Saltar navegación

CLASIFICACIÓN

Na MarumaSat empréganse ata 8 plásticos diferentes, pero 6 deles pertencen ao grupo dos termoplásticos sendo os dous restantes un termoestable e un bioplástico. Averigua que é o que os diferenza, aprende a diferencialos e a identificalos.

Aprende

En función da estrutura interna, diferenciamos tres tipos de plásticos:

TERMOPLÁSTICOS

En xeral, este tipo de plásticos non soportan ben as altas temperaturas: abrandan ao quentalos, o que permite moldealos e darlle novas formas que conservan ao arrefriar. Este proceso pode ser repetido tantas veces como se queira, o que permite a súa reciclaxe mediante calor.

A maioría dos obxectos cotiás están feitos con este tipo de plástico e levan gravado un símbolo que indica que o plástico é reciclable: formado por tres frechas curvas que forman un triángulo cun número no seu interior, que indica o tipo de plástico que é, e fóra del, unhas siglas que son a abreviatura do nome en inglés.

Simbolo termoplástico. Raquel Rendo. Commons Wikimedia. CC BY-NC-SA 4.0

TERMOESTABLES

Estes plásticos adquiren a condición de termoestables cando se lle da forma aplicando calor e presión, proceso que se coñece como curado. Orixínase así un plástico ríxido, fráxil e máis resistente ás altas temperaturas que os termoplásticos, pero que a diferenza destes non abrandan ao ser quentados de novo polo que non poden ser reciclados por calor.

ELASTÓMEROS

Caracterízanse por ser elásticos, é dicir, recuperan a súa forma inicial cando cesa a forza que os deforma. Non soportan ben a calor e degrádanse a temperaturas medias polo que non é posible reciclalos por calor.

BIOPLÁSTICOS

Os bioplásticos obtéñense a partir de residuos agrícolas, celulosa ou almidón de pataca ou millo, materiais biodegradables e que proveñen de fontes renovables polo que poden considerarse unha medida de redución do problema dos residuos plásticos.

O ácido poliláctico (PLA) foi un dos primeiros bioplásticos fabricados e empregámolo no taller para a impresión 3D.

Bobina PLA. Raquel Rendo. Commons Wikimedia. CC BY-NC-SA 4.0