Skip to Content

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Proxectos

Proxectos do Centro

.

 

PROXECTOS NOS QUE PARTICIPA O CENTRO

O IES Monte Carrasco vén participando dende fai varios cursos, en diversos proxectos educativos, buscando sempre a mellora da calidade do ensino no noso centro

En concreto, neste curso 2021-22 participa nos seguintes (están dispostos por orde alfabética):

 

Contratos Programa

CPInnova

A iniciativa de Contratos-Programa Innova (CPInnova) trata de constituír un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan desenvolver un plan de mellora no que se permita, en función das necesidades detectadas e do proxecto educativo, potenciar, de forma prioritaria, o desenvolvemento das competencias clave, afondar no logro da excelencia educativa, incentivar o talento do seu alumnado, promover hábitos de vida saudables, impulsar unha educación para o desenvolvemento sostible e mellorar a xestión dos centros.

O Centro participa nos Contratos-Programa Innova 2021-22 na modalidade de Edu-Sostenibilidade.  A finalidade deste programa é promover entre o alumnado o desenvolvemento sostible e fomentar a súa participación activa para afrontar o cambio climático.  Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e está coordinado pola profesora Cristina Fernández Rivera do Departamento de Ciencias Naturais.

Dentro deste Programa o centro puxo en marcha neste curso 2021-2022 a iniciativa En Plan Sostible, onde se inclúen actividades tales como a posta en funcionamento do invernadoiro, xestión de residuos: compostaxe e reciclaxe de plástico, papel e cartón.

Dentro tamén deste Programa o centro participa na actividade Generación Eco da entidade sen ánimo de lucro EcoVidrio.

 

Para dar a coñecer todas as actividades relacionadas con este Proxecto pódese acceder ao blog En Plan Sostible.

 

CPRecupéra-T

O Plan Recupera forma parte da Estratexia Galega de Inclusión Educativa, EduInclusión 2021-2025, que a consellería desenvolverá a partir do curso 2021/22, constituíndo un dos eixes que vertebran dita estratexia.  Este plan constitúese como o marco para a mellora dos resultados  escolares do alumnado, especialmente o máis vulnerable, e reflicte a estratexia de fomento da calidade, a equidade, a inclusión e o éxito na educación e formación. Neste contexto seleccionaranse os apoios necesarios ao alumnado que os requira e aos centros nos que estea escolarizado.

 

Este curso 2021-22, o IES Monte Carrasco ven de acollerse aos programas ARCO e PROA+, que nos permite poñer en marcha medidas de reforzo dentro da aula.  

PROGRAMA ARCO

PROGRAMA PROA+

 

1º, 2º e 3º ESO

4º ESO

1 docente de Pedagoxía Terapéutica

a xornada completa, durante o 1º trimestre

1 docente de Pedagoxía Terapéutica a media xornada, durante todo o curso

44 alumnos e alumnas beneficiados

8 alumnos e alumnas beneficiados

 

CPInclúe

A iniciativa de Contratos-programa Inclúe 2021/22 pretende que os centros educativos desenvolvan un plan de mellora no que poidan, en función das necesidades detectadas e do seu proxecto educativo, acadar o éxito educativo a través da implementación de programas que promovan a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a inclusión, a redución das taxas de abandono escolar temperán, o desenvolvemento da competencia emocional e, en xeral, a mellora do clima escolar de toda a comunidade educativa.

Así, este curso o IES Monte Carrasco solicitou programas nas 5 modalidades do Plan:

QUEDA-T (Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar).

Levaranse a cabo as seguintes accións:

  •  Concurso de música en galego
  •  Obradoiro de canto
  •  Obradoiro de técnicas de traballo intelectual

 

 

IGUALA-T (Accións que interveñan no fomento da coeducación, isto é, a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes; a prevención, a detección e o tratamento das violencias machistas; e a promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual e de xénero). 

Levaranse a cabo as seguintes accións:

  • Actividades conmemorativas do 8 de marzo
  • Obradoiro de Novas Masculinidades
  • Actividades en torno ao 25 de novembro

 

CONVIVE  (Medidas que favorezan o clima escolar e as relacións entre os membros da comunidade educativa, actuacións preventivas de condutas violentas ou discriminatorias, actuacións de acollida nos centros educativos, a conciliación ou mediación escolar, a xestión de conflitos e outras accións similares)  

Levaranse a cabo as seguintes accións:

  •  Programa de Alumnado Axudante
  • Programa de Transición Primaria-Secundaria

 

 

INCLUE-T  (Medidas que fomenten e melloren a inclusión nos centros educativos). 

