Saltar navegación

IMPRESIÓN 3D

Na fabricación da MarumaSat son necesarias pezas que non se atopan a venda. Sería posible adaptar algúns materiais, pero a mellor solución pasa por deseñar as nosas propias pezas e fabricalas mediante impresión 3D.

Aprende

Na imaxe podes comprobar que o proceso de fabricación dun obxecto de plástico mediante impresión 3D, comprende tres etapas. Cada unha delas ten unha finalidade diferente e emprega un software específico que debes coñecer.

Etapas impresión 3D. Raquel Rendo. Commons Wikimedia. CC BY-NC-SA 4.0

   

Deseño

Mediante o uso dun programa de deseño gráfico, debuxamos a peza que queremos fabricar mediante impresión 3D e gardamos o arquivo en formato .stl.

Os programas de deseño máis empregados son SketchUp, OpenSCAD, FreeCAD, etc... ou aplicacións en liña como Tinkercad ou Blockscad3D.

Na web podemos atopar tamén, repositorios con multitude de deseños dispoñibles de forma libre que podemos empregar directamente ou modificar para adaptar ás noxas necesidades. Entre eles destacan Thingiverse ou YouMagine.

Laminado

Nesta etapa empregamos un software que convirte o ficheiro .stl obtido ao formato .gcode que é o que entenden as impresoras.

Nesta transformación determínanse as capas de plástico necesarias para conformar a peza deseñada e a orde na que se van suceder.

Cura ou Slic3r son dous programas de laminación moi usados.

Impresión

O arquivo .gcode é o empregado pola impresora 3D, podemos copialo nunha tarxeta de memoria ou nun pendrive que se introducen na impresora ou ben traballar co ordenador conectado directamente a ela.

As impresoras 3D precisan para funcionar duns parámetros de temperatura e opcións de impresión que xeralmente son aportados polo fabricante, pero que poden ser modificados polo usuario para axustalos ás características da peza.

Repetier-Host é unha aplicación freeware que permite controlar a impresión, leva integrados os programas de laminación Cura e Slic3r e permite visualizar, durante a impresión, o trazado e a temperatura do hot-end.