Iniciar sesión: Acceso

SEGUIMOS APRENDENDO

Ola familias!!

Estas semanas estivemos realizando actividades moi diferentes coas que seguimos avanzando no noso desenvolvemento. Aquí as tedes:

No proxecto da selva seguimos coñecendo animais que viven nela e un deles é a hiena. Despois de coñecer un mouco máis dela fixemos unha actividade de buscar as 5 diferenzas para traballar a atención.

Ademais tamén seguimos avanzando na conciencia fonolóxica identificando a inicial dos animais da selva e realizando a súa grafía en arroz de cor, traballando así a motricidade fina. Os peques de 5 tamén identificaban a súa minúscula e a realizaban.

Para conmemorar o día de Rosalía de Castro fixemos unhas rosas con papel e palitos de brocheta que logo fomos a compartir cos maiores do cole que fixeron unhas con papel de xornais, ademais de visionar unha canción dun poema de Rosalía.

O luns 27 contamos coa visita de Pandoso e o doutor Neutronio que nos viñeron falar da celiaquía contándonos a historia de Mariña, ademais de realizar outras actividades moi divertidas.

Despois de coñecer un pouco máis sobre a piraña, na sesión de inglés tivemos que pescar con palliñas "pirañas" (gomiñas de cores). Tirábamos os dados, contábamos en inglés e pescabamos tantas gomiñas comos nos indicaba o número, ademais de clasificalas por cores.

Desta formas traballamos a lingua estranxeira, o conteo, a grafía- cantidade e a clasificación. Esta actividade tamén a fixeron os nosos compañeiros/as de 3 anos.

Cando coñecimos ao cocodrilo, decidimos que nos axudase a identificar o número máis grande entre dous, traballando a identificación de números e os conceptos maior que e menor que.

Chegou o mes de marzo e para despedir a febreiro realizamos o rexistro do tempo co que traballamos a motricidade fina ao pegar gomets, o conteo, a grafía dos números e tamén a lectoescritura ao escribir o nome do mes.

Por outra banda, seguimos traballando no noso taboleiro do xogo da selva que estamos a facer. Nesta ocasión coloreamos as casillas, identificando así números concretos.

Cando coñecimos ao hipopótamo, xogamos ao Tragabolas, xogo que xa coñecen moitos dos nosos compañeiros/as  e  que teñen na casa. Desta forma traballamos o respecto das normas dos xogos e que non se pode facer trampas.

Noutra sesión realizamos grafismos en zig-zag e ondas para construir o fondo do rinoceronte, traballando así a nosa motricidade fina.

Ademais, tamén realizamos espirais de cores repasando os seus nomes en inglés para que o camaleón tivese un fondo cheo de cor.

Durante a xornada tamén temos momentos de xogo libre, onde traballamos en equipo realizando construccións e traballando moito as habilidades sociais.

E por fin coñecimos ao rinoceronte, pero estaba todo en anaquiños, polo que tivemos que unir as súas partes para formalo, realizando un quebracabezas co que traballamos moito a atención e a orientanción espacial.

Vos acordades que fai unha semanas fixemos as siluetas das nosas mans en papeis de cores? Pois foron as plumas do loro. Quedaron xeniais!!!

Desde fai unhas semanas temos unha nova rutina na asemblea. Collemos unha palabra dunha caixiña, a lemos e colocámola no obxecto correcto, traballando desta forma a lectoescritura.

Cando coñecimos a pantera, esta nos dixo que estaba atrapada nun laberinto e que non podía atopar a saída, polo que, por suposto, lle botamos unha man indicándolle o camiño para saír, ao mesmo tempo que traballamos a orientación espacial.

Tamen nos pasou algo cando coñecimos á cebra. Estaba sen cor e non tiña raias, polo  que aí fomos nós a axudala: primeiro a coloreamos de negro e logo, con pincel lle fixemos as raias brancas, traballando así os trazos horizontais e verticais.

Na sesión de inglés, lembramos os membros da familia cun xogo de atención: observábamos quenes estaban, tapábamos os ollos, a mestra quitaba algún e nós tiñamosque saber quen faltaba.

Para celebrar a Semana da Prensa observamos un xornal en formato papel e coñecimos as súas partes e seccións, lendo algunha noticia que aparecía. Despois tamén vimos que hai xornais dixitais e limos as noticias publicadas sobre o 8M.

O 8M tivemos moitas actividades. Por un lado falamos da muller da nosa vida e a debuxamos, traballando así a representación do esquema corporal, e por outro, contamos coa visita de Gemola e Carolina Rubirosa que nos viñeron a presentar o seu proxecto "En clave de muller".

Non nos esquecemos do camaleón Rodolfo, que aínda que se sabe camuflar, nesta ocasión quería ser de cor verde e alí fomos nós a darlle cor con acuarelas.

Coa serpente fixemos unha actividade matemática moi interesante. Cada un tiñamos un número que tivemos que colocar na recta numérica no espazo que criamos que ía, ata que entre todos e traballando en equipo logramos completala. Desta forma traballamos a identificación de números e o anterior e posterior.

E seguimos co proxecto da selva: nesta ocasión tivemos que poñerlle nome a unhas fotografías de animais, avanzando así na lectoescritura.

As vindeiras semanas moito máis das nosas aventuras na clase de 4 e 5 anos dos peques de A Laxe.

Ata pronto!!