ENTREGA DO PREMIO: "HOXE COMEMOS NA CASA DE..."

 

 

 Hoxe foi o gran día! Chegou o momento da entrega do premio do concurso "Hoxe comemos na casa de..." ao seu gañador  Roque Rey Bangueses de 1º de Primaria.

E como estabamos esperando, para facerlle a entrega do tan merecido premio, recibimos a visita do gran Cociñeiro Pepe Solla. E o acto desenvolvémolo no patio cuberto, da man da nosa directora Elena, a nosa cociñeira Libia, promotora do concurso, e o noso padriño da actividade Pepe Solla.

Roque estaba un pouco nervioso e falou pouco, pero sabemos que tamén estaba moi moi contento. Estivo acompañado polo seu pai, o seus compañeiros e compañeiras de todo o cole, os mestres e o equipo de cociña. Recibiu como agasallo:

         · Un diploma firmado pola nosa cociñeira Libia e polo noso padriño.

      · Dous diplomas iguais para as súas avoas, que son grandes facedoras de filloas e creadoras da receita que trouxo e namorou o xurado: "Filloas recheas de cocido"

         · E un mandil que trouxo Pepe Solla do seu restaurante "Casa Solla".

O cociñeiro amosouse encantado de compartir con nós esta iniciativa. E de feito, xa quedamos emprazados para que siga como padriño da videira edición do concurso, o ano que vén. Pepe coas súas palabras animou aos nenos e nenas a comer saudable, a valorar os produtos que temos na nosa contorna, a probar alimentos e receitas novas, e sobre todo, a meternos na cociña e experimentar cos recursos e alimentos que teñamos.

Para rematar, quixemos agradecerlle a Pepe cun pequeno agasallo, a súa cercanía, amabilidade e sobre todo, o tempo que nos dedicou e que sabemos que non ten. Libia a nosa cociñeira axudounos a decidir e buscar algo que lle gustara, e mercámoslle unha pulseira que lle gustou moitísimo.

Mil grazas de novo ao noso equipo de cociña por estas iniciativas que enriquecen o noso proxecto educativo. E a Pepe Solla, tamén mil grazas por prestarse a colaborar e pola súa visita.