Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

EDLG

Día de Rosalía

O venres 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía lendo poemas desta autora fundamental na nosa literatura, cuxa obra mestura o costumismo e intimismo coa reivindicación da nosa identidade.

             

A publicación da súa obra Cantares Gallegos en 1863 marca o inicio do Rexurdimento, un proceso de recuperación da lingua e cultura galega despois dos Séculos Escuros, nos que a nosa lingua quedou relegada ao ámbito oral.

Dada a importancia de Cantares Gallegos na nosa literatura, decidimos homenaxear a Rosalía no seu día recitando o poema Adiós Ríos, Adiós Fontes. A 5º de primaria tocounos ir á Praza do Concello, mentres que outros cursos foron a outras prazas, para espallar os poemas de Rosalía por todo Fene.

 

Ademais, en días previos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega con moita axuda por parte do resto do profesorado do centro, preparou un fotomosaico coas fotos do alumnado, profesorado e persoal de servizos da escola. Mirade que cousa máis fermosa saiu! Moitas grazas por toda a axuda que recibimos para sacar as fotos e crear o mosaico!

 

DIA DE ROSALIA

Celebramos o día de Rosalía cun fotomosaico, creando a imaxe de Rosalía a partir de cada un/unha de nós.

E ademáis, saimos ás prazas do noso Concello para recitar poemas.

Entroido!!!

E por fin chegou unha das festas por excelencia da nosa tradición: o Entroido!
Durante toda a semana do 13 ao 17 de febreiro a Bruxa Encarnación volveu saír do seu agocho para mandarnos vir á escola coas nosas mellores e máis tolas galas. Nos mandados da bruxa houbo de todo, desde levar algo na cabeza, ir con mandil ou en pixama, un dos días favoritos do ano dos nosos nenos e nenas.

 

Un día especial foi o mércores 15 de febreiro, Día do Cancro Infantil, no que Encarnación e todos os que formamos parte de Centieiras puxemos un pano na cabeza para mandar un agarimo moi especial e toda a nosa forza á nosa compañeira Andrea e á súa familia.

Durante as semanas previas ao desfile de Entroido, cada curso compuxo unhas regueifas sobre o seu disfrace para cantar na praza do concello o venres 17 na gran festa de Entroido. Ese día, todas e todos disfrazados de xogos saímos dispostos a pasalo fenomenal, acompañados polas familias, que se sumaron, coma sempre, e nos acompañaron e arrouparon neste día tan especial.

Os nenos e nenas de quinto decidiron ir disfrazados das súas propias personaxes do xogo de rol Magissa e de xogadores do Fifa.

Os disfraces eran incribles, estes rapaces e rapazas déixannos abraiados coa súa creatividade!

 

Tanto desfilar e regueifar abriulles o apetito, así que fomos degustar doces de entroido que cada un trouxo da súa casa para compartir cos demais compañeiros e compañeiras. Vaia delicias desfrutamos! Noraboa, familias, tedes boa man para a repostería!

 

Foi unha mañá xenial! Viva o Entroido e vivan os xogos!!!

Chega o Entroido!

O Entroido está moi preto,

así que pon atención

a todos estes mandados

pola Bruxa Encarnación:

LUNS 13:

O luns, para comezar,

a cabeza engalanada

teremos que levar.

 

MARTES 14:

Martes, con alegría,

en mandil todo o día!

 

MÉRCORES 15:

O mércores é un día moi especial

polo que todos xuntos temos que loitar,

apoiando aos nosos compañeiros

un pano na cabeza todos levaremos.

 

XOVES 16:

O xoves o mandado estará cumprido

cun pixama ben atrevido.

 

VENRES 17:

O venres chegou a festa:

Ao Concello cantando regueifas!

Mentres xogamos, aprendemos,

os nosos disfraces dan proba delo.

CRÓNICAS DE CENTIEIRAS

Como cada ano, e este non ía ser menos, comenzamos unha nova tempada de "Crónicas de Centieiras" grazas aos compañeiros e compañeiras de Radio Fene. Desta vez son o alumnado de 5º de EP máis o alumnado de 6º de EI os que se achegaron, o pasado xoves 26 de xaneiro, aos estudos radiofónicos.

Picade no ficheiro adxunto para poder escoitar as cousas tan divertidas e orixinais que nos comentan estes pícaros e pícaras.

Saída a Radio Fene para gravar o primeiro Crónicas de Centieiras deste curso

Hoxe pola mañá fomos a Radio Fene para gravar o primeiro programa de Crónicas de Centieiras deste curso. Tivemos a sorte de ir acompañadas e acompañados polos nenos e nenas de 6º de infantil e as súas mestras Fina e Alba.

