Skip to Content

DESENVOLVEMENTO NO IES MONTE DAS MOAS POLOS ARTISTAS XOÁN CURIEL E RAQUEL GERMADE DO PROXECTO "CANTIGAS E MURAIS PARA O COÑECEMENTO DO REINO MEDIEVAL DE GALICIA" DENTRO DO II CERTAME "FONDO DE PROXECTOS CULTURAIS REINO DE GALICIA 2023"

 

Ao longo do primeiro trimestre do curso 2023-2024 e durante o mes de xaneiro do mesmo desenvolveuse no IES Monte das Moas o moi interesante proxecto"CANTIGAS E MURAIS PARA O COÑECEMENTO DO REINO MEDIEVAL DE GALICIA"  dentro do II Certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2023". 

Esta iniciativa desenvolvida polo músico, Xoán Curiel, e a artista plástica, Raquel Germade, está promovida pola Deputación da Coruña, e foi coordinada e organizada polo EDLG, o Equipo da Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura do noso Instituto, en especial polas nosas compañeiras Ana Isabel Martínez Fernández e Mar Hermida Pico. A actividade estivo dirixida cara a nosa comunidade escolar, pero especialmente cara ao alumnado de 3º de ESO e 1º de Bacharelato.

As actividades culminaron en xaneiro:

1) na tarde do luns 22, coa realización dun concerto no Salón de Actos do noso centro, coa asistencia do alumnado de 3º de ESO e 1º de Bacharelato, realizado por Xoán Curiel acompañado polo percusionista Carlos Freire. Neste concerto didáctico interpretáronse cantigas medievais actualizadas, proporcionando un mergullo na rica cultura musical da Galicia. Ademáis houbo preguntas do público e a participación do alumnado a nivel musical no propio concerto con instrumentos e voces.

2) coa elaboración dun Mural: a muralista Raquel Germade estivo no noso centro os días 22, 29 e 30 de Xaneiro do 2024 realizando un mural na porta da cafetería acerca da figura histórica do Reino de Galicia: María Balteira. A obra agora adorna orgullosamente un dos corredores do noso instituto e unha das entradas á nosa cafetería.

Ademais da realización do mural e o concerto durante o proxecto se desenvolveron outras actividades:

-Entrega ao Instituto dun CD físico do traballo “Treides comigo!” do artista Xoán Curiel, contendo as gravacións que foron cantadas no concerto, para que este momento especial poida ser revivido e compartido.

-Entrega dunha Unidade Didáctica que foi traballada nas aulas de Lingua e Literatura Galega antes e despois do concerto. Esta unidade complementou o coñecemento adquirido durante o proxecto, enriquecendo o proceso de aprendizaxe.

-Realización de reunións e toma de decisións entre o equipo do proxecto e as responsables da actividade no noso centro, así como un plan de comunicación específico para o centro, onde se tentou chegar ao alumnado e familias a través das actividades e das redes sociais do centro.

-Seguimento Audiovisual. Realización e Entrega dun Vídeo-Teaser: todo o concerto foi gravado en vídeo polo equipo de Xoán Curiel para fins de documentación e memoria. Este rexistro audiovisual permítenos revivir os momentos emocionantes vividos durante o concerto. Foi producido e entregado ao instituto un vídeo-teaser do proxecto. Este vídeo foi unha forma de presentar o proxecto á comunidade educativa e despertar o interese dos estudantes e profesores.

-Realización de Fotografías para Dixitalizar o Mural. Entrega das Fotografías ao Centro: fotografías detalladas do mural foron tiradas para fins de dixitalización e arquivo. Estas fotos capturan con detalle a obra, preservándoa para futuras xeracións. Todas as fotografías dixitais do mural foron entregadas ao Instituto, garantindo que o traballo dos estudantes e artistas sexa documentado e preservado.

-Realización de enquisas entre profesorado e alumnado con cuestións relativas á valoración, aproveitamento da actividade e interese da proposta.

Ademais, é importante salientar que o proxecto foi desenvolvido na lingua galega e foi abordado dende unha perspectiva de xénero e de igualdade efectiva entre homes e mulleres, promovendo a inclusión e o respecto mutuo.

En resumo, o proxecto "Cantigas e murais para o coñecemento do Reino Medieval de Galicia" foi unha experiencia enriquecedora para toda a comunidade educativa do Instituto de Educación Secundaria Monte das Moas da Coruña.

Tanto os artistas como as persoas responsables do desenvolvemento deste proxecto queren agradecer o apoio de todos as persoas e institucións que fixeron posible este proxecto.

Estas son as súas verbas:

"Rematamos unha etapa especial no noso instituto! 
Grazas a Raquel Germade, Xoán Curiel a Carlos Freire que se achegaron para traernos parte da nosa historia a través deste marabilloso proxecto sobre o Reino de Galicia. Foi diferente e interesante asistir ao concerto participativo e ir vendo aos poucos como se desenvolvía o mural. Unha experiencia que pensamos que será inesquecible!" 
 
#CertameFondodeproxectosculturaisReinodeGalicia
 
#deputaciondacoruña #xoan_curiel #raquel_germade #Bleuennlefriec #ReinodeGalicia #ACulturaÉUnDereito #EducaciónTransformadora
 
Aquí tedes uns videos do concerto:
 
 
 
 
 
Tamén tedes unha escolma de fotografías das actividades.
 
 


page | by Dr. Radut