Máis imaxes dos murais aquí.
Rosalía de Castro deu voz en Follas novas a "aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados, pero cheos de milagres de amor e de abismos de perdón". Na súa modestia, para Rosalía eran "historias dignas de ser contadas por mellores poetas" ca ela.
E dende a modestia, pero con moita fachenda e moito cariño, con motivo da xornada reinvindicativa do 8 de Marzo, as alumnas e os alumnos de 2º da ESO, e tamén algúns mozos e mozas de 3º da ESO, quixeron homenaxear as súas heroínas do cotián: Dolores, Valentina, Rosalía, Elisa, María Erundina, Josefa, Marta, Nicolasa Paulina, Ángela, Rosa, Pepita, Lorenza, Rosita, Maruja, Clotilde, Carme, María... Nelas, o noso alumnado valorou capacidades, valores, aptitudes, traballos e accións que as converten en exemplos de loita e superación dos que aprender e dos que estar orgullosos.
As súas heroínas do cotián asomaron aos corredores do Instituto a través dos murais que elas e máis eles (as súas netas, fillas, sobriñas, veciñas...) elaboraron nas semanas previas ao 8M pero que, por mor da cancelación das clases, non puideron ter a proxección que merecerían entre a comunidade educativa.
No regreso ás aulas, non o dubidedes, habemos voltar sobre as vidas das nosas heroínas do cotián!