Skip to Content

Agregador de novas

Un total de 150 alumnos de seis centros educativos galegos poñen en escena a ópera Le Ville de Puccini

Portal Educación Xunta - Sáb, 01/06/2024 - 21:14
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou os ensaios da ópera Le Villi, de Giacomo Puccini, que este sábado representan 150 alumnos de seis centros de ensino galegos. En concreto, trátase do Conservatorio Superior de Música da Coruña, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña e os centros integrados de FP Imaxe e Son, Paseo das Pontes e Someso, os tres da Coruña.

O titular de Educación da Xunta felicitou aos estudantes polo excelente traballo desenvolvido nos diferentes ámbitos da representación. Non en balde, os centros levan a cabo desde a escenificación, iluminación e realización, ata o vestiario e complementos, pasando pola maquillaxe e perruquería, entre outros elementos. A obra conta tamén co apoio institucional do Centro Coreográfico Galego e do Centro Dramático Galego, do Concello da Coruña e da Orquestra Sinfónica de Galicia, que cede instrumentos.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta impulsa a Escola de Cantería de Poio coa súa conversión nun centro integrado de FP e a incorporación de catro novas titulacións

Portal Educación Xunta - Sáb, 01/06/2024 - 15:50

Summary: 

Román Rodríguez subliña que o obxectivo é “potenciar o oficio da cantería” fomentando a innovación e a tecnoloxía e atendendo ás demandas do sector

Entre as novidades formativas destaca o ciclo en Pedra natural especializado en cantería, unha das 13 novas titulacións de alta especialización que se implantarán en Galicia o próximo curso

Tamén se ofertarán os ciclos duais de Proxectos de edificación e de Construción e o grao básico en Reforma e mantemento de edificios

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia dálle un impulso a Escola de Cantería de Poio (Pontevedra) coa súa incorporación á Rede de Centros Integrados de FP e o reforzo da oferta formativa con catro novas titulacións para o vindeiro curso 2024-25, entre elas unha de alta especialización do total de 13 novas deste tipo que se incorporan a partir de setembro.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez achegouse esta mañá á Escola para dar conta das novidades académicas para este centro, logo de que o Goberno autonómico asumira a súa titularidade o pasado ano para convertese nun centro público docente dependente da Consellería. Un cambio que se traduce en melloras importantes para o alumnado, xa que a partir deste curso, ensinanzas que ata agora eran consideradas como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional.

“Neste traspaso asumimos o compromiso de potenciar o oficio da cantería en liña coas novas necesidades e demandas do sector e que agora plasmamos a través da nova oferta de FP que se aprobará no Consello da Xunta deste luns e na que teremos de novo un récord de prazas”, explicou o conselleiro, que destacou o deseño de itinerarios formativos “moi específicos e especializados e titulacións de alta especialización que vai supoñer un salto de calidade” nos estudos de cantería en Galicia.

Paralelamente, a Xunta está ultimando os trámites administrativos para a incorporación da Escola de Cantería á Rede de Centros Integrados de FP como un CIFP especializado no sector da edificación, a construción e a cantería, polo que serán xa 28 os centros que formen parte desta rede que está en constante ampliación.

Precisamente, este é un dos dos obxectivos fixados na Estratexia de FP Galicia 2030, que establece como un dos seus eixes promover o papel dos centros integrados de excelencia como referencia para cada familia profesional e sector produtivo e que estes centros desenvolvan accións de innovación do profesorado coa participación activa do tecido empresarial e de institución.

Así pois, no caso da Escola de Cantería, a súa inclusión na Rede de CIFP enmárcase na aposta da Xunta por “recuperar e potenciar o oficio de cantería, un dos máis antigos e representativos de Galicia é un dos eidos con máis dificultades de relevo xeracional”, subliñou o conselleiro. O titular de Educación explicou tamén que a oferta deseñouse tendo en conta tamén a crecente demanda das empresas de contar con persoas que dispoñan das competencias necesarias para empregar as últimas tecnoloxías e materiais, co obxecto de ofrecer solucións innovadoras no eido construtivo.

Oferta que se incorpora

Neste contexto, e para atender precisamente á finalidade de “compaxinar o estudo dun oficio artesán cos novos retos tecnolóxicos”, a partir de setembro incorpóranse catro novas titulacións ao catálogo formativo desta escola, das cales dúas son ciclos duais e outra é unha titulación de alta especialización. Suman un total de 92 prazas de nova oferta e o compromiso é seguir incrementando o número ano a ano ata superar as 300.

