Iniciar sesión: Acceso

SEMANA COMPLETA E VARIADA

Ola familias!!

Aquí estamos de novo para contarvos as novidades desta semana. Xa queda pouco para rematar o curso, pero nós seguimos aprendendo moito.

Esta semana no recuncho de experimentos tiñamos unha tenda de xeados con toppings incluídos. Que ricos estaban eses xeados de limón, vainilla, fresa ou de pitufo Guiño E como traballaron as nosas mans!

En lecto volvimos repetir a actividade de formar palabras coas letras que tiñamos nun bol, pero nesta ocasión o centro de interese eran os alimentos. Como se nota todo o que imos avanzando. Os compañeiros/as de 5 anos tamén os formaban en minúscula.

A semana que ven celebraremos os cumpleanos de Marcelo, Duarte e Ainara e xa teñen as súas coroas listas!Sorriso

O luns tivemos unha sesión de experimentos con "Heroes para a ciencia" onde vimos que se a un filtro de café, ao que lle fas un debuxo con moitas cores, lle botas alcohol, as cores expándense.

E que pasa se botas unha bóla de poriespan en acetona? Que se desfai, pero se  despois lle quitas o líquido sobrante podes ter unha especie de slime.

Non nos esquecemos de celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente, e como ás veces dubidamos onde botar o lixo, fixemos unha actividade de repaso e concienciación da importancia da reciclaxe.

Na táboa do 100 cada día o encargado ten que atopar o número secreto coas pistas que nos da a profe Rocío. Ás veces no di entre que números está e noutras cantas deceas e unidade ten.

Como ve gusta velos xogar de forma libre cun material que xa coñecen e que xa traballamos.

Un día a profe díxonos que tiñamos que darlle cor a unha cartolina dividida en 10 partes. A secuencia das cores era libre, facilitando a toma de decisións e a creatividade.

E para que o fixemos? Pära ao día seguinte, cando xa estaba seca a pintura, enchela de números, do 0 ao 9, repasando a grafía deles dunha forma máis creativa.

Os nosos compañeiros/as de 5 anos o ano que ven comezan primaria e estamos preparando a súa graduación. Por iso elaboraron as invitacións para darlle á súa familia.

No proxecto de arte, esta semana coñecemos por un lado a Yayoi Kusama, unha pintora á que lle encantan os puntos. Por iso recreamos un dos seus cadros nos que aparece unha bolboreta chea de puntos de cor. Así que así o fixemos, puntiños por todos lados respectando as cores do cadro orixinal.

A outra artista que coñecimos foi Lina Bo Bardi, unha arquitecta recoñecida mundialmente. Falamos do que é a arquitectura e nos puxemos mans á obra para crear as nosas estructuras. E cales fixemos? Pois uns/unhas escolleron o cubo e outros/as a pirámide. Pero para iso precisábamos bolas de plastilina e paus para poder unilos e construír as figuras.

E o venres rematamos a semana debuxándonos a nós mesmos, lembrando e representando todas as partes do corpo. Logo tivemos que recortalos para poñelos no fondo de pintura con cordas que elaboraramos hai dúas semanas.

Xa non queda nada, pero a semana que ven esta chea de novas actividades e unha excursión.

Ata a semana!!