Skip to Content

Somos Miraflores

Avda Miguel Hernández, 8. 15173- Oleiros (A Coruña).

Tno: 881 880 845. e-mail: ies.miraflores@edu.xunta.es

ERASMUS +

O pasado 8 de febreiro catro estudantes de 3º da ESO foron seleccionados para participar no programa Erasmus +. No mes de abril viaxarán a Chipre e traballarán en equipo con alumnado desta illa, así como tamén de Italia, Hungría e Portugal.

O primeiro paso do proceso de selección consistiu no deseño duns logos (poden verse nos aquivos adxuntos) e o segundo foi a realización dunha presentación oral en inglés sobre o concello de Oleiros. Os membros do departamento de Inglés, xunto con Andrés Gabín, do departamento de Matemáticas, exerceron de xurado e puntuaron as distintas presentacións tendo en conta varios criterios: o nivel de lingua, a estrutura, o contido e a creatividade.
O estudantado seleccionado, e por orde de puntuación, foi o seguinte:
Celtia Río Santos (3ºC)
Antía Rodríguez Montenegro (3ºB)
María Gómez Roel (3ºA)
Pedro Vila Cilleros (3ºC)

As alumnas Alejandra Gacho Mediavilla (3ºA) e Ainara López García (3ºC) quedaron de reserva e serán consideradas para a viaxe a Hungría no vindeiro mes de outubro.

Noraboa a todos e todas polo seu traballo e esforzo! 

SAÚDE, TERRA E ESTRATOSFERA!!

CRÓNICA DO II CONGRESO NOSA: A VIAXE DA MARUMASAT II

Por Iria García e Sergio Puertas (Tecnoloxía, 3º ESO C)

O pasado 5 de febreiro, alumnado de Tecnoloxía de 3º, 4º ESO e 2º BAC, de Ciencias Aplicadas de 4º ESO e de Robótica de 1º BAC acudiron a un congreso científico organizado polo IES Marco do Camballón de Vila de Cruces sobre o lanzamento da MarumaSat II á estratosfera. Tamén participou alumnado do IES Maruxa Mallo de Ordes, xa que que os tres institutos formamos a NOSA: Axencia Espacial Escolar Galega.

O alumnado do Miraflores participamos con dúas ponencias:

- Pablo de Tecno de 2º BAC explicou como fabricar e programar un datalogger mediante o Arduíno.

- Martín de Tecno de 4º ESO, fixo unha exposición sobre a temperatura de funcionamento da cámara de video que viaxa nas cápsulas.                     

E tamén Xabier, David, Sergio, César, Conchi e Angel deron a coñecer os obxectivos do lanzamento da MarumaSat III previsto para o mes de maio: instalación de novos sensores para medir radiación UV e do envio de distintos experimentos biolóxicos como unhas fabas para analizar a influencia da radiación UV sobre o seu desenvolvemento ou un ovo de abella raíña, tras o éxito do experimento coa miñoca "Xosé" enviada o ano pasado.

Ademais tivemos a oportunidade de falar con dous participantes do primeiro MarumaSat e con Anxo Pérez, periodista da TVG.

Ao final do congreso estaba planificada unha saída para ver as mámoas de Oirós, pero debido ao mal tempo non puido realizarse, polo que tivemos unha charla sobre o megalitismo no propio auditorio.

Podes visitar o noso album de fotos.

 Imaxe: Faro de Vigo (clic para ver noticia)

VISITA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

 

O pasado xoves, 8 de febrero, o Departamento de Orientación organizou para o alumnado de 2º de Bacharelato unha saída á Universidade de Santiago de Compostela, dentro do Programa A Ponte e no marco do Plan de Orientación Académico-Profesional. A primeira hora da mañán realizamos un percorrido polas facultades que cada alumno estaba interesado en visitar. Con posterioridade, tivemos a oportunidade de xantar nun comedor universitario e de falar con alumnos que están en diferentes modalidades de aloxamento: piso compartido, colexio maior e residencia universitaria. Respecto desta última modalidade visitamos as instalación de Monte da Condesa. O alumnado valorou  positivamente os encontros cos nosos exalumnos pero, en especial, a charla que tivemos no Centro Superior de Hostelería durante a tarde. Da mán de exalumnos e representantes do centro, coñecimos toda a súa oferta educativa e as saídas laborais da mesma. 

