Skip to Content

Enregueifámonos!

Voltan as actividades / cos mociños de segundo, / sonche moi habilidosos / van aprender un mundo.

Para compor as regueifas / hai que ter habilidade, / teñen boa profesora / e moitas ganas de cantare.

Ela évos Lupe Blanco / na regueifa das mellores, / percorre o país enteiro / cos cativos e maiores.

Retomamos as actividades complementarias cun Obradoiro de Regueifas á que se anotaron alumnos e alumnas voluntarios de 2º ESO A e 2º ESO C. Por motivos organizativos non se puido ampliar a actividade ao resto dos grupos, mais habemos tentalo máis adiante.

A profesora convidada é Lupe Blanco, unha das grandes regueifeiras galegas, que aprendeu esta modalidade da improvisación oral e cantada na propia casa co seu bisavó, Blanco de Muiñoseco, considerado o «padriño» da regueifa en Bergantiños. Leva anos dinamizando esta rica tradición oral nos medios, en escolas específicas e nos certames que se celebran a todos os niveis.

Este obradoiro organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, grazas a un programa da Asociación Oral de Galicia de Valadares e a Deputación, terá unha segunda parte o vindeiro mércores, da que de seguro que sae unha boa canteira de artistas do verso e a improvisación oral.

Para coñecer máis a regueifa premede aquí, ou mellor, coñezámola nesta reportaxe e entrevista que lle fan en Nós TV a Lupe Blanco. Máis imaxes da actividade nesta Galería.



blog | by Dr. Radut