Skip to Content

CURSO 2023/2024

Curso 2023/2024

CHARLA DA USC "O PROXECTO NA ENXEÑERÍA".

O venres 26 de xaneiro de 2024 tivo lugar no Salón de Actos do noso centro unha charla da USC, organizada polos Departamentos de Debuxo e de Tecnoloxía, sobre "O proxecto na Enxeñaría" para o alumnado de Debuxo Técnico e de Tecnoloxía e Enxeñería de 1º e 2º de Bacharelato. A charla foi impartida polo profesor da USC (campus de Lugo) Martín Barrasa Rioja.

CHARLA E PROXECCIÓN DE CURTAS DE NORTE CINEMA DIVERSO NO SALÓN DE ACTOS DO IES MONTE DAS MOAS

 

 

O xoves 25 de xaneiro de 2024 tiveron lugar, no Salón de Actos do noso centro, sendas sesións de proxección de curtas, charla e coloquio, co alumnado de 4º de ESO, en relación coas actividades do programa NCD Educa vencelladas a Norte Cinema Diverso, o certame de cinema LGTBI+  da nosa cidade, A Coruña. A actividade estivo organizada pola nosa compañeira do Departamento de Lingua Galega e Literatura, Mar Hemida Pico. A idea é achegar o festival aos centros educativos. A proposta consistiu en proxectar catro curtas, cunha duración de entre 30 a 40 minutos en total. Estas foron sobre o Bullying, menores LGTBI, familias LGTBI , novas realidades…Despois da proxección abriuse unha interesante e animada charla debate para o alumnado e o profesorado participante, onde acudiron dous representantes da Asociación Palestra LGTBI+, organizadora de NCD e un membro dunha das asociacións LGTBI+  da Coruña.  Animouse tamén ao alumnado e ao profesorado a acudir ás sesións do propio festival que se celebraron o 29 de febreiro e 2 de marzo. 

 

 

 

 

 

 

 

 

DESENVOLVEMENTO NO IES MONTE DAS MOAS POLOS ARTISTAS XOÁN CURIEL E RAQUEL GERMADE DO PROXECTO "CANTIGAS E MURAIS PARA O COÑECEMENTO DO REINO MEDIEVAL DE GALICIA" DENTRO DO II CERTAME "FONDO DE PROXECTOS CULTURAIS REINO DE GALICIA 2023"

 

Ao longo do primeiro trimestre do curso 2023-2024 e durante o mes de xaneiro do mesmo desenvolveuse no IES Monte das Moas o moi interesante proxecto"CANTIGAS E MURAIS PARA O COÑECEMENTO DO REINO MEDIEVAL DE GALICIA"  dentro do II Certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2023". 

Esta iniciativa desenvolvida polo músico, Xoán Curiel, e a artista plástica, Raquel Germade, está promovida pola Deputación da Coruña, e foi coordinada e organizada polo EDLG, o Equipo da Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura do noso Instituto, en especial polas nosas compañeiras Ana Isabel Martínez Fernández e Mar Hermida Pico. A actividade estivo dirixida cara a nosa comunidade escolar, pero especialmente cara ao alumnado de 3º de ESO e 1º de Bacharelato.

As actividades culminaron en xaneiro:

1) na tarde do luns 22, coa realización dun concerto no Salón de Actos do noso centro, coa asistencia do alumnado de 3º de ESO e 1º de Bacharelato, realizado por Xoán Curiel acompañado polo percusionista Carlos Freire. Neste concerto didáctico interpretáronse cantigas medievais actualizadas, proporcionando un mergullo na rica cultura musical da Galicia. Ademáis houbo preguntas do público e a participación do alumnado a nivel musical no propio concerto con instrumentos e voces.

2) coa elaboración dun Mural: a muralista Raquel Germade estivo no noso centro os días 22, 29 e 30 de Xaneiro do 2024 realizando un mural na porta da cafetería acerca da figura histórica do Reino de Galicia: María Balteira. A obra agora adorna orgullosamente un dos corredores do noso instituto e unha das entradas á nosa cafetería.

Ademais da realización do mural e o concerto durante o proxecto se desenvolveron outras actividades:

-Entrega ao Instituto dun CD físico do traballo “Treides comigo!” do artista Xoán Curiel, contendo as gravacións que foron cantadas no concerto, para que este momento especial poida ser revivido e compartido.

-Entrega dunha Unidade Didáctica que foi traballada nas aulas de Lingua e Literatura Galega antes e despois do concerto. Esta unidade complementou o coñecemento adquirido durante o proxecto, enriquecendo o proceso de aprendizaxe.