Levaranse a cabo as seguintes accións:

  •  Creación dun espazo para a calma
  •  Charlas ao alumnado sobre a saúde mental
  •  Formación ao profesorado sobre alumnado TEA

 

EMOCIONA-T (Accións para a mellora da competencia socioemocional de toda a comunidade educativa, que redunde no benestar emocional persoal e social e na súa calidade de vida).

Levaranse a cabo as seguintes accións:

  •  Obradoiro de Mellora das Competencias Socioemocionais
  •  Obradoiro de expresión das emocións a través da expresión escrita 

 

 

 Equipa de Dinamización da Lingua Galega

A Equipa de Dinamización da Lingua Galega ten como función promover o uso do galego entre os membros da comunidade educativa, poñendo especial énfase no alumnado. Desde a equipa do EDLG do Ies Monte Carrasco promovemos este uso, organizando distintas actividades interdisciplinares, nas que participen distintas materias e non só a específica de lingua galega, como pode ser por exemplo: un  concurso de logos para o Plan de Sostenibilidade do centro, un combate de debuxantes ou un concurso de música en galego.  Ademais, organizamos as actividades lúdicas do centro como poden ser: o magosto, o samaín, etc. Tamén temos reunións periódicas coas outras equipas do EDLG dos institutos de Cangas cos que xa organizamos actividades en conxunto como o 25N ou un recital de video-poesía no auditorio.

 

Iniciativa E-DIXGAL, dentro do proxecto ABALAR

O Centro está adscrito ao Proxecto E-Dixgal (antes coñecido como Proxecto Abalar) dende o curso 2010-2011. Conta con aulas equipadas co software e hardware informático precisos para integrar as novas tecnoloxías na práctica educativa. Dende fai 10 anos, cada curso académico o profesorado do centro recibe, a través de Plans de Formación Pemanente de Profesorado, formación específica en ferramentas dixitais e aproveitamento de ferramentas institucionais para o ensino mixto. Desde este curso, todo o alumnado do centro dispón dun ordenador portátil de uso individual. A coordinadora E-Dixgal é a profesora Raquel González Seoane e a Coordinadora do Plan Dixital de Centro é a profesora Elena López Vara.

 

 

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

 

A nosa biblioteca está inserida no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que concibe a biblioteca como un centro creativo para a construción de aprendizaxes. É un espazo privilexiado para o coñecemento e para a interacción social na que se comparte o que aprendemos. 

 

Entre os seus obxectivos está o fomento da lectura na nosa comunidade educativa. Neste sentido, contamos cun club de lectura dirixido ao alumnado, o Faladoiro, e un club de lectura para persoas adultas, o Faladoiro Maior. Este curso 2021-2022 iniciamos tamén un club de lectura manga.

 

A biblioteca coordínase co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa Radio Labirinto e cos departamentos didácticos para a organización de actividades relacionadas coa lectura, a escrita ou o coñecemento. Así, contamos con obradoiros de escrita creativa, a presenza de escritoras e escritores no centro, contacontos, concursos literarios, saídas didácticas, etc.

 

Podes consultar o noso catálogo, as nosas actividades e novidades no noso blog:

 

https://bibliotecamontecarrasco.wordpress.com/

 

ou seguirnos na nosa conta de Instagram:

 

#bibliocarrasco

 

 Radio Labirinto

 

O  proxecto de radio escolar no IES Monte Carrasco, denominado Radio Labirinto, partiu do departamento de música no curso 2016-2017 e foise consolidando paulatinamente ata chegar a ser un dos principais elementos dinamizadores do centro, grazas ao apoio de 3 equipos directivos sucesivos e a implicación crecente do profesorado así como a inserción dentro dos equipos de dinamización lingüística e de biblioteca. O éxito deste traballo foi recoñecido co premio do concurso Radio na Biblio do curso 2020-21 cuxa partida económica axudou a completar o equipamento necesario.

No presente curso 2021-22, as actividades relacionadas coa radio prográmanse desde o departamento de Música, Bioloxía e Xeoloxía, Tecnoloxía, Lingua Galega, o EDLG e a Biblioteca. Constituíuse desde o inicio de curso un equipo composto por alumnado de 1º a 4º de ESO que asume diferentes responsabilidades coordinado por Xosé Pumar Armada (dep. Música). As achegas do alumnado son escoitadas e tidas en conta para a programación. Para as diferentes fases da produción radiofónica utilízanse algúns períodos de lecer, determinadas clases das materias implicadas así como tempo non lectivo. Estas serían as principais liñas de traballo:

·       

Selección, edición e retransmisión dos fragmentos sonoros que marcan os cambios de sesión así como o inicio e remate das clases (o timbre escolar resérvase para a alarma de emerxencia).

·    Produción de podcasts, relatos radiofónicos, poesía musicada, entrevistas e outros. A maioría destes traballos son subidos á canle de Radio Labirinto na plataforma de podcasts on line Ivoox.