IX OLIMPIADA DE XEOLOXÍA

 

O mércores 7 de febreiro doce alumnos de 1º de bacharelato participaron na fase galega da IX Olimpiada de Xeoloxía na facultade de Bioloxía da USC. As probas de grupo comezaron pola mañá  cunha "xincana xeolóxica" na mesma facultade e tamén  polo Campus Sur . Xa pola tarde tivo lugar a proba individual seguida dunha charla ofrecida polo decano Antonio Segura, orientada ás saídas profesionais do grao de Bioloxía. Posteriormente todos os que o desexaron visitaron os laboratorios de Microbioloxía, Xeoloxía e o animalario da facultade.

Parabéns a todos pola experiencia!

PREMIOS ENQUISA PRESTIGE. BIBLIOTECA MIRAFLORES.

 

O xoves, 1 de febreiro entregáronse os premios do Concurso de Enquisas da Exposición do Prestige. Este concurso estivo organizado pola biblioteca do centro dentro do proxecto “O mar como fondo” que estamos traballando neste curso.

Desde o 13 de novembro, no andar superior tivemos unha exposición que lembra o desastre do Prestige do que se cumpriron 15 anos. Contamos con 14 paneis cedidos polo CEIDA que mostran os aspectos máis relevantes da traxedia do Prestige, as causas, a xestión, as consecuencias.

O alumnado de 1ºESO e 2ºESO estivo contestando unhas enquisas elaboradas para que recadasen a información máis importante dos paneis. Estamos moi satisfeitas xa que a grande maioría as enquisas estaba moi completa. Así foi que se ampliaron os premios: houbo primeiros premios, e numerosos accésits. Parabéns para todos e todas.

ESTADÍAS LINGÜÍSTICAS DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria duplica este ano as prazas de estadías lingüísticas para o alumnado ao convocar un total de 1400. 

Podedes obter información máis completa no blog do Departamento de Orientación.

http://lacoladelperro.blogspot.com.es/2018/02/educacion-duplica-as-prazas-de-estadias.html

VISITA CASA DAS CIENCIAS (A CORUÑA)

 

O día 7 de  febreiro os alumnos de “Cultura científica” de 4º ESO realizaron unha visita á Casa das Ciencias (A Coruña) onde observaron un péndulo de Foucalt e interpretaron o seu funcionamento, visitaron a exposición “Astronomía como cha contan” e participaron nunha sesión no planetario correspondente ao ceo da noite do 7 de febreiro na que aprenderon a identificar constelacións observables con facilidade no ceo do hemisferio norte, estrelas máis visibles a simple vista e como localizar algúns planetas durante as noites de febreiro; e tamén foi proxectado un documental sobre a materia escura na cúpula do planetario.

 

DE LERIA CON CASTELAO. BIBLIOTECA AS TORRES STA. CRUZ.

 

O 8 de febreiro, grazas á colaboración das Bibliotecas Municipais de Oleiros, o alumnado de 2º ESO puido gozar da obra de teatro De leria con Castelao, da compañía Galeatro, que foi representada no auditorio das Torres de Santa Cruz.

As rapazas e os rapaces prestaron moita atención ao argumento, que ía entretecendo datos biográficos e versións dramatizadas de fragmentos da obra do autor rianxeiro.

 

Ademais, o actor Tone Martínez axudounos a reflexionar facéndonos preguntas sobre as historias de emigración das nosas familias. Fíxosenos moi curta a saída para todo o que tiñamos que contar!

CONCURSO DE RELATOS PARA OS ALUMNOS DE 2º DE ESO

 

O pasado venres 19 de xaneiro todos os alumnos de 2º de ESO asistiron, no Salón de Actos do centro, á Presentación da 58ª Edición do concurso Coca-Cola “Jóvenes Talentos de Relato Corto”, na modalidade de castelán. Carmen Grueiro Noche informoulles sobre a historia, as bases e os premios do concurso.

A proba escrita celebrarase en toda España os días 16 e 17 de marzo de 2018. Nela os alumnos terán que amosar o seu talento escribindo un relato curto. Nesta edición, formarán parte do xurado nacional escritores como Ángeles Caso, José María Merino e Luis Mateo Díez.

 

Moita sorte aos participantes!

ASIGNACIÓN DE PRAZAS

A lista provisional de admitidos e non admitidos faráse pública antes do 25 de abril de 2018.

A lista definitiva de admitidos e non admitidos faráse pública antes do 15 de maio de 2018

Distribuir contido


by Dr. Radut