Skip to Content

Seique: saímos ao encontro da memoria

Máis imaxes do acto aquí.

No día de onte, martes 6 de abril, saímos ao encontro da literatura con Susana Sánchez Arins, autora de seique, un libro que serviu de fío condutor dun coloquio moi ben guiado por Leticia, Aia e Anxo para os seus compañeiros e compañeiras de 2º de Bacharelato. E dicimos "saímos" porque literalmente saímos ao patio para gozar da tarde soleada e cumprir os protocolos de seguridade e hixiene aos que obriga a actual crise sanitaria.

Unha antiga fotografía familiar, a omnipresenza dunha sombra, a memoria das vítimas da represión, a súa dignidade e a loita contra o esquecemento da barbarie franquista, a violencia... seique... Unha historia que se constrúe a retallos, de forma maxistral, a medio camiño entre a narrativa breve, a poesía, a literatura de tradición oral, os arquivos históricos... seique... "se foi assim de mau com os irmãos e irmãs como seria com os de fora"... seique. 

As preguntas do alumnado foron desentrañando eses disquedisques e aínda abordaron outros temas como as motivacións literarias da autora, a súa práctica lingüística reintegracionista, o sistema cultural galego, outras propostas lectoras, os sistema educativo...  

Estámoslle moi agradecidos á autora pola súa dispoñibilidade para se achegar ao noso centro e manter este encontro co alumnado e, sobre todo, pola súa cercanía, que fixo que a conversa fluíse e espertase o interese de todos e de todas.  

Esta actividade enmárcase no Programa de Encontros Literarios que convoca a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de  Cultura e Deporte. 



book | by Dr. Radut