·       

Emisión durante os períodos de lecer, tanto en directo como en diferido, de producións radiofónicas elaboradas polo alumnado (programas musicais, reportaxes, etc.)

·       

Reprodución, a través da canle de Ivoox, durante períodos lectivos como a “hora de ler” ou sesións sinaladas en días conmemorativos, de programas de elaboración propia que se consideran de interese xeral para todo o alumnado.

 

·       

Radio Labirinto actúa como voceiro do instituto, cubrindo información sobre charlas, espectáculos, festivais, conmemoracións e demais eventos que se realizan no centro. Pretende expandir todo o que sucede no IES Monte Carrasco fóra da propia comunidade educativa, conectándoo coa contorna e convertendo o alumnado en suxeito activo no seu contexto social. 

Plan Proxecta+

O Plan Proxecta+ é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros.

Un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e medioambientais da sociedade actual e do futuro e poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.

Este curso, participamos nesta iniciativa na modalidade Proxectos de vida activa e deportiva, co programa “movámonos”.

De acordo coas directrices do PVAD ( Proxectos de vida activa e deportiva) o noso proxecto "MOVÁMONOS", ten como finalidade converter ao centro educativo nun centro promotor de vida activa e saudable.

Queremos converter ao IES Monte Carrasco nun dos lugares onde implantar estilos de vida activa e saudable que perduren ata a vellez, fomentando a práctica da actividade física e deportiva no día a día e nas doses recomendadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Facendo un traballo interdisciplinar entre os departamentos inscritos no proxecto.

Dentro do PVAD, participaremos en varios programas: milla diaria, camiña en bici á escola, máis e mellor actividade física, Móvete+, XOGADE, DAFIS

A responsable deste programa no centro é a profesora de Educación Física, Gema Gandón.

 

 Programa de Alumnado Axudante

A implantación de programas de alumnado axudante parte dos Sistemas de Axuda Entre Iguais para mellorar a convivencia nos centros educativos.

Coa axuda entre iguais preténdese involucrar ao alumnado na resolución dos conflitos, á vez que se traballa nas relacións interpersoais e se potencian actitudes de cooperación, empatía e tolerancia, erradicando comportamentos racistas, homófonos, sexistas ou calquera outra discriminación.

Forma parte do programa, alumnado de 1º ESO, que voluntariamente queira desempeñar estas funcións, previa selección dos seus compañeiros de clase e co consentimento das súas familias.  O alumnado seleccionado recibirá formación pertinente (6 sesións) e as súas intervencións sempre estarán apoiadas, asesoradas, supervisadas e coordinadas polo profesorado responsable do programa. Este curso 2021-22 as profesoras responsables do programa son Begoña Otero e Esther Iglesias.

Algunhas das funcións que pode desempeñar o alumnado axudante son:

  1. Facilitar unha mellor convivencia no grupo
  2. Escoita cando un compañeiro/a ten un problema
  3. Acolle ao alumnado que chega novo ao grupo
  4. Está atenta e atento aos compañeiros e compañeiras que poidan estar tristes, enfadados, por algún problema persoal
  5. Deriva a un compañeiro e compañeira cara a unha persoa adulta (persoa titora, orientadora, pais...), animándoo a falar con el nos casos máis complexos e/ou acordados nas reunións de coordinación de AX.
  6. Pode axudar a un compañeiro/a cando teña unha dificultade académica ou de relación con outro compañeiro/a ou profesor: escoitar, intermediar..

Seccións Bilingües

O IES Monte Carrasco vén participando no Plan de Seccións Bilingües, dende o curso 2005/06.

Unha sección bilingüe é o ensino dunha materia na que se traballa utilizando a lingua materna e a lingua estranxeira. Esta última introdúcese de xeito progresivo, partindo un mínimo dun cincuenta por cento.

No noso caso, o alumnado que forma parte do Plan de Seccións Bilingües cursa a materia de bioloxía e xeoloxía en inglés.

Este alumnado recibirá unha credencial por cada curso, expedida polo centro conforme participou no programa que se fará constar mediante dilixencia no seu historial académico.

Grazas ao desenvolvemento do Plan de Seccións Bilingües, no IES Monte Carrasco contamos dende o curso 2007/08 coa colaboración dun auxiliar de conversa nas clases de inglés e de bioloxía e xeoloxía bilingüe. A súa función é achegar a voz nativa do seu país de orixe ao alumnado e apoiar o labor do profesorado, posibilitando as prácticas de conversa en lingua estranxeira e representando un auténtico vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo.

 

A profesora Carmen Amado Fuentes é a coordinadora do Plan de Seccións Bilingües no centro.

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut