Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

EDLG

Samaín en sexto!

O alumnado de sexto viviu a tope o seu último Samaín no cole. Estaban espectaculares cos seus disfraces, que coma sempre, máis orixinais non podían ser. Todos eran incribles, pero a vella dos gatos, o home televisión e a Barbie maldita merecen mención especial, que orixinalidade! Deixádesme abraiada!

Como xa é tradición, pedíronme xogar ese día a Lobishomes de Fene, a nosa versión de Homes Lobo de Castronegro. Foi moi divertido, coma sempre, e por máis que xoguemos non deixa de sorprenderme escoitar os seus argumentos tanto para as acusacións como para defenderse das sospeitas alleas.

Despois tivemos unha merenda especial, aínda que á marxe da lei de Centieiras, xa que levaron todo tipo de manxares deliciosos e perturbadores a partes iguais. Había que facer unha excepción, non si? É a súa última festa de Samaín no cole, como non van poder comer unhas momias de salchicha, unhas galletas de araña ou un cerebro ensanguentado?! Iso si, extremamos as precaucións lavando as mans ben a fondo despois do banquete.

E despois, a bailar para baixar a enchenta de doces. Pasámolo de medo!

Pasámolo de medo no Samaín!

O martes 31 de outubro vivimos unha mañá terrorificamente divertida na escola.

Todas e todos fomos cos nosos disfraces dispostas e dispostos a desfrutar das actividades que nos tiñan preparadas as mestras.

Pola mañá o cole quedou a escuras e comezou a soar unha música arrepiante que indicaba que o Samaín daba comezo!

A decoración da escola, coma sempre, estivo xenial grazas ao traballo do equipo artístico da ANPA, moitísimas grazas! As súas decoracións xunto cos traballos feitos polos nenos e nenas do cole encheron a escola dun ambiente do máis festivo.

As profes e o profe Abel estaban que daba xenio velos, pero os que estaban espectaculares eran os alumnos e alumnas de Centieiras. Mirade, mirade:

 

 

Nas aulas houbo actividades do máis variado: desfiles de disfraces, lectura de contos de medo a escuras só coa luz das lanternas, manualidades, bailes, xogos...

 

 

Despois chegaba o momento do concurso O Peso Xusto! Por fin iamos saír de dúbidas e coñecer o peso da nosa cabaza xigante: nada máis e nada menos que 37,8 quilos! Melania, Marcos e Bruno foron os que máis se achegaron ao peso xusto e recibiron os seus diplomas de parte de Gatiza. Noraboa, tedes moi bo ollo!

Como fin de festa, tivemos música e baile. Pasámolo de medo movendo o esqueleto, menudo ritmo teñen estas rapazas e rapaces!

 

SAMAÍN

 

Celebramos o Samaín e Halloween en Centieiras con moitísimas actividades primeiro coa preparación e decoración do centro e despois desfrutando dun día de medo. As nenas e nenos participaron na exposición de cabazas e no concurso de debuxos de medo polo que a nosa aula recibiu como premio un conto; fixeron o desfile de disfraces terroríficos, escoitaron un dos contos gañadores do concurso "contos de medo", realizaron algunha das actividades para a pantalla dixital que propuxeron dende o EDLG, gustáronlle moito os contos de medo seleccionados polo equipo de Biblioteca, fixeron unha apócema, debuxaron pantasmas, xogaron na mesa de luz con sombras de medo, con fabas e arroz de sangue fixeron as súas propias cabazas, participaron no concurso o peso xusto da cabaza e bailaron e...xogaron moitísimooo. 

Aquí queda unha pequena mostra dalgunha das actividades dun día intenso.

As cabazas do Samaín

Un ano máis quedamos abraiadas e abraiados coa vosa creatividade e as marabillosas cabazas que facedes para o Samaín! Son todas impresionantes! Moitas grazas pola vosa participación e noraboa polo fantástico traballo.

Os contos máis arrepiantes deste Samaín

Xa tedes aquí dispoñibles os contos máis estarrecedores e creativos esctritos por alumnado do CEIP Plurilingüe de Centieiras con motivo do certame de escritura do Samaín 2023. Todos eran xeniais, pero ata para Gatiza é imposible subilos todos á web, así que vos deixamos esta selección. Desfrutádeos!

 

Achégase o Samaín!

A festa máis terrorificamente divertida do ano xa está moi preto. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega preparou estes genial.ly con información, cancións e xogos sobre o Samaín. Esperamos que os desfrutedes!

 

Gatiza tráenos novos libros en galego para este Samaín!

Para agradecervos a participación e esforzo no certame de debuxos e contos de medo, Gatiza quixo agasallarvos con novos libros en galego relacionados co Samaín. Hai contos, banda deseñada e ata un libro pop up do máis sorprendente. Xa están á vosa disposición na entrada da escola, a que esperades para desfrutar deles?


A cabaza xigante do Samaín

A poucos días da celebración do Samaín apareceu en Centieiras unha cabaza xigante. De onde saiu, como chegou á escola e, o máis importante, canto pesa esta cabaza? É todo un misterio! Seredes capaces de acertar o peso xusto da cabaza xigante de Samaín?

Participade no concurso O Peso Xusto escribindo nos papeis que atoparedes na entrada o voso nome, o curso e o peso que estimedes correcto. O día do Samaín sairemos de dúbidas e comprobaremos se alguén acertou o peso xusto da cabaza xigante do Samaín.

Gatiza volve ao cole polo Samaín!

Ola, rapazas e rapaces de Centieiras! Xa estamos en outubro e este mes celébrase unha das miñas festas favoritas, o Samaín! Celebrarémolo na escola o día 31 de outubro e, para iso, poderedes vir disfradas e disfrazados ese día ao cole e poderedes traer as vosas cabazas decoradas desde o día anterior, o luns 30 de outubro.

Ademais, aproveito para pedirvos que escribades contos de medo arrepiantes e fagades debuxos de terror para decorar a escola e crear un ambiente terrorificamente divertido!

Conto con vós!

 

Correlingua 2023

O día 23 de maio o alumnado do centro participou no Correlingua, que consistiu nun paseo desde o peirao de Caranza ata o Auditorio de Ferrol, onde desfrutamos da actuación de Brais da Hortas e Peter Punk, que xuntos forman o grupo As Monchas. Foi un concerto moi divertido, pasámolo xenial bailando e cantando as súas cancións na nosa lingua.

NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA!

 

 

 

Distribuir contido