Libros

UN LIBRO PARA AS FAMILIAS: ENRUGAS.

Recomendámosvos a lectura deste libro do debuxante Paco Roca, Premio Nacional de Cómic no 2008.

Unha obra en banda deseñada que conta con precisión e dende unha ollada intimista, non exenta de dureza, esa batalla contra a vellez.

CARTA ÁS FAMILIAS:

CHEGA O VERÁN… tempo de erguerse tarde, de mergullarse na piscina, de saltar nas ondas da praia, de asistir ás festas coa familia e os amigos, de facer excursións, ir de acampada ou facer algunha viaxe.

Pero de seguro que haberá momentos como un ratiño antes de durmir, tumbados á sombra dunha árbore, tomando o sol e mesmo acostados no sofá, nos que a compaña dun libro faranos voar a países e lugares imaxinarios e vivir emocionantes aventuras cheas de maxia, fantasía, humor, misterio… acompañados de todo tipo de personaxes que só viven nos libros.

Aproveitando estas vacacións, a biblioteca do colexio pon a disposición do alumnado (desde 1º ata 5º de Primaria) e as familias o empréstito de ata cinco libros para os nenos e nenas e de tres para os pais e nais.    

Pedimos a vosa axuda no coidado deste material para que esta iniciativa  se poida repetir nos próximos anos.

Agradecémosvos de antemán a vosa colaboración e desexámosvos un bo verán e felices lecturas.

                                                                  O Equipo de Biblioteca.


Premios Xerais 2012.

O pasado sábado 9 de xuño, celebrouse na Illa de San Simón a gala de entrega dos Premios Xerais 2012, os máis importantes que se conceden en Galicia a obras de ficción escritas en galego.

O Premio Xerais de Novela recaiu no libro “Tonas de laranxa”, de María e Manuel Lorenzo, filla e pai que escriben conxuntamente esta novela construíndo un mundo fantástico no que habitan múltiples personaxes que van deixando entrever as súas vidas e tamén os seus soños a medida que transcorre a novela.

“Palabras de auga” de Marcos Calveiro foi a gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil, onde se narra a historia deAmadou, un neno suahili de 11 anos que atravesa o deserto, xunto co seu clan, fuxindo da miseria do seu país.


"AS FRONTEIRAS DO MEDO"

Agustín Fernández Paz vén de publicar na editorial Rodeira – Edebé, unha escolma de seis relatos de medo baixo o título “As fronteiras do medo” dirixido aos lectores maiores de 13 anos.

"O NENO CAN"

Hai uns días presentouse un libro no que Fina Casalderrey e Francisco Castro escriben cinco relatos dándolles voz a nenos e nenas de todo o mundo aos que se lles rouban os seus dereitos día a día e que os escritores escriben a favor de UNICEF.

A ilustradora Patricia Castelao ponlle imaxe ás vidas destes rapaces e rapazas para denunciar os abusos e inxustizas das que son vítimas inocentes en todo o mundo.

 
Distribuir contido