas. Aprenderemos os nomes de catro paxariños que podedes atopar en Cedeira, e algunhas cousas de cada un deles. Non tedes que escribir todo... cada un o que poida.
O PAPORRUBIO
O paporrubio, tamén chamado paporroibo, peizoque ou richinó, é un paxariño solitario e moi territorial, que non acepta a presenza doutros conxéneres, ata o punto de zouparse contra a súa propia imaxe se a ve nun espello ou nun vidro. Fundamentalmente insectívoro, libra aos nosos campos de moita bichería, razón pola que sempre se lle ve arredor das xentes que traballan nas terras. Residente durante todo o ano na nosa bisbarra, no inverno chegan grandes cantidades do norte de Europa.
O paporrubio ten un cantar moi especial. Aquí tedes o seu son:
"O peizoque Roque" é un conto de Dores Tembrás que ten como protagonista a este paxariño. "O peizoque Roque pescuda palabras polo bosque. Palabras que saben, que abrigan, que recenden. Verbas de luz e de música que alimentan a vida"
O MERLO
O merlo e a merla son ben diferentes. O merlo é negro e a merla é parda. Paxaros moi comúns e abondosos son coñecidos de todos polo seu melodioso e potente cantar á caída da tarde. Estes paxaros comen de todo: insectos, grans, froitos... e aínda que teñen o plumaxe negro, moitos deles teñen abondosas plumas brancas, chegando algún deles a ser completamente branco. De aí naceu o famoso dito: "Eres máis raro ca un merlo branco".
"A merla de trapo", un conto de Antón Cortizas. Unha historia de fadas pero que non ten fadas. É a historia de Antonia, unha costureira que salva a un merlo de ferro dun estorbo no peteiro que lle impedía cantar. O merlo pouco a pouco entristece,e Antonia cose unha merla de trapo para que lle faga compaña...
O MARTÍN PESCADOR
Puidera ser o máis famoso paxariño da nosa contorna. As súas cores rechamantes, a súa voz metálica, e o seu voar en liña case a ras das augas, cautivan a atención de todo aquel que o ve por primeira vez. Gusta de pousarse nalgunha póla alta á beira dos ríos, dende a que asexa os peixiños que nadan na auga, para zouparse rapidísimo e conseguir algo para comer. O Martín pescador, tamén chamado Picapeixe na zona de Ourense é o paxaro que dá nome á asociación de pais e nais dos nenos e nenas da escola de Cedeira: a ANPA "Picapeixe".
A PÍLLARA DAS DUNAS
Paxariño emblemático dos nosos areais, agora mesmo en Galicia está en perigo crítico de desaparición. Por isto a píllara das dunas foi nomeada ave do ano 2019. O seu niño, extremadamente discreto é moi difícil de percibir para os ollos humanos, pero non tanto para o olfato dos cans que pasean polas praias.
Sodes capaces de atopar o niño de píllaras nesta fotografía? Para a súa protección e sobrevivencia existe un plan de protección oficial da Xunta de Galicia:
E despois de toda esta información, xa estades preparados e preparadas para facer as novas páxinas do noso caderno de naturalistas. Cada un pode apuntar a información que vexa máis interesante. Aquí van as nosas páxinas:
E para que os debuxos sexan máis fáciles de facer, deixámosvos os paxariños paso a paso:
A tomar nota, pequenos naturalistas!
As fotografías que acompañan esta entrada pertencen ao arquivo particular do mestre e naturalista Rafael López Loureiro. Nas súas palabras.... "Eu quedo no niño"
Mil gracias.
Podedes seguir aprendendo nas Aulas ao aire:
- Caderno de naturalistas "Eu quedo no niño"
- Animaliños que nos visitan... / Caderno de naturalistas "As vosas bolboretas"
- Bichiños
- Xente de auga e de terra / Caderno de naturalistas "Grandes exploradores"
https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/ @beCarlosLabrana biblio.nicolas.del.rio@gmail.com
|
5 DE XUÑO, DÍA DO MEDIO AMBIENTE - PROTOCOLO #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
"Contra o cambio...eu cambio. E ti?" é o proxecto anual proposto desde a biblioteca escolar. O obxectivo é concienciar sobre a importancia do coidado do medio ambiente e actuar en consecuencia, respectando a contorna máis próxima. Para abordar estas aprendizaxes tomamos como referente o currículo. No 4.º curso de educación primaria atopamos: - Contido e estándar de aprendizaxe da área de ciencias da natureza B4.7. Desenvolvemento de actitudes individuais e colectivas fronte a determinados problemas mediombientais. CNB4.1.3. Elabora protocolos para mellorar os problemas medioambientais da súa contorna. - Contido e estándar de aprendizaxe da área de ciencias sociais B2.20.Desenvolvemento sostible e consumo responsable. Elaboración dunha campaña de concienciación no centro educativo. CSB2.9.2. Propón algunhas medidas para o desenvolvemento sostible e o consumo responsable.
O alumnado de 4.º de educación primaria organizouse en grupos e acordou medidas de actuación no centro escolar para mellorar os problemas medioambientais.
Reuníronse coa directora para achegarlle as súas propostas. E este é o protocolo
O seguinte paso era dar a coñecer este documento a todas as compañeiras e compañeiros do colexio, mais o confinamento fixo que se pospuxera ata... Mirádeo ben, seguro que podedes aplicar algunha destas medidas no voso día a día na casa, na rúa...
https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/ @beCarlosLabrana biblio.nicolas.del.rio@gmail.com
|
III XORNADAS DE TEATRO ESCOLAR - CARTAZ E INVITACIÓN #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
III XORNADAS DE TEATRO ESCOLAR
Os Vagalumes de 4º A teñen o pracer de convidarvos á representación da obra de teatro Estrela... fugaz? de Carlos Labraña, o vindeiro martes, 8 de xuño, ás 20:00 h.
Será o resultado do traballo dun curso escolar, un ano diferente e inesperado, no que o alumnado, mestra e familias souberon adaptarse ás circunstancias e cooperar na distancia. Nesta representación teatral os Vagalumes serán capaces de transmitirnos o mellor de si mesmos e serán quen de trasladarnos a outro mundo a través das artes plásticas, a imaxinación e as palabras. Veredes como solucionan problemas, traballan en equipo e ao mesmo tempo poderedes comprobar como este curso medraron en autoestima e confianza en si mesmos.
Preparade un sitio no sofá e unhas pombiñas de millo! Non volo podedes perder!
|
CEDEIRA, RESERVA MARIÑA #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
No ano 2009, creouse a Reserva da “Ría de Cedeira”, como unha medida de axuda para fomentar a protección do ambiente e dos recursos naturais. Actualmente, na costa de Galicia, existen dúas Reservas Mariñas de Interese, a de Cedeira é unha delas. Unha das finalidades de crear a Reserva de Cedeira, e así se indica no Decreto 28/2009 do 29 de xaneiro, é a seguinte: c) Conservar e protexer a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade Así pois, facer referencia ao areal de Cedeira é obrigatorio. A Reserva mariña da Ría de Cedeira é unha maneira de preservar os recursos e os hábitats; hai evidencias científicas que amosan que este tipo de áreas mariñas protexidas son poderosas ferramentas para a conservación da diversidade biolóxica. Que Cedeira sexa unha Reserva mariña implica moitas cousas, unhas referidas á pesca, outras ao marisqueo, pero o máis importante é que con carácter xeral dentro da reserva mariña queda prohibida a extracción de fauna e flora. Por tanto, xa sabedes, amigos e amigas: nunca hai que coller nada da praia, e xa non só porque esté prohibido, senón por aquilo no que insistimos tanto que é respectar o medio que nos rodea. Na praia podemos atopar cousas lindísimas: berberechos, cangrexos, xebras de moitos tipos, esqueletos de ourizos de area, cunchas fraxilísimas…
Aquí van algunhas delas:
Berberechos Seguramente se levantades un pouquiño de area cando baixa a marea poderedes atopar berberechos, que se abren para alimentarse. O que vai na foto é un carneirolo, tamén lle chaman berberecho bravo.
Ardecasas Adoitan estar metidos polo medio das rochas da praia. Na praia da Arealonga hai moitos, pero ollo... TRABAN!
