Skip to Content

Rúa Cardeal Páramo Somoza Nº12 Pantón 27430 (Lugo)              ceip.monte.balinho@edu.xunta.gal  Telf.:982828216/15

Blogues

IMPRESIÓN 3D: CHAVEIROS GATOS

Andamos a voltas coa IMPRESORA 3D e desta, os maiores do cole programaron a impresión duns simpáticos gatiños para facer uns chaveiros para recaudar cartos para a excursión de fin de curso. 

A máquina non para, estamos de seguido sacando produto....

Velaquí os tendes en primicia para vós!

MARCOS ROSALÍA CON REFUGALLO

Os nenos e nenas de Educación Infantil, aproveitando os rolos de papel hixiénico sobrantes, e despois de pintar uns debuxos da nosa queridiña escritora galega Rosalía de Castro, realizaron estes fantásticos e creativos marcos de fotografías.

Mirade como se pode aproveitar o que nos rodea para darlle outra oportunidade e outra vida.

 

AMOR-odos de AMOR por Rosalía

Polo día de Rosalía de Castro, ademais doutras moitas actividades, e partindo duns versiños dun poema da autora,  a rapazada do Baliño xunto cos seus mestras e mestres, elaboraron uns espetiños de amorodos que comemos todos xuntos nun anaco de tempo durante o recreo. 


Unha vez tiven un cravo,

cravado no corazón

i eu non me acordo xa se era aquel cravo

de ouro, de ferro ou de amor.

Rosalía de Castro

 

SEMENTANDO NOVAS LEITUGAS

E como recollemos as leitugas para facer uso delas no comedor, pois toca PLANTAR de novo, para poder seguir gozando dos productos que nós mesmos coidamos con tanto agarimo.

Leitugas tenras e novas!!

COLLEITA DE LEITUGAS

Hoxe tivemos traballo de horta... RECOLLEMOS AS LEITUGAS DE INVERNO que empregaremos para as nosas ricas ensaladas no comedor!!

PODA: LIMPEZA E PREPARACIÓN DAS ÁRBORES

A pasada semana tras a volta das festas do Entroido, un amable voluntario veciño das proximidades da nosa escola do Baliño, Javier, achegouse para nos dar unha serie de indicacións da importancia da poda das árbores e coidados máis comúns para que crezan sans e fortes.

Estivemos moi atentos e atentas as súas explicacións e a súa arte cos aparellos de podar.

Podounos o kiwi, a mazaira... Quedounos todo preparadiño para ver crecer flores e logo obter froitos.

Os maiores animáronse tamén a podar a nosa hortensia, que ben o precisaba.

Grazas Javier, foi un pracer terte con nós! Volve cando queiras, no Baliño tes unha familia.

COMPLEMENTOS ENTROIDO DE REFUGALLO

Para a realización dalgúns complementos do noso Entroido en Baliño, empregamos elementos de refugallo. Neste caso cartóns reciclados de paquetes chegados ao noso cole.

A cativada estivo atarefada marcando, recortando e pintando os seus complementos para os disfraces, os carpinteiros e carpinteiras, realizaron unhas ferramentas ben creativas e realistas (martelos, parafusos, serruchos e ate lapis de carpinteir@s) e os viticultores, confeccionaron as súas propias tesoiras para cortar nas uvas das cepas.

 

 

 

 

COMPADRES E COMADRES DE REFUGALLO EN COLABORACIÓN CO CENTRO DE DÍA

Chegado o Entroido e chegada das tradicións... Desta volta, recuperamos a tradición de correr os xoves de compadres e comadres nun momento lúdico e divertido ao aire libre para o alumnado. 

Pero para poder correr os mecos, primeiro hai que facelos, os nosos maiores (rapaces e rapazas de 5º e 6º) foron en dúas sesións visitar aos outros maiores do centro de día próximo, para compartir momentos de ledicia e creatividade empregando materiais de refugallo para construir os mequiños (periódicos, papeis, tapóns, plásticos...)

Unha xornada tranquila na que compartimos experiencias e gañamos en recordos bonitos para as nosas memorias.

 

SOBREMESAS DE ENTROIDO EN FAMILIA

Para rematar o entroido no cole, tras o xoves de comadres, e dar o pistoletazo de saída á troula e festa con amig@s e familia fóra do centro, propuxémoslles as nosas benqueridas familias, a elaboración dalgunha sobremesa típica do Entroido, que despois compartimos nunha xornada de risas, desfile de disfraces, xogos, música, baile, confidencias...

Coma sempre, non nos defraudaron e prepararon con agarimo moitas sobremesas (orellas de Entroido, filloas de leite, biscoitos, hoxaldres de mazá, tarta de améndoas....) e como non tendo en conta as intolerancias habidas no cole entre o noso alumnado. Acompañamos os doces cunha chocolatada...ummm que rico!!

Dende aquí, queremos agradecervos de corazón a participación, con pouco máis a cambio que o tempo compartido con nós... 

Grazas dende o Baliño!! Quedounos moi bo sabor de boca, non descartamos "tirar" de vós moitas veces máis...un pracer. SODES XENIAIS!

 

 

 

 

PEGATINAS CON CANVA

No Entroido traballamos a reo para que todo quedase perfecto e os disfraces fosen chamativos e divertidos. 

Algunhas mestras decidiron realizar uns deseños en CANVA para "darlle o toque de humor" aos disfraces da rapazada, traballando así unha actividade relacionada cos Polos Creativos, proxecto de formación no que participamos. Como por exemplo, os disfraces dos pescadores e pescadoras que levaban unha pegatina que dicía: "Licenza de pesca fluvial na Ribeira Sacra" ou os disfraces de apicultores e apicultoras nos que podíamos ver o logo da súa marca "Apicultor@s de Pantón".

A temática como xa se mencionou estivo enmarcada dentro do Pdi do Baliño "Coñecendo a nosa provincia Lucus Augusti"

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut