Skip to Content

STEM

Medida de parámetros do acuario do IES Perdouro

Como iniciativa do Departamento de Bioloxía, decidiron levar ao alumnado de distintos cursos a visitar o acuario unha vez ao mes para comprobar distintos parámetros. 

A última vez que fomos, comprobamos tres parámetros: o pH, o GH e os NO2. A maioría son moi sinxelos e só hai que seguir unhas cantas instrucións para cada parámetro. Ademais, fixemos quendas entre os compañeiros para que todos puidesen participar. 

Por exemplo, para comprobar o pH só hai que tomar unha pequena mostra de auga e botar dúas gotas de reactivo. Logo, hai que comparar a cor da auga cunha táboa graduada. Como resultado obtivemos que o pH era de 7,5. 

Despois, comprobamos o GH, é dicir, a dureza da auga. Neste caso, axudounos a nosa antiga profesora de Xeografía e Historia, Maribel. Para obter a dureza só hai que botar un pouco de auga e contar as gotas de reactivo que fan falla para que a auga se volva de cor verde. 

Por último, comprobamos o valor dos nitratos (NO2). É necesario botar 4 gotas de reactivo e axitar e, máis tarde, botar outras catro e volver a axitar. Tras comparar coa táboa, obtivemos que había 0 mg por cada litro.

Podedes ver máis fotos AQUÍ

Nicolás Sixto Guisasola - 1º Bacharelato A

Gañamos a fase autonómica da III Olimpíada Xuvenil Española

Gañamos por segunda vez consecutiva a fase autonómica da Olimpíada Científica Xuvenil Española.

A III Olimpíada Científica Xuvenil Española, unha apaixonante competición onde desmostrar habilidades de razoamento e resolución de problemas do ámbito científico.

 Na fase autonómica da III Olimpíada Científica Xuvenil Española que se celebrou entre os días 24 e 25 de marzo de forma telemática, participaron 2 equipos do IES Perdouro. A proba telemática consistiu nun único exame de 45 preguntas a resolver en equipos de 3 alumnos. As preguntas requirían coñecementos de matemáticas, física, química, bioloxía e xeoloxía; dun nivel correspondente a un 3.º da ESO «avanzado».

O equipo formado por Nacho Andía López, Alexandre García Pousa e Hugo  Gorgojo Basanta de 3º da ESO resultou gañador da fase autonómica.

Sendo o mellor equipo de Galicia, participarán na final nacional da Olimpíada Científica Xuvenil Española, que se celebrará en Valencia os 11, 12 e 13 de xullo de 2022. Aí competirán xunto a outros 17 equipos por representar a España na fase internacional.

Para saber máis: https://quintescience.es/ijso

XIIIª Olimpíada Española de Xeoloxía: fase galega

O pasado mércores 16 de febreiro un grupo de oito alumnos do IES Perdouro (catro alumnos de 4º ESO, unha de 1º de Bacharelato e tres de 2º de Bacharelato) fomos a Ribadeo a participar na 13ª edición da Olimpíada Española de Xeoloxía. 
 
A primeira proba (que arrincaba ás 10:30h da mañá) disputouse na Praia das Catedrais ou de Augas Santas e consistiu nunha xincana por grupos. Nesta proba tiñamos que contestar a diversas preguntas sobre as estruturas xeolóxicas presentes na praia e identificar diversos tipos de rochas. 
 
Unha vez rematada a práctica, fomos comer e ás 15:00h reunímonos outra vez no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo para realizar a proba teórica. Esta consistía nun exame no que non só debiamos ter coñecementos dos diferentes tipos de rochas, senón que tamén debiamos telos sobre a tectónica de placas, as estruturas xeolóxicas, etc. 
 
Mentres se corrixían os exames, o noso profesor, Fernando, aproveitou para falarnos un pouco das plantas que había no xardín do instituto. Ademais, tamén realizamos unha actividade co xeólogo Fran Canosa sobre os efectos da luz ultravioleta nas rochas, a cal resultou extremadamente sorprendente posto que estas adquirían unha cor moi intensa cando estaban expostas aos raios ultravioleta. Por último, asistimos á entrega de premios. 
 
