A Ribeira Sacra
A Ribeira Sacra é unha zona que comprende as ribeiras do río Sil e do Miño, na zona sur da provincia de Lugo e norte da provincia de Ourense; a capital da cal acordouse que fose a cidade lucense de Monforte de Lemos.
Características
O nome de Ribeira Sacra probablemente vén da Idade Media, e nun principio pensouse que a denominación procedía do latín Rivoira Sacrata, e que podería ter a súa orixe na gran cantidade de mosteiros e templos que se construíran nos canóns e escarpadas abas típicas da comarca. Actualmente pódense visitar 18 mosteiros, os que cabe destacar:
San Vicente do Pino, actual parador de turismo, en Monforte de Lemos.
Santa María de Ferreira de Pantón
Santa Cristina de Ribas de Sil
A Ribeira Sacra é especialmente coñecida polos seus tesouros naturais e biolóxicos, constituíndo un vastísimo ecosistema de gran variedade e riqueza. Son salientables os Canóns do Sil pola súa espectacular paisaxe. Esta é unha zona na que o río discorre encaixonado a través de paisaxes e montañas dunha gran beleza; os canóns dispoñen de miradores habilitados para admirar a súa impactante monumentalidade, así como de un catamarán aberto ao público que transita os canóns dun lado ao outro.
Ribeira Sacra, como denominación de orixe, é tamén coñecida pola calidade dos seus viños, que popularmente se coñecen na zona co nome xenérico de Mencía, debido a que son elaborados principalmente coa uva mencía, aínda que tamén se usa a uva Godello. As viñas, que se poden contemplar seguindo o curso do río, están dispostas nun sistema de chanzos de pedra, chamados socalcos, ao longo da ribeira, e datan da época romana.
Os romanos xa tiñan en grande aprecio estes caldos, que son afroitados e de gran presenza, ideais para tomar con carnes, e hai unha lenda que di que unha das variantes deste viño, o Amandi (procedente da zona do mesmo nome), facíaselle traer ao César desde a Gallaecia romanizada.