Trátase do ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios (18 prazas), dos ciclos de FP dual en Construción (22 prazas) e en Proxectos de Edificación (30 prazas) e da titulación de alta especialización en Pedra Natural especializada en cantería (22 prazas), unha das 13 deste tipo que entran novas este curso en toda Galicia.

As titulacións de alta especialización son unha proposta exclusiva de Galicia onde, atendendo a demandas específicas por parte dos sectores produtivos, deséñanse itinerarios formativos moi especializados feitos ad hoc que ben poden ser dobres titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos de distintos títulos. Por tanto, no caso da titulación de Pedra Natural especializada en cantería está enfocada a formar persoal con alta cualificación para atender a demanda nos sectores da construción en pedra e da restauración.

Na visita á Escola de Cantería, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e por representantes das empresas Construcciones Hermanos Sanz, Construcciones Ramírez, Aluminios Cortizo, e SanJosé Constructora, que colaboran coa Formación Profesional neste centro. O alcalde de Poio, Ángel Moldes, foi o encargado de dar a benvida a todos os asistentes.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Román Rodríguez anima á mocidade a achegarse ao stand de FP en Silleda para coñecer a oferta destas ensinanzas que se reforzarán o vindeiro curso

Portal Educación Xunta - Sáb, 01/06/2024 - 15:45

Summary: 

O conselleiro visita o expositor no Salón de Alimentación do Atlántico, onde avanzou que se acadará de novo “unha cifra histórica” de prazas de FP

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o stand de Formación Profesional no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca) que se está a desenvolver na Feira Internacional de Galicia Abanca, na localidade de Silleda.

O titular de Educación do Goberno galego animou á mocidade a que se achegue a este espazo para coñecer de primeira man “a oferta formativa e as saídas profesionais” que ofrecen estas ensinanzas “nas que Galicia é un referente a nivel estatal”. A este respecto, indicou que a Xunta vai reforzar, de novo, a oferta de prazas de FP para o vindeiro curso, polo que “acadaremos outro máximo histórico”.

Así pois, ata mañá domingo, cando a feira pechará as súas portas, as persoas que se acheguen ao stand da FP galega en Silleda recibirán información de primeira man sobre o abano de posibilidades formativas que ofrece o sistema educativo galego neste eido, e mesmo poderán asistir a demostracións e experiencias en directo a través de distintos obradoiros. Este ano están representados os centros integrados de FP CIFP Paseo das Pontes da Coruña), CIFP Fraga do Eume de Pontedeume, CIFP Compostela de Santiago,  CIFP Manuel Antonio de Vigo e CIFP de Vilamarín.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Román Rodríguez destaca a alianza con Netflix, Vaca Films e FAD Juventud para formar grandes profesionais do audiovisual

Portal Educación Xunta - Sáb, 01/06/2024 - 15:43

Summary: 

O conselleiro de Educación participa na clausura da segunda edición deste programa no que participan 25 estudantes, que recibiron formación como atrecistas

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na clausura da segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, impulsado polo Goberno galego, a plataforma Netflix, a produtora Vaca Films e a fundación FAD Juventud para a formación específica de estudantes no eido audiovisual.

Román Rodríguez destacou a aposta da Xunta por formar profesionais coa máxima cualificación para dar resposta ás necesidades dos sectores produtivos en xeral, facendo fincapé neste caso no audiovisual. “Estamos a falar dun tecido produtivo que atravesa un momento de madurez e esplendor sen precedentes, motivado tanto pola calidade das empresas como polo talento dos seus profesionais”, sinalou.

“Os estudantes que se decantan polo audiovisual como saída profesional escollen unha opción moi positiva, pero é moi importante que o fagan con todas as competencias, habilidades e coñecementos para asegurar tanto a inserción laboral como a calidade e competitividade do sector”, destacou.

A este respecto, o titular do departamento educativo da Xunta quixo felicitar a Netflix, Vaca Films e FAD Juventud pola organización deste programa. Aos alumnos participantes trasladoulles a responsabilidade que teñen “para mellorar unha industria da que estamos orgullosos e que é un referente a nivel estatal”.

O dobre de participantes

Un total de 25 alumnos de ensinanzas artísticas e de FP participaron este ano na segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, na que recibiron unha formación profesionalizadora de perfil de atrecista enfocada no audiovisual. O obxectivo é dar a coñecer as oportunidades que ofrece o sector en profesións que non están orixinalmente vencelladas a el, ao tempo que se crean sinerxías entre as entidades implicadas e se contribúe á formación de persoal neste ámbito produtivo.