Cangrexo ermitaño Se ides á praia da Arealonga poderedes ver como a marea arrastra numerosos caracoliños que gardan dentro un cangrexiño. O cangrexo ermitaño vai mudando de casa conforme vai medrando. Esta podería ser a cuncha dun deles:
Xebra Hai días que parece que o mar fora unha ensalada de mil cores, hai xebras verdes, xebras marróns... As que aquí aparecen chámanse marmulos. Seguramente xogastes máis dunha vez a estoupar as boliñas de aire.
Amigos e amigas, xa sabedes… as beiras da marea son lugares preciosos que temos que conservar. Por iso, propoñemos facer un cartel para que toda a xente saiba que a Ría de Cedeira é unha reserva mariña. Nese cartel ten que ir o título:
Ría de Cedeira, Reserva Mariña
E cada un de vós escribirá algo importante referido á reserva.
Aquí vai o noso:
Esta actividade didáctica realízase en colaboración co Museo Mares de Cedeira, así que cando teñades feito o cartel, facédeslle unha foto e enviádela ao seguinte correo: maresdecedeira@gmail.com Xa podedes ver algunhas creacións no facebook do museo.
O museo do mar, berce de reservistas, será a caixa de resonancia que impulse as nosas voces e envíe a nosa mensaxe de defensa medioambiental.
Fotografías: Rafael López Loureiro
|
TEATRO, COEDUCACIÓN E DIVERSIDADE #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
A temática sobre identidade sexual e de xénero é un contido que debe abordarse no ensino, e así está reflexado en diferente normativa:
- Protocolo de identidade de xénero: "Realizar actuacións de información e sensibilización da diversidade sexual e de xénero dirixidas ao alumnado..."
-Calendario escolar 2019/2020: "...para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual (de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais), os centros docentes sostidos con fondos públicos realizarán actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas."
Adiantámonos ao 28 de xuño, Día Internacional da Diversidade sexual e Dereitos LGBTI, achegando a obra de teatro Estrela...fugaz?, na que o autor Carlos Labraña aborda esta temática cun enfoque dirixido ao público infantil. A seguinte curta tamén pode servir para seguir profundizando no tema, abrir debates, conversar en familia...
|
"PEGADAS NA IAUGA" A semente que agroma. #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
Un proxecto que agroma, nunha situación difícil e complicada, pero os bimbios da xuventude son fortes. "Pegadas na Iauga" é unha árbore que medra e se espalla, unha árbore de folla caduca que reverdece nas primaveras, unha marea que volve...
O alumnado do proxecto intercentros dinos: - Deica logo! cun video - podcast do seu proxecto intercentros.
Agradecer a todas as persoas que fixeron que a semente agromara.
|
LIBROS, LIBROS E MÁIS LIBROS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
Chegamos ao final deste curso tan peculiar. Son moitos os momentos compartidos dende moitas casas neste tempo de confinamento. Agardamos poder vernos moi prontiño con novas propostas. Despedímonos compartindo os vosos libros favoritos e achegando recomendacións lectoras para este verán. Unha aperta!
https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/ @beCarlosLabrana biblio.nicolas.del.rio@gmail.com
|
Benvida biblioteca escolar "Carlos Labraña" |
Benvida dende a "Biblioteca Carlos Labraña" para este novo curso 2020/21. Ola, dende o equipo de dinamización da biblioteca escolar damos a benvida a todo a comunidade educativa do noso centro educativo. Neste curso tan complicado, marcado polas adaptacións ao protocoloco do Covid-19, queremos compartir unas pautas xerais reflexadas no noso protocolo da biblioteca. Un saúdo e vémonos neste blog, no facebook e no twitter da nosa biblioteca. |
Bodyplanet. Aprendendo sobre o corpo humano |
Xa empeza a encherse a biblio de alumnado de novo... Nesta ocasión, a clase de 2º de Primaria empregou o Bodyplanet que forma parte da Biblioteca creativa para traballar sobre o corpo humano dun forma moi amena a través da realidade aumentada! O pasaron en grande!
|
ROTEIRO: MURALLAS DE CEDEIRA - XEOGRAFÍAS LECTORAS #bescolaresgalabertas |
O alumnado de 1º C (Os Vagalumes) comezan os seus roteiros pola vila, dentro do seu proxecto polo patrimonio. Cun obxectivo moi importante: ver, coñecer e valorar a nosa vila. Este primeiro roteiro foi adicado ás murallas de Cedeira.