Desgraciadamente o noso instituto non conseguiu ningún, pero todos nos atopabamos igualmente contentos posto que viviramos unha experiencia nova, aprenderamos moito e pasarámolo xenial. 
 
Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ
 
Ramón Real González - 4ºESO A

Charla sobre Intelixencia Artificial da USC

O mércores 2 de febreiro, o alumnado de TIC de primeiro de Bacharelato e do ciclo de Instalacións de Telecomunicacións asistimos a unha charla sobre Intelixencia Artificial, impartida polo catedrático da USC Alberto Bugarín e polo profesor Alejandro Catalá; ambos os dous son investigadores do CITIUS.

Denomínase Intelixencia Artificial o sistema informático que simula o razoamento das persoas a partir de información nova e da toma de decisións; todo isto mediante o uso da lóxica e das matemáticas. No noso día a día empregamos a Intelixencia Artificial, aínda que nunca nos paramos a pensar niso. Un exemplo disto son os videoxogos, os cales van incrementando a súa dificultade a medida que o xogador vai adquirindo máis habilidades; ademais, poden empregar o coñecemento e perspectiva dos xogadores na súa contra. 

A I.A. (intelixencia artificial) ten diversas aplicacións en distintos ámbitos; por exemplo, empregámola para o recoñecemento de imaxes. Para isto son necesarios algoritmos que analicen todas as condicións e padróns (chámase adestramento). Pero entre todas estas vantaxes sempre sempre existe unha desvantaxe. Para ser capaz de recoñecer unha foto, a Intelixencia Artificial ten que buscar na base de datos e chegar a unha conclusión: acerta na maioría dos casos. A pesar de ser un sistema moi avanzado, podemos despistalo interpoñendo unha imaxe con ruído gráfico, facendo que sempre, por exemplo, recoñeza unha avestruz. 

As aplicacións da I.A. non se limitan a ese ámbito, xa que existen tradutores automáticos baseados nela; son tradutores moi avanzados pero, aínda así, teñen algúns defectos curiosos que é imprescindible corrixir. Estes defectos adoitan estar relacionados co xénero. Cando falamos de premios Nobel o tradutor sempre vai empregar o pronome masculino, xa que ten como fonte de coñecementos a base de datos e, como a maioría dos premios Nobel foron homes, chegou á conclusión de que esa persoa tiña que ser un home. Isto é o que ocorre cando se lle proporcionan datos desproporcionados. No tradutor non só ocorre isto, senón que tamén hai linguas como o turco e o finlandés que non teñen xénero e, ao traducilas á nosa lingua, o xénero que nos vai aparecer é o masculino. O desequilibrio de datos é un dos problemas máis habituais; un claro exemplo disto é o recoñecemento facial nun aeroporto. Se a maioría das persoas son de pel clara, a I.A. vai recoñecer soamente como persoas aquelas que se aproximen ao padrón establecido e o resto de xente, coa pel máis escura, non van ser persoas aos ollos desta intelixencia (e pasaría o contrario se nese aeroporto a maioría das persoas tivesen a pel máis escura: non recoñecería como persoas as de pel máis clara). 

O tema tratado nesta charla foi moi interesante, xa que a Intelixencia Artificial está cada vez máis presente no noso día a día e introducida en todo tipo de dispositivos. 

Ainhoa Mía Quiroz Huamán – 1º Bacharelato A

Ecoauditoria da Oficina de Medio Ambiente da UDC

O pasado 24 de xaneiro viñeron, dende a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Verónica e Martina, para facer unha Auditoría Ambiental no noso centro. Neste proxecto analizamos os restos do día anterior acumulados no noso instituto para ser conscientes do lixo que xeramos e valorar a posibilidade de separar os residuos segundo a porcentaxe de cada tipo de lixo previamente separado e calcular a porcentaxe de cada un.
 
Antes de nada, déronnos unha breve charla na que nos explicaron de onde veñen e as cousas que se fan no seu departamento. Faláronnos tamén sobre os residuos, a súa composición e a reciclaxe. A media galega de lixo xerada ao día por persoa é de 1,5 kg aproximadamente e vimos tamén a súa clasificación, os modelos de xestión de residuos, o ciclo da materia orgánica e os seus beneficios. 
 