O curso desenvolveuse no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago e participaron nel estudantes dos ciclos de Escultura aplicada ao espectáculo e de Dourado, prateado e policromía das escolas de arte e superiores de deseño Pablo Picasso (A Coruña), Mestre Mateo (Santiago de Compostela), así como alumnado dos ciclos de Deseño e amoblamento dos centros integrados de FP Someso (A Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), Valentín Paz Andrade (Vigo) e A Xunqueira (Pontevedra).

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Unha vintena de centros desenvolve este curso unha ópera como proxecto educativo da man do Teatro Real

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 15:34

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausura a xornada que pon fin ao programa ‘LÓVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe)’

Participan 469 alumnos, 53 docentes e 19 centros educativos con 21 compañías

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausurou hoxe o programa LÓVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe), unha iniciativa desenvolvida en colaboración co Teatro Real na que este curso participaron 469 alumnos, 53 docentes e 19 centros con 21 compañías.

A iniciativa LÓVA, que desde os seus inicios hai 16 anos suma un total de 18.000 alumnos, é un proxecto innovador que utiliza a creación e produción dunha ópera como ferramenta pedagóxica para o desenvolvemento integral do alumnado. Na súa traxectoriten acadados recoñecementos tan relevantes como o Premio Nacional de Boas Prácticas ou boa práctica educativa pola Cátedra Unesco, entre outros.

Para Román Rodríguez, a iniciativa é unha mostra do “fortalecemento das ensinanzas artísticas, que son sinónimo de profesionalización e reforzo da nosa cultura”. O conselleiro reivindicou a súa utilidade “como parámetro da calidade de vida dun territorio”. Como sinalou, o proxecto do Teatro Real é moito máis que un simulacro de ópera: “É unha experiencia educativa que involucra o coñecemento co ocio, converténdose nunha demostración clara do poder inclusivo e plural da educación como instrumento universal de integración para o benestar individual e colectivo”, engadiu. 

O vindeiro curso 2024/25, o número de participantes de LÓVA poderá seguir incrementándose, pois ábrese unha nova convocatoria para un máximo de 13 centros.

A xornada na Cidade da Cultura

O encontro que se desenvolve hoxe na Cidade da Cultura ten como finalidade visibilizar o traballo desenvolvido polas compañías dos centros educativos que participan en LÓVA. Así mesmo, con esta cita búscase o recoñecemento ao alumnado que participa nel e, por outro lado, darlle a coñecer o proxecto ao profesorado que estea interesado.

Así, os docentes poden formarse sobre LÓVA, focalizándose nas ensinanzas artísticas a través de mesas redondas sobre as súas competencias clave, o seu proceso de transformación educativa e fases para a implementación no centro, así como os elementos do currículo que participan no desenvolvemento da iniciativa. Ademais, realízanse obradoiros sobre dinámicas e retos de LÓVA, sobre composición musical a cargo do pianista Jorge Bedoya, sobre maquillaxe artística e sobre dramatización.

No caso dos estudantes, tiveron a oportunidade de participar en talleres de composición musical, perruquería, iluminación, vestiario e audiovisual, entre outros. Así mesmo, visitaron a exposición sobre o proxecto e asistiron a unha representación de óperas.

Os centros participantes son os seguintes:

Provincia

Concello

Centro

A Coruña

As Pontes de García Rodríguez

CEIP A Magdalena

A Coruña

Cariño

CEIP Manuel Fraga

A Coruña

Cabanas

CEIP Plurilingüe Eladia Mariño

A Coruña

A Coruña

CEIP Isaac Díaz Pardo

A Coruña

A Coruña

CPR Grande Obra de Atocha

A Coruña

Ferrol

CEIP de Pazos

A Coruña

Ferrol

CPR Santa Juana de Lestonnac

A Coruña

A Laracha

CEIP Ramón Otero Pedrayo

A Coruña

Ponteceso

IES Eduardo Pondal

A Coruña

Pontedeume

CPR San José

A Coruña

San Sadurniño

CPI de San Sadurniño

Pontevedra

Cangas

CPR Eduardo Pondal

Pontevedra

Cangas

CEIP San Roque de  Darbo

Pontevedra

A Cañiza

CPI da Cañiza

Pontevedra

A Estrada

CEIP Pérez Viondi

Pontevedra

Ponteareas

IES do Barral

Pontevedra

Pontevedra

CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos

Pontevedra

Tomiño

CEIP Plurilingüe de Tebra

Pontevedra

Vigo

CPR Andersen Augalonga

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta abre o prazo para participar no Plan Proxecta , ao que este curso se adheriron 685 centros