Deixan constancia da súa saída cun pequeno libro de comprobación. DOCUMENTACIÓN: Saída, documentación de Rafael Usero e colocación de placas nas portas das murallas (hoxe alumnado que cursa 6º de Educ. Primaria).
|
Seguimos traballando o corpo... cun experimento! |
Sen case darnos de conta, chegamos xa a novembro, mes que no celebramos o Mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Na nosa biblioteca podedes atopar un montón de materiais relacionados coa ciencia pero, neste caso, queremos mostrarvos un experimento moi chulo. Nas clases de segundo están traballando sobre o corpo humano e para afondar sobre a respiración e cómo funcionan os órganos relacionados con este proceso fixeron este sinxelo experimento no que se pode observar moi facilmente o intercambio de gases mediante a inspiración e expiración.
|
ROTEIRO POR SAN ANTONIO DO CORVEIRO - XEOGRAFÍAS LECTORAS |
O alumnado de 1º de E.P. está coñecendo as parroquias da vila e quere poñer en valor o seu patrimonio. Dado as dificultades para implicar ás familias nas actividades no presente curso escolar, apostou por uns roteiros onde o alumnado e as familias teñen que descubrir onde se atopa agochada a mascota da biblioteca, Percebiño. Esta actividade comeza amosando unha fotografía de Percebiño na aula virtual.
Atopada a fotografía teñen que mandar a súa imaxen coa mascota e ler un QR que contén unhas serie de preguntas que teñen que resolver. Poden usar a bibliografía que desexen das bibliotecas da vila, pero valoramos moito a recollida de información oral das e dos maiores, pois moitos deles atesouran unha documentación que non está escrita.
Esta actividade pretende activar outros xeitos de pasar o tempo, máis saudables e en sincronía coa natureza, dar novas alternativas e recoller a historia, a nosa.
Un mapa da nosa vila, feito polas nenas e os nenos, baseado na beleza do de Zoraida Rodríguez García e na exactitude dos topónimos do Diccionario de Xosé-Álvaro Porto Dapena, recolle todo o proceso busca, recollida de documentación e difusión. A este mapa iránselle engadindo novos roteiros con novos descobrementos. Agradecer a participación de todas as persoas que fixeron posible esta actividade.
|
DÍA DA ILUSTRACIÓN |
A ilustración é un medio de comunicación, dende a Prehistoria ven agasallando con datos sobre a forma de vida, gustos, talentos... e hoxe, na era Covid é un medio para coñecer e expresar o noso estado de ánimo e deixar saír todo o que temos dentro.
A ilustración na vida non se pode conmemorar nun día, está presente permanentemente, pero os Vagalumes de 1º C quixeron afondar máis no seu coñecemento.
Escolleron un libro: "Alén. A arte de explorar" de Lièbana Goñi, que ademáis de contar unha fermosa historia, ten unhas ilustracións magníficas e nas súas follas podes atopar retallos de moitas obras de arte. A busca de estas obras e o debate sobre o conto, fixo que foran conscientes de que elas e eles tamén son ilustradores cotiás e por que non replicar esas obras? E nesas están!
Ademáis, están creando quebracabezas das obras traballadas no espazo argalleiro da biblioteca creativa. Esta é a primeira remesa. Pódese cambiar o número de pezas, o fondo... A xogar!!
CLICA EN CADA OBRA: AUTORRETRATO CON MONOS - FRIDA KAHLO A PERSISTENCIA DA MEMORIA - SALVADOR DALÍ LABIRINTO - LEONORA CARRINGTON MATERIAL CREADO PARA USO DO PROFESORADO:
|
O voluntariado non descansa! |
A biblioteca non descansa e, a rapazada que forma parte do voluntariado tampouco!
Estes días os nosos voluntarios e voluntarias están inmersos/as en colocar os novos fondos (hai cousas ben chulas!) que se están a incorporar e que xa empezan a encher os andeis das salas!