Logo, fixemos a auditoría.  Primeiro dedicámonos á fase de diagnóstico para saber como está o noso centro. Para facelo, comezamos separando o lixo xerado no centro en plásticos, aluminio, papel, materia orgánica, vidro e restos. A continuación, pesamos cada unha das partes previamente clasificadas e finalmente apuntamos e interpretamos os resultados nunha táboa que nos deron. 
 
Pódese acceder ao resto das imaxes aquí
 
Dámari Carballo Dorado – 1° Bach A

A horta escolar do IES Perdouro

No departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES O Perdouro tratamos de aproximar os nosos alumnos ao medio máis próximo. Neste caso levámolo a cabo a través dunha horta escolar. 

O obxectivo é que o alumnado cultive verduras e hortalizas fomentando así a alimentación saudable e o coidado do medio ambiente. Este trimestre os alumnos de 1º da ESO comezaron coa preparación do horto. Primeiramente, escolleron a zona máis adecuada do centro para a súa localización, baseándose na incidencia da radiación solar, humidade e características do solo. A continuación, planificaron a distribución do solo para organizar os distintos tipos de cultivos. As plantas que sementamos neste trimestre son aromáticas como a menta ou a herba luísa. Foron escollidas xa que atraen a numerosos insectos que favorecen o desenvolvemento do solo (vermes, cempés, xoaniñas, avispas, etc). Ademais, tamén estamos plantando verduras de temporada como son os repolos. 

No segundo trimestre continuaremos coa preparación dos sementeiros de leitugas, tomates ou pementos, que se plantarán xa no terceiro trimestre. 
 
O proxecto acaba de comezar, seguiremos informando!
 
M.ª José Fernández Vázquez - profesora do Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía

O acuario tropical do IES Perdouro

Na charla sobre o acuario impartida para 3º ESO A, B e PMAR, dentro das actividades do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, falouse sobre as especies de plantas e os coidados básicos para o seu mantemento. As plantas que hai son: 

Cyptocorine affinis 
Hygrophila difformis 
Alternanthera rosaefolia 
Hydrocotyle leucocephala 
Echinodorus, anubia barteri 
 
Tamén expliquei qué especies de peixes hai, das que o máis salientable é que se trata de peixes ovovivíparos (os ovos desenvólvense no ventre da nai) e peixes vivíparos (o embrión xéstase no interior da femia e nacen directamente). Estes peixes viven aproximadamente a 25º C e xa tiveron varios alevíns. As especies que hai no acuario son: 

Estudo dos réptiles: o dragón barbudo

O xoves 16 de decembro, a alumna de 3º ESO B María Isabel Hategan Lefter deu unha charla aos compañeiros sobre o dragón barbudo, aproveitando que un exemplar foi cedido durante un día ao noso instituto. Este réptil escamoso, da especie Pogona vitticeps, vive nos desertos e semidesertos de Australia, polo que é diurno, pode trepar árbores e aliméntase de vexetais, froitos e insectos. É territorial (non se poden xuntar dous machos e unha femia no mesmo espazo, porque se enfrontarían un ao outro). Cando se sente ameazado ou asustado, abre a boca e a súa barba pode volverse de cor negra.
 
Os rapaces tiveron ocasión de tocalo e mesmo de telo nos seus brazos xa que é inofensivo. 
 
Podedes ver máis imaxes desta actividade AQUÍ
 
Fabiana Monteiro Pereira - 3º PMAR

Videoconferencia de Igaciencia – Novembro: mes da ciencia en galego "O que aprendemos da pandemia"

O 16 de novembro a doutora e neurocientífica Sonia Villapol falounos sobre o tema da pandemia e un pouco da súa vida fóra de Galicia.

Contounos cousas moi interesantes como a existencia das “Fake News”, noticias que provocan moita desinformación. Acompañou isto cunha mensaxe da OMS (Organización Mundial da Saúde): “Non só loitamos cunha pandemia senón cunha infodemia, debido á abundacia de noticias”.

Estratexia de ludificación na aula de Francés 4ºESO

En francés, a raíz do éxito televisivo e tirón da serie Lupín en Netflix, estivemos lendo unha versión adaptada das aventuras de Arsène Lupin e xogamos a un escape game da casa de edición francesa Marabout que nos serviu de inspiración para confeccionar as estratexias de 5 xogos bilingües de mesa articulados con robots preprogramados polo alumnado de tecnoloxía.

Tendo en conta os éxitos nas pantallas, o alumnado escolleu aventuras e persoeiros próximo ao seu recente mundo da infancia para elaborar os xogos de mesa.

Así pois a primeira elección foi as aventuras dun polo moi coñecido e algo desafortunado, Calimero. Máis para ir avanzando no xogo, había que resolver retos: compoñer quebracabezas, adiviñas, cálculo e unhas cantas preguntas sobre os tipos de mamíferos.

A segunda escolla, foi Xulio Vernes, autor de moitas das mellores aventuras. O libro escollido foi A volta ao mundo en 80 días para medir os coñecementos en xeografía e astucia dos xogadores. Houbo que lembrar o debuxo animado de Willy Fog e ler a versión adaptada do libro para idear as misións do xogo.

Outro xogo máis exótico inspirouse dun debuxo animado de Disney. O protagonista ía ser Stitch. Nos retos e enigmas para pasar de etapa había que saber idiomas, nomes de froitas e verduras, matemática e ter astucia e enxeño.

Un xogo polo que todos pasaron de novo é Super Mario. Neste taboleiro, Gomba, un fungo inimigo de Mario, está en busca da princesa. Gomba ten que ir levantando tarxetas para tratar de conseguir obxecos que lle permitirá seguir ou non o xogo.

Finalmente, o circo foi outro mundo que non podía faltar. O mono "patillo" tiña como misión atopar os plátanos agochados. Para iso tivo que seguir unhas pistas e descifrar enigmas: adiviñas, código morse, etc....

Como traballamos despois de acordar os equipos de traballo:

1º) Idear un mínimo de 5 retos / adiviñas / pistas / recompensas sobre o tema escollido: granxa, planisferio, illa deserta, circuíto, circo.
2º) Definir a situación de partida e o propósito/misión do xogo, e o premio final.
3º) Definir a puntuación: ganar puntos e/ou perder puntos.
4º) Crear as tarxetas do xogo: tarxetas narrativas, tarxetas pistas/falsas pistas, tarxetas recompensa, tarxeta retos/enigmas. O alumnado deseño as tarxetas en Canva cunhas medidas especiais que logo montaron nun documento odt para a súa impresión a dobre cara.
5º) Deseñar e fabricar o taboleiro nunha cartolina con elementos impresos en papel e plastificados. Algúns taboleiros teñen elementos 3D para que pare o robot e poñer a proba os seus sensores. O alumnado tivo que buscar por internet os debuxos que ía utilizar para ambientar o seu taboleiro. Tivo que escoller imaxes dunha certa calidade de resolución e redimensionalas á escala da súa impresión.

O alumnado ademais de ser competente en linguas (Francés, Galego e Castelán) tivo que empregar as TIC para a elaboración do material dos taboleiros e botar man dos seus coñecementos en cálculo, xeografía, bioloxía e cultura xeral para redactar as enigmas e adiviñas. Evidentemente demostraron moita creatividade tanto no deseño do taboleiro e tarxetas como na redacción das narracións de cada taboleiro.

Antes de último reto colectivo, estivemos xogando aos xogos dos compañeiros/as para probar que todo funcionarse e/ou corrixir algunha proba algo difícil de resolver.

Finalmente, chegará o gran día da Feira TecnoCienciArte onde divulgar estes proxectos interdisciplinares. O alumnado de 4ºESO será o mestre do xogo e poñerá a proba aos seus compañeiros de ESO.

Accede ás fotos do proceso AQUÍ.

