Saltar navegación

FASES DO PROCESO TECNOLÓXICO

Aprende

Analizamos unha a unha todas as etapas:

Análise do problema

Nesta etapa debemos analizar con moita exactitude cal é o problema ou necesidade que queremos resolver: pensa que unha mala identificación pode dar lugar a solucións que non o resolvan ou o fagan de xeito parcial.

Tamén é importante ter en conta que condicións iniciais debe cumprir; estas poden afectar a aspectos funcionais, construtivos, económicos, estéticos, ecolóxicos ou de seguridade.

Pxhere. CC0 1.0

Busca de información

Posto que unha persoa non pode posuír todos os coñecementos necesarios para resolver calquera problema técnico, é necesario facer unha busca de información.

Para seleccionar a información de xeito doado, hai que coñecer que datos precisamos (normalmente están establecidos nas condicións iniciais) e consultar fontes de información adecuadas ao noso nivel de coñecementos. As principais son os libros, catálogos, a web, calquera obxecto da nosa contorna e as conversas que poidamos establecer con con persoas especialistas.

Clker. Pixabay. CC0 1.0

Deseño e planificación

Nesta etapa póñense en xogo a creatividade e os coñecementos científicos e tecnolóxicos.

Antes de iniciar o deseño compre determinar como dar solución ao problema ou necesidade identificado. Facémolo mediante a xeración e a concreción de ideas, é dicir, achéganse unha serie de solucións que aínda que poidan parecer correctas deben ser analizadas con detalle, para elixir aquela que sexa considerada a mellor. Se o traballo se realiza en grupo, un recurso moi eficaz é levar a cabo unha tormenta de ideas.

Pxhere. CC0 1.0

Elixida a idea, o deseño faise a través da expresión gráfica: bocetos, croquis e planos

A planificación dá fin á fase tecnolóxica establecendo de que forma se vai construír o obxecto técnico, é dicir, que materiais, compoñentes e ferramenta son necesarios para levar a cabo a fabricación do obxecto. Ademais, como esta é normalmente moi complexa, é necesario dividir a fabricación en pequenas unidades de traballo e determinar quen é o responsable de cada parte e cando se vai levar a cabo.

Construción

Nesta etapa levamos á práctica as ideas que se expresaron sobre o papel na fase de deseño e planificación. Para iso é necesario aplicar as destrezas no manexo dos materiais, compoñentes e ferramentas e procurar facer un traballo preciso e limpo e para coidar a estética do obxecto construído.

Nesta fase poden xurdir problemas inesperados que, nunhas ocasións, teñen solución, pero que noutras, obríganos a volver a deseñar unha parte do obxecto.

Pxhere. CC0 1.0

Avaliación

Trátase de analizar o obxecto construído coa finalidade de comprobar que cumpre coa necesidade orixinal, coas condicións iniciais e que o seu funcionamento é correcto. Ademais a avaliación debe servir para evitar que se repitan os mesmos erros en proxectos posteriores. 

Cabashito. Pixabay. CC0 1.0

Son os primeiros debuxos que se fan cando queremos transmitir unha idea. Están son feitos a man alzada e sen moito detalle

Tamén é un debuxo realizado a man alzada, pero moito máis detallado e contén información sobre as dimensións do obxecto

Son debuxos delineados, realizados con axuda de instrumentos de debuxo, para conseguir unha representación exacta e a escala dun obxecto e/ou as partes que o forman