Como chovía, o alumnado de quinto amosou a súa amabilidade e responsabilidade acompañando da man aos nenos e nenas de 5 anos e abrigándoos cos seus paraugas para que non se mollaran. Ben feito, rapazas e rapaces!

Xa no estudio de gravación, os nenos e nenas demostraron que son uns auténticos e auténticas profesionais das ondas radiofónicas.

 

O programa poderedelo escoitar mañá venres ás 9:30 en Radio Fene e Radiofusión e tamén, a partires de mañá, na nosa web.

Gatiza agradécevos a vosa participación!

Gatiza está moi feliz coas vosas recomendacións de libros en galego! Moitísimas grazas por participar traendo as vosas fotos. Mirade que mural tan chulo fixemos entre todas e todos!

 

Gatiza quere que lle recomendedes libros en galego.

Gatiza volve a aparecer pola escola para pedirvos que lle recomendedes lecturas en lingua galega. Para iso, quere que traiades ao cole unha foto vosa co voso libro favorito en galego. Lembrade, que se vexa ben a vosa cara e a portada do libro, e que sexa en galego!

 

 

As nosas historias de Gatiza: Lara e Daniela

Historia Gatiza de Lara

Ola, son Gatiza e son unha gata cun pasado bastante raro, vóuvolo contar.

Todo empezou un día na escola dos gatos. Era última hora e estabamos na clase de galego. Cando fun para casa, colléronme uns rapaces e leváronme para un laboratorio. Alí, os rapaces, que tiñan pinta de ser científicos e que estaban un pouco tolos, falaban dun experimento para o que precisaban un gato e o máis gordo dixo:

- Aquí temos un gato.

E metéronme nunha caixa cunhas cousas raras. Escoiteilles dicir:

- Este será o gato co que faremos o experimento do gato de Sridering.

E xa non me acordo de que pasou logo e agora estou aquí, en Centieiras. Teño 10 anos e por iso falo galego. Os meus últimos recordos son en galego e son azul polos produtos químicos que botaron na caixa.

LARA RICO 5º E.P.

 

 

Historia de Gatiza de Daniela

Ola, son Gatiza. Eu son de Perlío e gústame moito montar a cabalo. A miña cor favorita é o azul. Teño 10 anos e vou en 5º de primaria. Nacín o día 7 de xullo, iso quere dicir que eu son cáncer. A miña comida favorita é a lasaña da miña avoa e a miña época preferida do ano é o Nadal. Adeus!

 

Daniela Garrote 5º E.P.

As nosas historias de Gatiza: Salvador e Darío.

A historia de Gatiza de S.D.A.M (Salvador Daniel Agra Margot)

Gatiza era unha tranquila gata que vivia no país Pitufo, o país máis xenial do mundo. Gatiza era feliz aí ata que... Un maligno bruxo grego chamado ξθανιτοελγολονδριναχδ explotou o país Pitufo. Gatiza non tivo outra opción que marcharse a Fene, unha cidade en Galiza, unha comunidade autónoma de España. En Galiza pasouno xenial, ata que un día... tivo que ir ao colexio chamado CEIP Plurilingüe de Centieiras.

Ela ten 10 anos, así que está en 5º de primaria. Como é dun país máxico é invisible para os demais, pero cando oen unha voz procedente dalguén invisible... é ela! A única que pode vela é Isa, a mestra de 5º. É a única que pode vela, xa que a adoptou e meteuna nun xogo chamado Gacha Life para que ela estea a salvo. En Gacha Life o seu corpo volveuse máis raro, como se fora unha humana e coñoceu xente nova que tamén eran personaxes de Gacha Life.

Salvador Agra 5º EP

 

A historia de Gatiza de Darío

Ola, son Gatiza, e veño de Docelandia.

Cando era pequena, miña nai, que é bruxa, maldiciume e convertiume nunha gata azul.

En Docelandia fálase galego. Alí todo está feito de doces. As casas están feitas de galleta, os tellados están feitos de chocolate, as portas están feitas de caramelo e as chemineas están feitas de chupachups. Ao ser filla de Nuria, a bruxa, chamábanme «A Mestiza». O meu pai era feiticeiro.

Eu vivía nun orfanato. A xente vivía tranquila, ata que un día, chamaron á porta do orfanato. Era Nuria, miña nai, que viña ensinarme coñecementos arcanos. Pero eu escapei do orfanato cara a outro sitio. E cheguei aquí, onde tamén se fala galego. Fene é moi bonito, pero as casas están feitas de ladrillo, os tellados están feitos de tella, as portas, de metal ou de madeira, e as chemineas están feitas de cemento. Necesito axuda para derrotar á miña nai. Cando fuxía, vin que arrasaba o orfanato cun feitizo de lume, e que abrasaba a toda a xente do orfanato.

Continuará...

 

Darío Lamas 5º EP

 

Distribuir contido