Obradoiro: Luz, cor e ciencia

Os pasados xoves e venres 18 e 19 de novembro, o alumnado de 3º ESO do IES Perdouro participamos nun obradoiro chamado “Luz, Cor e Ciencia”, para celebrar o mes da Ciencia en galego no noso centro. Esta actividade estaba organizada polos departamentos de Instalación de Telecomunicacións e o Departamento de Educación Plástica e Visual. Foron as profesoras Marga López Periago e Ruth Adrio Monterroso as que nos impartiron este luminoso e colorido obradoiro.
 
Comezamos repasando os conceptos básicos sobre as cores pigmento (maxenta, cian e amarelo) e as cores luz (vermello, verde e azul), a dispersión da luz branca cun prisma de cristal feito por Isaac Newton, a percepción das cores e as súas mesturas. E para continuar fixemos unha serie de experiencias prácticas: 

Conferencia sobre enerxía mariña con Patxi García Novo

O venres día 21 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato e o de 4º da ESO tiveron unha charla sobre o emprego e as vantaxes da enerxía mariña. 

Esta charla foi impartida por Patxi G. Novo, que traballa en Nagasaki, unha cidade xaponesa historicamente portuaria. Explicou como do mar podemos obter varias enerxías renovables, como a solar e a eólica, non só a hidráulica (por exemplo, as placas solares e os eólicos no mar). Tamén falou sobre a enerxía maremotriz, que aproveita o movemento das mareas, e a undimotriz, que aproveita a enerxía das ondas e consiste en ... seguir lendo a crónica de Ainhoa Mía Quiroz Huamán, 4º ESO B no blogue de Perdourando.

O mundo na túa cabeza

O venres 21 de abril o alumnado de 4º da ESO tivemos unha charla organizada pola Universidade da Coruña denominada “O mundo na túa cabeza” onde nos falaron sobre como funciona o noso cerebro.

Ao principio explicáronnos, como introdución, que son as neuronas e como funcionan. As neuronas son as células do noso corpo encargadas de percibir a información do exterior e procesala; son indispensables para o funcionamento do cerebro. Contáronnos que todos tiñamos un gran número delas e, salvo que se padeza unha enfermidade, é imposible quedarse sen elas. De feito canto máis maior sexa unha persoa ... seguir lendo a crónica de Antón Expósito Campo, 4º ESO B no blogue de Perdourando.

Física Re-Creativa: Interferencia

O pasado venres 23 de abril, os alumnos de 4º ESO, 1º BACH e do ciclo de Electrónica asistimos a unha charla sobre a forma en que o noso ollo capta a luz branca cando interfire un corpo.
José Benito Vázquez Dorrío, profesor da área de Física aplicada na Universidade de Vigo, comezou dicíndonos o que iamos facer: unha serie de experimentos relacionados co mundo das ondas que o alumnado de 1º na universidade realiza en materias como Física.
Primeiro, fixo unha breve introdución sobre as ondas, propagacións no espazo da enerxía, ... seguir lendo no blogue de Perdourando a crónica de Kai Quelle de 1ºBACH A

 

Conferencia sobre impresión 3D para a elaboración de produtos de apoio

O venres 16 de abril un grupo de 4º da ESO de Tecnoloxía e o alumnado do Ciclo Medio de Electrónica do IES Perdouro tivemos unha charla sobre o uso que se lle pode dar á impresión en 3D con respecto á fabricación de obxectos para persoas con deficiencias físicas.
 
Thais Pousada García, enfermeira e membro do grupo TALIONIS foi a encargada de impartir estas charlas de divulgación científica que forman parte da campaña de difusión dos traballos de investigación levados a cabo polo grupo TALIONIS da Universidade da Coruña.

Nesta charla explicáronnos que moitos destes obxectos no mercado poden custar moitísimo diñeiro; pero, ao poder deseñalos nós no ordenador e logo imprimilos en 3D, é moito máis fácil e barato. E ademais poderiamos doar estes obxectos ás persoas que necesitan esta axuda.

Daniel Pernas Martínez, 4º ESO-B

Ler o artigo publicado na web de Talionis: aquí

Distribuir contido


by Dr. Radut