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 15:30

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita unha actividade no IES de Ordes co gallo da publicación desta convocatoria

Así mesmo, faise pública a resolución provisional de centros plurilingües, modelo co que contarán 511 centros a partir de setembro

O Portal Educativo publica tamén a resolución do programa E-Dixgal, no que participarán o vindeiro curso 613 centros

Deste xeito, a Consellería de Educación avanza na preparación do próximo curso a través de distintos programas aos que os centros se poden sumar voluntariamente

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES de Ordes, coincidindo coa publicación da convocatoria do Plan Proxecta para o vindeiro curso. Precisamente, neste centro puido comprobar o desenvolvemento dun dos programas que compoñen o plan, Aliméntate ben, que o instituto desenvolve co obxectivo de mellorar os hábitos alimenticios da comunidade escolar.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP integra no Plan Proxecta un total de 45 programas educativos, o conxunto de iniciativas formativas en distintos ámbitos que ofertan as consellerías do Goberno galego en colaboración con outras institucións.

A oferta de actividades, que complementa os currículos, está relacionada cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 15 de xullo e deberán facerse a través da aplicación de programas educativos. Este curso participan no Proxecta un total de 685 centros de toda Galicia, coa implicación de máis de 8.000 docentes.

Mellora do libro dixital

Por outra banda, a Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria do E-Dixgal, cos centros que formarán parte do programa de libro dixital o vindeiro curso. Serán un total de 613 os colexios e institutos que desenvolvan este modelo de ensino híbrido, onde conviven o analóxico co dixital. Deles, 608 xa desenvolvían o programa e deciden continuar nel, incluso un ampliando a súa participación. Trátase do Instituto IES República Oriental do Uruguai, de Vigo, que o tiña implantado en 1 e 2º de ESO e o incorpora agora a 3º e 4º desta etapa.

Ademais, súmanse á iniciativa cinco novos centros. En concreto, incorpórano en 5º de Primaria os colexios CEIP Vicente Risco (Cualedro, Ourense) e CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal (Vigo); e en 5º e 6 de Primaria, os colexios CEIP Plurilingüe Celso Currás (Trabada, Lugo) e CEIP Plurilingüe Rodolfo Núñez Rodríguez (Vilardevós, Ourense).

Así mesmo, o Centro Público Integrado CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra) súmase ao programa incorporándoo ao tempo en 5º e 6º de Primaria e en 1º de ESO. Por outra banda, decidiron solicitar a baixa no E-Dixgal 22 centros educativos.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación vai mellorar o programa para o curso 2024/25 cun amplo abano de medidas, entre elas mellores contidos, un dossier deseñado para uso dixital ou impreso con todas as materias e todos os niveis, asesoramento e apoio aos centros, o reforzo da formación do profesorado e da información ás familias.

Récord de auxiliares de conversa

Así mesmo, o Portal Educativo publica hoxe a resolución provisional dos centros que solicitaron incorporarse ao modelo de plurilingüismo no ensino. Pendente da resolución definitiva, contarán con ensinanzas plurilingües o vindeiro curso un total de 511 centros educativos de toda Galicia, 11 máis ca no actual ano académico.

Do total de centros plurilingües, 466 serano en Primaria ou ESO ou en ambas etapas á vez, 250 na etapa de Infantil e 15 centros en Bacharelato. Non se produciron renuncias, polo que todos os centros que participan na iniciativa este curso continúan o próximo.

Contarán co apoio de 665 auxiliares de conversa nativos de países estranxeiros (10 máis ca no actual curso), récord histórico no número de persoas que colaboran no apoio á aprendizaxe de idiomas.

Coa publicación destas resolucións, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP avanza na preparación do vindeiro curso a través de distintos programas aos que os centros se poden adherir voluntariamente.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Convocatoria pola que se establece o procedemento de selección de centros sostidos con fondos públicos que desexen participar no programa LÓVA para o curso 2024/2025

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 15:25
Idioma Gallego

LÓVA (La ópera, un vehículo de aprendizaxe) é un proxecto do Teatro Real que conta con máis de dezaseis anos de experiencia e coa participación de 18.000 alumnos/as procedentes de centros de educación primaria, secundaria, educación especial e doutros colectivos sociais. Esta iniciativa propón que o alumnado experimente a experiencia de ser membro dunha compañía de ópera que traballará ao longo de todo o curso escolar 2024/2025 co obxectivo de representar finalmente a súa propia produción operística.

Esta convocatoria vai dirixida aos centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de Galicia que impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial e ciclos de formación profesional básica (FP básica).

