Skip to Content

ACTIVIDADE NESTE TRIMESTRE DO CLUB DE LECTURA DE 1º BACHARELATO

O Club de LECTURA de 1º bacharelato realizou unha intensa actividade neste primeiro trimestre do curso 2023-24. Deron conta de dous textos moi interesantes, segundo a súa opinión: A vida na Grecia clásica e a separata publicada polo "Diario Nós" sobre o castelo de Soutomaior, que o Concello donou á Biblioteca.

A primeira, sobre Grecia, é obra de Alfonso Blanco, e resulta ser unha atractiva síntese ilustrada sobre os aspectos máis destacados da historia e cultura grega: as cidades, a sociedade, o traballo e o lecer, a comida e a bebida, o vestiario, a relixión... e, de forma  especial, as pegadas que o mundo helénico nos deixou a moitos niveis. Lembremos que en Grecia naceu o alfabeto, a filosofía, o urbanismo, a política, a literatura, o teatro, a medicina, as olimpiadas etc. Estes aspectos e a súa importancia foron obxecto de atención e comentario: ata que punto o mundo contemporáneo é debedor daquel e como moitas cousas cotiás teñen a súa orixe alí.



A segunda, o monográfico sobre o castelo de Soutomaior, escrito polo historiador Suso Vila, conecta coa contorna do alumnado e é un bo xeito de descubrir a significación que o castelo tivo non so na historia local, senón tamén na historia de Galicia, como bo exemplo do que foi o reino galego medieval. Esta lectura fai un percorrido ao longo do tempo polo monumento, recollendo personaxes tan significativos como Pedro Madruga ou María Vinyals, entre outros, ademais de tratar temas de antropoloxía e cultura. Esta obra conta con fotografías, imaxes históricas e reproduccións documentais que fan dela algo moi ameno.



blog | by Dr. Radut