-Realización de reunións e toma de decisións entre o equipo do proxecto e as responsables da actividade no noso centro, así como un plan de comunicación específico para o centro, onde se tentou chegar ao alumnado e familias a través das actividades e das redes sociais do centro.

-Seguimento Audiovisual. Realización e Entrega dun Vídeo-Teaser: todo o concerto foi gravado en vídeo polo equipo de Xoán Curiel para fins de documentación e memoria. Este rexistro audiovisual permítenos revivir os momentos emocionantes vividos durante o concerto. Foi producido e entregado ao instituto un vídeo-teaser do proxecto. Este vídeo foi unha forma de presentar o proxecto á comunidade educativa e despertar o interese dos estudantes e profesores.

-Realización de Fotografías para Dixitalizar o Mural. Entrega das Fotografías ao Centro: fotografías detalladas do mural foron tiradas para fins de dixitalización e arquivo. Estas fotos capturan con detalle a obra, preservándoa para futuras xeracións. Todas as fotografías dixitais do mural foron entregadas ao Instituto, garantindo que o traballo dos estudantes e artistas sexa documentado e preservado.

-Realización de enquisas entre profesorado e alumnado con cuestións relativas á valoración, aproveitamento da actividade e interese da proposta.

Ademais, é importante salientar que o proxecto foi desenvolvido na lingua galega e foi abordado dende unha perspectiva de xénero e de igualdade efectiva entre homes e mulleres, promovendo a inclusión e o respecto mutuo.

En resumo, o proxecto "Cantigas e murais para o coñecemento do Reino Medieval de Galicia" foi unha experiencia enriquecedora para toda a comunidade educativa do Instituto de Educación Secundaria Monte das Moas da Coruña.

Tanto os artistas como as persoas responsables do desenvolvemento deste proxecto queren agradecer o apoio de todos as persoas e institucións que fixeron posible este proxecto.

Estas son as súas verbas:

"Rematamos unha etapa especial no noso instituto! 
Grazas a Raquel Germade, Xoán Curiel a Carlos Freire que se achegaron para traernos parte da nosa historia a través deste marabilloso proxecto sobre o Reino de Galicia. Foi diferente e interesante asistir ao concerto participativo e ir vendo aos poucos como se desenvolvía o mural. Unha experiencia que pensamos que será inesquecible!" 
 
#CertameFondodeproxectosculturaisReinodeGalicia
 
#deputaciondacoruña #xoan_curiel #raquel_germade #Bleuennlefriec #ReinodeGalicia #ACulturaÉUnDereito #EducaciónTransformadora
 
Aquí tedes uns videos do concerto:
 
 
 
 
 
Tamén tedes unha escolma de fotografías das actividades.
 
 

CONCERTO DIDÁCTICO DA OSG NO PAZO DA ÓPERA DA CORUÑA PARA ALUMNADO DE 2º DE ESO

O venres 19 de xaneiro de 2024 o alumnado de 2º de ESO acudiu ao Pazo da Ópera da Coruña para asistir ao concerto didáctico "Xogo de espellos" desenvolvido pola Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) nunha actividade organizada polo Departamento de Música do IES Monte das Moas.

En "Xogo de Espellos", a través dunha estética actual, con música para piano de compositores coñecidos como Chopin, Beethoven, Bach e outros, Javier Otero establece un xogo coa música electrónica no que pregunta:  Que teñen en común Lady Gaga coa música do Romanticismo? Teño oído musical? Hai que saber de música para gozar de Beethoven?

A música electrónica pode establecer pontes coa música“clásica”, pero tamén Bach pode establecer nexos coa música electrónica.

Todo isto en directo e participando do proceso creativo.

No transcurso da actividade a nosa alumna Amanda López Puñal (2º ESO C) tivo un destacado papel e demostrou os seus coñecementos e destrezas musicais.

 

CHARLA NO SALÓN DE ACTOS PARA 4º ESO A E B SOBRE QUÍMICA E CINE

O martes 16 de xaneiro de 2024 tivo lugar no salón de Actos do Instituto unha enriquecedora charla para o alumnado de Ciencias (Física e Química) de 4º de ESO (4ºA e 4ºB) sobre "Química e cine" organizada polo Departamento de Física e Química.

 

CHARLA DA USC SOBRE AS ABAU NO SALÓN DE ACTOS PARA O ALUMNADO DE 2º DE BACHARELATO

O luns 15 de xaneiro tivo lugar no salón de Actos do noso centro unha charla da USC para 2º de Bacharelato sobre as ABAU que serviu tamén de presentación da Universidade de Santiago de Compostela. A charla foi impartida pola profesora  da USC, Luz Zas.