  • Os centros educativos interesados en participar no proxecto LÓVA deberán inscribirse a través da aplicación informática Fprofe, na pestana de “convocatorias”, ata o 10 de xuño de 2024 inclusive.

 

File: 

Convocatoria do proxecto para o curso 2024/2025

Tema: 

Programas e plans

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Servizo de Programas de Formación

Colectivo: 

Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Resolución do 27 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se regula o Plan Proxecta+ e se establecen as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos durante o curso 2024/25

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 15:06
Idioma Gallego

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa vén de publicar a Resolución do 27 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se regula o Plan Proxecta+ e se establecen as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional  durante o curso 2024/25.

  • O prazo para presentarse a esta convocatoria comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Portal Educativo e rematará o día 15 de xullo de 2024.

Poderanse facer modificacións no profesorado participante ata o 17 de xaneiro de 2025.

Pódese consultar a información sobre cada programa na páxina web do Plan Proxecta+ (pendente de actualización): https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta

File: 

Resolución do 27 de maio de 2024 Táboa informativa

Tema: 

Programas e plans Plan Proxecta

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Servizo de Innovación e Programas Educativos

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín Innovación
Categorías: Novas Xunta

A Xunta e a Real Academia Galega de ciencias suman esforzos na divulgación da investigación en Galicia

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 14:57

Summary: 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, reúnese con representantes da RAGC para abordar iniciativas comúns

Idioma Gallego

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, recibiu esta mañá na sede da axencia ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Manuel Lema; á súa vicepresidenta, Alicia Estévez, e ao responsable de publicacións e relacións sociais, Fernando Pérez.

No encontro, a representación da RAGC expúxolle á representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP as actividades que desenvolven, así como os seus plans de futuro e conversaron sobre as iniciativas que comparten ambas entidades. En concreto, a Xunta colabora, entre outros, nos Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia e no Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas.

A directora de Gain destacou o amplo labor de divulgación da ciencia que realiza a institución a todos os niveis, desde os centros de ensino ata a sociedade en xeral, e o importante papel que xogan no recoñecemento a figuras senlleiras da historia da ciencia en Galicia, así como a científicos e científicas actuais en diferentes etapas da súa carreira profesional.

Neste senso, Carmen Cotelo reafirmou o interese da Xunta en seguir sumando esforzos neste ámbito, co obxectivo de facer consciente á sociedade da importancia da ciencia e da tecnoloxía no noso benestar económico e social, así como render homenaxe a aqueles persoeiros que fixeron e fan unha importante achega ao coñecemento e a tecnoloxía xerada en Galicia.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta salienta o éxito dos programas Eduinspira e Eduindustria para promover o emprendemento entre o alumnado

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 13:42

Summary: 

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa na clausura destas iniciativas, impulsadas pola Cámara de Comercio da Coruña e a Xunta

A través deles, os estudantes coñecen as experiencias de persoas que sacaron adiante o seu negocio e os pasos para facelo realidade a partir dunha idea

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, participaron hoxe na clausura dos programas de emprendemento EduInspira e EduIndustria, impulsados por esta entidade e a Xunta de Galicia.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o éxito destas iniciativas, nas que a día de hoxe teñen participado máis de 1.000 alumnos e por riba de 30 centros educativos. “Ademais, a Cámara de Comercio de España recoñeceu nos seus 3º Premios Nacionais á da Coruña na categoría de Emprendemento grazas, precisamente, ao traballo de Eduinspira”, destacou.

A directora xeral salientou a aposta da Xunta por manter unha estreita relación entre sistema produtivo e educativo e puxo de relevancia a necesidade de dar a coñecer ao alumnado a figura de persoas emprendedoras, “que son sinónimo de xeración de riqueza, desenvolvemento económico e calidade de vida para Galicia”.

Neste sentido, reivindicou o papel das pequenas e medianas empresas e a súa importancia á hora de contribuír á formación de alumnos de FP, “favorecendo que o ensino se axuste á realidade económica e social e dando máis oportunidades aos estudantes”.

Aprender a emprender

Ao longo da clausura varios empresarios presentaron a súa experiencia persoal ao alumnado do Centro Integrado de FP Someso, onde se celebrou o acto. En concreto, foron relatores a CEO do Grupo Gestán, empresa galega experta en xestión integral de residuos e solucións medioambientais, Luz Pardo Longueira; Broder Fernández-Obanza Windscheid e Antonio Gómez Salvador, cofundadores A Factoría Ecolóxica-The Bio Factory, así como a presidenta e fundadora do Grupo Atlante, Maite Valiño Borrego.