E ademáis, están organizando o espazo de robótica! Teñen aínda cousas que colocar (algunhas levan tempo coma as pezas do Lego WeDo...) pero en breves todas as aulas poderán empezar a pasar por este espazo! |
A biblioteca entra nas aulas! |
Neste caso, a rapazada de 3 anos A está empezando a traballar sobre os dinosaurios e, no seu recuncho do proxecto, teñen unha pequena selección de libros informativos, contos e materiais da biblioteca cós que desfrutan un montón e se inician na búsqueda de información e no marabilloso mundo das letras! |
O Coronadiario |
A semana do 8 ao 12 de marzo conmemórase a Semana da Prensa e, o voluntariado da biblioteca participou creando esta exposición que vos ensinamos hoxe. Concretamente, traballaron con prensa escrita escollendo en diferentes xornais novas destacadas relacionadas có coronavirus, a vacinación, o traballo dos sanitarios... |
Día Mundial do Teatro |
O día 27 de marzo celébrase o "Día Mundial do Teatro". Con moita ilusión creamos unha nova aula de teatro na que levamos traballando un tempo, na que tamén elaboramos un teatro de sombras. Seguindo os consellos e orientacións de Quique Vázquez, que nos axudou con toda a parte técnica, acabamos de estrear a aula coa obra: "A toupiña que non sabía quen lle puxera aquilo na cabeza", interpretada por mestres do noso centro!!! Nos vindeiros días haberá máis actuacións, tanto de teatro como de teatro de sombras. |
BOOKFACE NO DÍA DO LIBRO 2021 |
Unha das actividades propostas para o Día do Libro foi a realización de BOOKFACES, que podían facer nas casas, clases, biblioteca, etc... Preme aquí nesta ligazón para acceder a todas as fotos enviadas por familias e mestres. No caso de faltar algunha prégase enviar un mail a biblio.nicolas.del.rio@gmail.com. Ademáis elaboramos un vídeo cunha selección de bookfaces para facer un resumo da actividade!!!
|
Teatro de sombras. "Saudades do teu abrazo". |
Obra realizada polo alumnado de 6ºB e a súa titora Iria, aproveitando un dos novos recursos na aula de teatro. "Saudades do teu abrazo" (Eoin McLaughlin). |
RECOMENDACIÓNS LECTORAS VERÁN 2021 |
|
IOGURT CON ARÁNDANOS - PRODUTOS DA HORTA |
O alumnado de primeiro colleita arándanos da horta para preparar unha sá e sinxela receita.
|
PROTOCOLO BE "CARLOS LABRAÑA" - CURSO 2021-2022 |
DENDE A BIBLIOTECA "CARLOS LABRAÑA" DÁMOSLLE A BENVIDA A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA. PODEDES LER O PROTOCOLO DESEÑADO PARA ESTE CURSO ESCOLAR NAS FOTOGRAFÍAS OU EN PDF. QUEDAMOS Á VOSA DISPOSICIÓN.
|
CLUB DE LECTURA |
A BIBLIOTECA ESCOLAR "CARLOS LABRAÑA" XA TEN UNHA PEQUENA TRAXECTORIA NO CLUB DE LECTURA. PERO ESTE ANO A XUNTA AMPLIOU A CONVOCATORIA A PRIMARIA E POR SUPOSTO IMOS PARTICIPAR! PABLO, CATA, XABIER E BASMA SON OS ENCARGADOS DE PUBLICITALO NA RADIO.
ESCOITA O SEU ANUNCIO!!
SE SODES DE 4º, 5º OU 6º PODEDES APUNTARVOS NAS TÁBOAS QUE ESTÁN XUNTO AO CARTAZ, NO CORCHO DA BIBLIOTECA OU NO DO AREAL. BENVIDOS AO VOSO CLUB DE LECTURA! |
DÍA DA DEMOCRACIA |
Para conmemorar o Día da Democracia as diferentes equipas de dinamización fan a seguinte proposta. Estas son algunhas das actividades levadas a cabo.
|
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 25
- 26
- 27
- 28
- 29
- 30
- 31
- 32
- 33
- …
- seguinte ›
- última »