CHARLA DA USC SOBRE O DEBUXO EN LEONARDO DA VINCI PARA ALUMNADO DE DEBUXO TÉCNICO I E II E DE TECNOLOXÍA E ENXEÑERÍA I E II

O venres 15 de decembro de 2023 tivo lugar unha charla da USC (Universidade de Santiago de Compostela) na aula de Informatica 1 para o alumnado de Debuxo Técnico I e II (1º e 2º de Bacharelato) e de Tecnoloxía e Enxeñería I e II (1º e 2º de Bacharelato). A charla, organizada polo Departamento de Debuxo en colaboración co de Tecnoloxía, tratou sobre o Debuxo en Leonardo da Vinci coma vía de comunicación das suas ideas; a relación con outros protagonistas do seu tempo, a fe e a razon, o contexto político do Renacemento en Italia e as aportacions á pintura e arquitectura.

O conferenciante foi Javier López, enxeñeiro e profesor da Universidade de Santiago no campus de Lugo.

EXITOSA PARTICIPACIÓN DE ALUMNADO DE 4º DE ESO NO PROGRAMA CONCURSO DE RTVE "SABER Y GANAR"

Dúas alumnas e un alumno de 4º da ESO representaron ao noso Instituto no programa concurso Saber y Ganar da 2 de RTVE.

Carmela Taboada, Renata Pía Rial e Adrián López Bocija acudiron ao programa acompañados do profesor do Departamento de Xeografía e Historia, Juan Antonio Colao Barbas e acadaron unhas puntuacións moi meritorias, tal e como podedes ver nos dous programas nos que participaron emitidos durante as vacacións do Nadal.

O alumnado de 4º ESO que representou ao noso centro no programa de RTVE Saber y Ganar, Carmela, Renata e Adrián completaron a proba do Dobre Gran Minuto en tempo e acadaron a máxima puntuación de todos os centros escolares participantes a nivel nacional: 4620 puntos.

 Aquí tedes os enlaces aos dous programas protagonizados por este excelente alumnado:

Programa do 29/12/2023

Programa do 03/01/2024

 

 

O alumnado, despois da súa brillante participación no concurso, recibiu uns agasallos por parte do noso centro educativo.

 

 

 

 

 

 

 

A prensa local recolle novas sobre este asunto e podedes lelas nestas ligazóns: no xornal La Opinión  despois do primeiro programa e nestoutra nova do 5 de xaneiro logo de rematar a súa participación coa maior puntuación de todos os institutos, o que os levou a acadar a cifra de 4620 euros. Tedes tamén as novas recollidas no xornal   La Voz de Galicia.

 

Tamén o xornal El Español recolle a crónica da súa participación nesta  noticia , onde dan conta da súa fazaña ao completar a proba do Dobre Gran Minuto en tempo cun pleno de 15 respostas correctas ás 15 preguntas formuladas.

 

Ademais acudiron á Cadea Ser foron entrevistados xunto co seu profesor e non descartan continuar a súa participación en máis concursos televisivos como Reacción en Cadena. Podedes escoitar a entrevista neste enlace .

 

 

ALICIA CHAMORRO GARCÍA, CAMPIONA MUNDIAL SUB-16 WBC EN LOITA MUAY THAI

A nosa alumna de 4º de ESO A, Alicia Chamorro García, proclamouse campiona mundial sub-16 da WBC en loita Muay Thai, na modalidade de peso lixeiro, na localidade italiana de Sorrento, perto de Nápoles. Alicia derotou na final á italiana Valentina Cancelo aos puntos nun combate sensacional, tal como recollen os medios da prensa.

PARABÉNS Á NOSA CAMPIONA MUNDIAL!!!! É UNHA HONRA PARA O IES MONTE DAS MOAS.

 

 

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

No mes de decembro de 2023 celebrouse un concurso de postais de Nadal organizado por Bibliomoas e o EDLG.

Os gañadores e as gañadoras do concurso foron os seguintes alumnos e alumnas:

Claudia Castanedo García 3º ESO A

 David López Sánchez 3º ESO C

Celia Rey Mirás 3º ESO A

Dimas Cardóniga Cachadiña 3º ESO B

Sabela Ares Dopico 3º ESO A

Cloe Ramos Incio 3º ESO A

Iago López García 3º ESO B

Aquí tedes os fermosos deseños das  postais gañadoras no certame de postais de Nadal.

Distribuir contido


by Dr. Radut