Nado no curso 2021/22, EduInspira consiste na organización de charlas motivadoras nos centros educativos. Para iso, a Cámara de Comercio da Coruña convida a persoas emprendedoras de distintos sectores, para que tanto profesorado como alumnado coñeza de primeira man a súa realidade.

Pola súa banda, EduIndustria sirve para que o alumnado aprenda a emprender e pense nesta saída profesional como unha opción de futuro. A través do xogo Desafío Industria, os estudantes descobren os pasos que hai que seguir para converter unha idea nun negocio. O programa naceu neste curso 2023/24.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta recoñece a excelencia de 106 universitarios cos Premios fin de carreira

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 13:38

Summary: 

O 62% dos estudantes recoñecidos son mulleres e, do total de premiados, 52 pertencen á Universidade de Santiago, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña

Os galardoados, que remataron os seus estudos no ano 2023, pertencen a 64 titulacións distintas e cada un deles recibirá 3.500€ e un diploma acreditativo

Idioma Gallego

Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. 

O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. 

Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus. Deste xeito, por número de recoñecementos destacan, con seis persoas premiadas, os graos de Administración e Dirección de Empresas, Educación Infantil e Mestre de Educación Infantil e Educación Primaria e Mestre de Educación Primaria; con cinco persoas o grao de Dereito, e con 4 persoas premiadas os graos de Medicina e Enxeñaría Informática.

Cada un dos premiados, recibirá unha achega económica por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de 3.500 euros e un diploma acreditativo.  

Para optar ao premio, as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Resolución do 22 de maio de 2024 pola que se adxudican os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2023 nas universidades do SUG

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 11:36
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 22 de maio de 2024 pola que se adxudican os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2023 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED415A).

 

Anuncio principal: 

Convocatoria dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2023 nas universidades do Sistema universitario de Galicia

Tema: 

Premios autonómicos

Ensinanza: 

Universidade

Departamento: 

Secretaría Xeral de Universidades Subdirección Xeral de Universidades Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas Xunta

Publicación da composición dos tribunais que xulgarán os procedementos selectivos de acceso e ingreso aos corpos docentes non universitarios (ED001A)

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 11:25
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 21 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se nomea e se fai pública a composición dos tribunais que xulgarán os procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de Educación e ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de mestres e ao corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, e procedemento de adquisición de novas especialidades por parte do persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A) (DOG nº 104, do 30 de maio).

 

Anuncio principal: 

Publicación da Orde do 31 de xaneiro de 2024 pola que se convocan procedementos selectivos de corpos de persoal docente non universitario (ED001A)

Servizo relacionado: 

Oposicións

Tema: 

Programas e plans Oposicións

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas Xunta

Resolución definitiva de centros docentes privados concertados para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de ESO durante o curso 2023/24

Portal Educación Xunta - Ven, 31/05/2024 - 10:12
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución definitiva de centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2023/24 (Procedemento ED531F).

 

Anuncio principal: 

Convocada a selección de centros docentes privados concertados dependentes desta consellería para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, dirixido ao alumnado de sexto curso de EP e de ESO, curso 2023/24

Tema: 

Lingua estranxeira Centros concertados

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Innovación e Programas Educativos

Colectivo: 

Centros

Sección: 

Boletín Linguas estranxeiras
Categorías: Novas Xunta

Rueda anuncia que a FP galega terá a oferta máis alta da súa historia no vindeiro curso

Portal Educación Xunta - Xov, 30/05/2024 - 14:19

Summary: 

Salienta que se van reforzar os títulos de alta especialización que permiten combinar materias ou cursos de ciclos distintos para formar perfís profesionais moi concretos

Galicia é pioneira neste tipo de ensinanzas ao ofertar o ano que vén 24 títulos especializados, 13 deles de nova implantación

O obxectivo é garantir a inserción laboral dos alumnos que xa está no 85 % e chega case ao 100 % no caso da FP Dual

Subliña a oportunidade que ten o sector da automoción de Galicia para situarse como referente da mobilidade sustentable do futuro

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por promover a Formación Profesional ao ampliar, un ano mais, a oferta de prazas cara ao vindeiro curso 2024-2025.

Durante a inauguración do I Congreso de Mobilidade Sustentable en Medios de Transporte- FP Galega que se celebra en Vilagarcía de Arousa, Rueda adiantou que o Consello da Xunta aprobará o luns a oferta de FP para o novo ano académico que será a máis alta da súa historia. O obxectivo é ofrecer estudos especializados e adaptados ás necesidades do territorio e o tecido empresarial galego para garantir a inserción laboral das persoas que opten por estas ensinanzas.

Nesta liña, o presidente asegurou que se van reforzar os chamados títulos de alta especialización, é dicir, as ensinanzas que permiten que os alumnos combinen cursos ou materias de ciclos ou graos distintos coa finalidade de formar a profesionais con perfís moi concretos e especializados. O vindeiro curso serán 24 as titulacións deste tipo que se ofertarán en Galicia, 13 delas de nova implantación.

Galicia é pioneira en toda España en poñer en marcha este tipo de titulacións coas que dar resposta específica as demandas do tecido produtivo da comunidade. O presidente da Xunta asegurou que “as sociedades que non dan importancia á FP son aquelas que non van poder evolucionar ao ritmo que evoluciona o mercado e a demanda”.

Rueda, que lembrou a “revolución silenciosa” que experimentou a FP galega nos últimos anos -ao aumentar un 80 % o número de matriculados desde 2009 e acadar datos históricos con máis de 64.000 alumnos-, fixo fincapé en que nestas ensinanzas a taxa de inserción laboral é do 85 % e case chega ao 100 % no caso da FP Dual.

Ademais salientou a importancia de foros como este Congreso para que empresas e comunidade educativa colaboren e sumen forzas para afrontar os retos e desafíos dun dos principais motores da economía en Galicia como é a automoción que representa máis do 13 % do PIB galego e xera 25.000 empregos en toda Galicia.

Nesta liña, o titular do Goberno galego lembrou que este sector está a vivir unha gran transformación coa chegada do vehículo eléctrico e a aposta por desprazamentos máis sustentables. Rueda subliñou que Galicia xa é líder nacional na produción de vehículos e ten unha grande oportunidade para ocupar un papel prioritario no deseño da mobilidade do futuro.

O Goberno galego reforza o compromiso cunha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente mediante a folla de ruta cara 2050, a Estratexia Galega de Mobilidade, dotada de 420 millóns de euros. Ademais, o Executivo galego acaba de aprobar unha liña de 18 millóns de euros para axudar as empresas auxiliares de automoción na adaptación aos novos modelos de produción e segue reclamando ao Goberno central infraestruturas claves como a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A solicitude de praza nas escolas oficiais de idiomas para o próximo curso será do 24 de xuño ao 5 de xullo

Portal Educación Xunta - Xov, 30/05/2024 - 14:12

Summary: 

Os estudantes de novo acceso deberá realizar unha preinscrición nesas datas e, de obter praza, formalizará a matrícula entre o 9 e o 19 de xullo

Para os alumnos que continúan estudos o prazo de matrícula vai do 18 ao 28 de xuño

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia abrirá o 24 de xuño o prazo para solicitar praza nas escolas oficiais de idiomas para o vindeiro curso 2024-25. Así o publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, onde se regula a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica desta ensinanza de réxime especial.

Actualmente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP conta con 11 escolas oficiais de idiomas con un total de 28.500 alumnos matriculados. Todos eles teñen acceso a 11 idiomas diferentes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés, español para estranxeiros e galego.

Para acceder a súa formación é necesario ter 16 anos cumpridos no ano natural en que se comecen os estudos, aínda que aquelas persoas que teñan cumpridos os 14 anos poderán seguir as ensinanzas dun idioma distinto do cursado na Educación Secundaria Obrigatoria como primeira lingua estranxeira.

Novo ingreso

No caso dos alumnos de novo ingreso para o nivel básico A1 de calquera dos idiomas impartidos nas EOI, deberán realizar unha preinscrición en liña entre o 24 de xuño e o 5 de xullo.

Cada persoa poderá presentar unha única solicitude con tres preferencias priorizadas de grupos nun máximo de dous idiomas. A adxudicación de prazas realizarase nun acto público o día 8 de xullo ás 9,00 horas na Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa.

O alumnado de nova incorporación que obteña praza no dito sorteo de preinscrición deberá matricularse entre o 9 e o 19 de xullo.

Continuidade de estudos

No caso do alumnado matriculado no actual curso 2023-24, e que desexe continuar estudos no curso 2024-25 no mesmo idioma e escola, deberá formalizar a matrícula entre o 18 e o 28 de xuño en convocatoria ordinaria. A convocatoria extraordinaria de matrícula (para os que non resultaron aptos ou non se presentaron na ordinaria) irá do  28 de xuño ao 5 de xullo.

Tanto para alumnos de novo ingreso como de continuidade, a matrícula tense que formalizar obrigatoriamente en liña.

Non obstante, unha vez que remate o proceso de matrícula e ata o día 20 de setembro, no caso de quedaren prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listaxes de espera, en caso de habelas, ou atendendo as peticións que alumnado de novo acceso que non realice o proceso de preinscrición. As escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listas de agarda.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior. Cualificacións definitivas. Convocatoria 2024

Portal Educación Xunta - Xov, 30/05/2024 - 13:43
Idioma Gallego

Publicada a listaxe definitiva de cualificacións das probas de acceso a ciclos formativos de grao superior.

A partir do 3 de xuño poderanse solicitar os certificados da proba de acceso en calquera dos centros de inscrición (centros docentes públicos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que impartan ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2023-2024).

Mais información.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas Xunta

A Xunta convoca tres novas prazas de investigador distinguido no programa Oportunius para captar e reter talento científico en Galicia

Portal Educación Xunta - Xov, 30/05/2024 - 13:09

Summary: 

Deste xeito superarase, por primeira vez, a vintena de investigadores contratados polo Goberno galego ao abeiro deste programa

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 14 de xuño e a convocatoria céntrase nas áreas de Ciencias Sociais e Humanidades e Ciencias Físicas e Enxeñaría

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de tres novas prazas de investigador distinguido para persoas beneficiarias dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC) no programa Oportunius de xeración, retención, retorno e atracción de talento. Deste xeito, superarase, por primeira vez, a vintena de investigadores contratados polo Goberno galego ao abeiro deste programa, integrado neste momento por 18 persoas vencelladas ás tres universidades públicas de Galicia.

As persoas que obteñan estas prazas poderán desenvolver a súa actividade investigadora en Galicia, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido. Farano nun organismo público de Investigación radicado en Galicia, a determinar pola persoa que ocupe o posto. O prazo de presentación de solicitudes, que deberán facerse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, está aberto ata o 14 de xuño.

Ciencias Sociais, Humanidade, Físicas e Enxeñaría

En concreto, unha das prazas vai dirixida a investigadores cunha bolsa Synergy Grant que desenvolvan a súa actividade na área das Ciencias Sociais e Humanidades. As outras dúas van destinadas a beneficiarios de bolsas Consolidator Grant, ambas na área das Ciencias Físicas e Enxeñaría.

As funcións do persoal investigador distinguido que acade as tres prazas da convocatoria consistirá na realización de actividades de investigación ou na dirección de equipos humanos, centros de investigación, instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Axencia Galega de Innovación.

Para acceder a estes contratos, os aspirantes deberán ser beneficiarios das devanditas bolsas ERC e ter a titulación de doutor ou equivalente, entre outros requisitos. Unha vez comprobado o cumprimento de todos os esixidos, a selección efectuarase en dúas fases. A primeira delas consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes, como as publicacións de carácter científico, as comunicacións ou relatorios en congresos ou reunións científicas ou a participación en proxectos ou contratos de I+D+i.

A segunda fase consistirá na exposición oral e pública pola persoa aspirante, durante un tempo máximo de 60 minutos, sobre as características do proxecto que pretende realizar. Valorarase o seu coñecemento da especialidade e das innovacións e avances científicos, así como a súa visión da evolución da área no futuro e das liñas de investigación posibles.

A duración dos contratos está vinculada ao resultado da avaliación cada cinco anos da actividade investigadora.

Case 14 M€ investidos

O programa Oportunius, que xestiona a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, brinda o impulso necesario de formación e asesoramento para acceder ás axudas do Consello Europeo de Investigación. Así mesmo, ofrece incentivos económicos para as persoas investigadoras que xa dispoñan dunha axuda ERC e elixan Galicia para desenvolver o seu proxecto científico.

A día de hoxe máis da metade dos 31 investigadores que obtiveron en Galicia axudas ERC están contratadas pola Xunta de Galicia como investigadores distinguidos ao abeiro deste programa. A iniciativa apoia todos os proxectos beneficiarios destas axudas europeas, que son marcador internacional de excelencia e liderado científico, o que supuxo un investimento total de máis de 13,8 M€ a 2023, desde a posta en marcha en 2014 do Oportunius.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior. Cualificacións definitivas. Convocatoria 2024.

Novas de FP - Xov, 30/05/2024 - 13:07

Publicada a listaxe definitiva de cualificacións das probas de acceso a ciclos formativos de grao superior.

A partir do 3 de xuño poderanse solicitar os certificados da proba de acceso en calquera dos centros de inscrición (centros docentes públicos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que impartan ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2023-2024).

Mais información.

Categorías: Novas FP
Distribuir contido


by Dr. Radut